Disciplina Positiva na aula

A Disciplina Positiva, con case cen anos de traxectoria, é unha metodoloxía educativa, avalada polos descubrimentos da neurociencia. Consiste en establecer relacións horizontais cos nenos e nenas, creando aulas e centros onde predomine o respecto mutuo e se favoreza a capacitación do alumnado nas habilidades de vida máis importantes. Empregando os seus principios e ferramentas, favorécese a cohesión grupal, prevéñense condutas disruptivas ou de acoso, mellórase a motivación cara o estudo e convivimos cun bo clima na aula.
As actuacións articúlanse en torno á ausencia de premios e castigos como motivadores da conduta, o alento ao alumnado e a consideración dos erros como oportunidades de aprendizaxe. A asemblea de clase diaria e estruturada é o motor principal do proxecto. Nela traballamos a educación emocional, a resolución de problemas ou a comunicación asertiva. As dinámicas de grupo, os xogos de roles, e o diálogo son as principais vías utilizadas.
So cambiando a nosa mirada á infancia, establecendo relacións de respecto cos nenos e nenas e permitíndolles practicar habilidades persoais en contextos significativos, poderán aprender a respectarse e serán o motor dun mundo máis humano. A Disciplina Positiva ofrece un marco estruturado, completo e riquísimo para mellorar o clima do centro e o noso traballo docente, e dotar ao alumnado de competencias imprescindibles para a vida. Para nós, foi atopar a peza que faltaba no noso quebracabezas e queremos compartilo. 

Materiaisd

Ana Belén Fuentes Velo

CEIP Alborada

Mestra de Educación Primaria e Certificada en Disciplina Positiva na familia e na aula polo Positive Discipline Association.

Mónica Carneiro Varela

CEIP Wenceslao Fernández Flórez

Mestra de Educación Primaria e Certificada en Disciplina Positiva na familia e na aula polo Positive Discipline Association.