Que é un portafolio
Nacemento do portafolio
O portafolio é unha ferramenta que se empezou a utilizar en ámbitos profesionais, principalmente relacionados co deseño, como pode ser o eido artístico, fotográfico, arquitectónico..., para mostrar a creación das súas obras. Nel recollen e presentan o mellor que produciron e, polo tanto, nace como unha presentación de resultados orientados non ao proceso, senón ao produto.
En educación impórtase esta idea para evidenciar como traballa un docente: traballos de alumnos, preparación de clases, reflexións e argumentacións de coñecementos, procedementos e actitudes..., que permiten coñecer e valorar a traxectoria dun profesional da docencia.
O paso do portafolio ao ámbito educativo produciuse nos EUA hai unhas tres décadas, cando se detectou que o sistema de ensino non era satisfactorio e cando se pensou que a formación do profesorado non era a adecuada. Isto provocou que se iniciase unha reforma do sistema educativo e que se considerase a formulación dunha formación do profesorado máis eficiente para conseguir unha mellora. Para comprobar os resultados do labor dos docentes creouse o National Teachers Examination, que a través de exames escritos e observacións nas aulas avaliaba todos os profesores por igual, sen ter en conta o contexto ou a etapa educativa.
En 1985, creouse o Stanford Teacher Assessment Project. Os seus membros preséntano como unha alternativa ao sistema de avaliación que se estaba aplicando, que consideraban que non era o máis eficaz. En 1989, Shulman e Bird, dous participantes deste proxecto, decidiron crear a National Board for Professional Teaching Standards, que se ocuparía de coñecer, por medio de diferentes modelos experimentais de avaliación, a maneira real de como se ensinaba e se aprendía nas aulas, o que os conduciu a pensar na necesidade de que os profesores presentasen documentos que acreditasen o seu traballo.
En 1997, Bird creu que o portafolio que utilizaban outros profesionais para mostrar as súas obras podía ser un recurso mediante o cal os profesores recollesen e evidenciasen o seu labor docente. Estes traballos analizaríanse e valoraríanse, e serían a mostra do traballo profesional que desempeñaban. Máis tarde, os portafolios convertéronse en ferramenta de análise e reflexión para mellorar o traballo e, consecuentemente, nunha estratexia de aprendizaxe (Shulman en Lyons, 1999).
Desde entón, o portafolio utilízase en América do Norte e en Canadá no ámbito socioeducativo como un instrumento moi útil para o desenvolvemento persoal, profesional e organizacional, e no espazo europeo está a adquirir tamén un auxe especial a partir do seu uso como Portafolio europeo das linguas (PEL).
No contexto do ensino-aprendizaxe, representa un cambio importante como medio para aprender e avaliar, porque a recollida sistemática e organizada de traballos que mostran actividades realizadas, pensamentos, ideas ou reflexións persoais evidencian procesos e produtos dunha traxectoria persoal e laboral que permiten e favorecen unha reflexión e valoración individual ou colectiva, e é un soporte documental de incalculable valor ante o obxectivo de mellorar procesos de desenvolvemento persoal, académico ou laboral. Para que se poida realizar unha análise relevante, requírese que a súa elaboración siga unhas pautas ou ítems para o seu almacenamento e posterior consulta, de acordo co traballo docente (coñecementos actualizados do ámbito da propia disciplina, preparación de actividades, producións dos alumnos, resultados de aprendizaxe...).