Xéneros da música tradicional galega.
1. Introdución
O pobo empregaba a música en moitas ocasións e por numerosos motivos: expresar as súas inquedanzas, transmitir normas, protexerse dos males e atraer os favores divinos, celebrar acontecementos vitais, facilitar o traballo, divertirse ou facer máis levadeiros os momentos duros... Debido a que era raro o acontecemento que non servía como escusa para cantar, tocar ou bailar, xurdiron diversidade de xéneros musicais. Estas expresións musicais, ademais, están en moitas ocasións fortemente vinculadas ás tradicións, ritos, traballos e aos saberes populares, e resulta imposible separalos.
Algúns xéneros non son totalmente pechados ou non están totalmente definidos, teñen variantes ou nomes distintos ao longo da xeografía. Algúns xéneros defínense pola súa utilidade ou temática, mentres que outros veñen definidos polos ritmos, o que fai difícil a súa clasificación. As letras e melodías combínanse moitas veces libremente, e incluso unha mesma melodía adáptase a diferentes ritmos e funcións, dependendo do intérprete e da zona. Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.
Moitos dos xéneros musicais galegos eran bailables. Algúns, de feito, distínguese maiormente polo seu xeito de bailar aínda que non haxa unha diferenza formal substancial. Interpretábanse tanto cantando como instrumentalmente, sendo esta última variante menos habitual.