Xéneros da música tradicional galega.
| Sitio: | Aula Virtual do Sinde |
| Curso: | Música 5º |
| Libro: | Xéneros da música tradicional galega. |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | venres, 26 de decembro de 2025, 9:37 PM |
Descrición
Nocións básicas sobre os diversos tipos de músicas tradicionais de Galicia.
1. Introdución
O pobo empregaba a música en moitas ocasións e por numerosos motivos: expresar as súas inquedanzas, transmitir normas, protexerse dos males e atraer os favores divinos, celebrar acontecementos vitais, facilitar o traballo, divertirse ou facer máis levadeiros os momentos duros... Debido a que era raro o acontecemento que non servía como escusa para cantar, tocar ou bailar, xurdiron diversidade de xéneros musicais. Estas expresións musicais, ademais, están en moitas ocasións fortemente vinculadas ás tradicións, ritos, traballos e aos saberes populares, e resulta imposible separalos.
Algúns xéneros non son totalmente pechados ou non están totalmente definidos, teñen variantes ou nomes distintos ao longo da xeografía. Algúns xéneros defínense pola súa utilidade ou temática, mentres que outros veñen definidos polos ritmos, o que fai difícil a súa clasificación. As letras e melodías combínanse moitas veces libremente, e incluso unha mesma melodía adáptase a diferentes ritmos e funcións, dependendo do intérprete e da zona. Con todo distínguense algúns xéneros con características ou temáticas propias.
Moitos dos xéneros musicais galegos eran bailables. Algúns, de feito, distínguese maiormente polo seu xeito de bailar aínda que non haxa unha diferenza formal substancial. Interpretábanse tanto cantando como instrumentalmente, sendo esta última variante menos habitual.
2. A muiñeira
A muiñeira é unha danza e un xénero musical tipicamente galego. Como xénero, distínguese principalmente polo seu compás de 6/8, rápido e vivo, do cal existen algunhas variantes como a carballesa, a ribeirana, a chouteira,.... Pode ser nova ou vella sendo esta máis antiga pero menos espallada. A súa orixe é discutida, pero comunmente afírmase que foi nos muíños, onde se moían cerais, onde naceu este baile.
3. Alborada
A alborada é unha composición instrumental que se escribe en 2/4 e se caracteriza por unha serie de frases descendentes. Úsanse para comezar as celebracións do día, como di o seu nome, e carecen de letra. Moi semellantes son os pasarrúas e pasacorredoiras.(No apartado da muiñeira hai un vídeo da alborada)
4. Pandeirada
As pandeiradas teñen certa relación coa muiñeira, mais o seu compás propio é o de 5/4, aínda que se poden ver en 6/8 ou 4/4.5. Marcha procesional
As marchas procesionais son marchas lentas, en compás de 4/4, 2/4 ou 6/8 creadas para acompañaren as procesións e outros actos relixiosos.
6. Jota
A jota é un ritmo en 6/8 (ou tamén transcrito en 3/4) sumamente espallado por toda a xeografía peninsular. En Galicia é, xunto coa muiñeira, un dos ritmos máis bailados e cantados.
A foliada é unha canción alegre que se toca preferentemente nas romarías. Considérase unha variante da jota, cun tempo máis pousado, aínda que certos autores a tratan como una denominación máis para o mesmo concepto.
7. Xéneros "importados"
Co pasar do tempo chegaron a Galicia máis ritmos que chegaron a ter moita aceptación entre a xente. Xenericamente se lles chamou agarrados polo xeito de bailar. Orixinalmente eran ritmos de orixe americana, europea ou peninsular, aos que se lles adaptaba unha melodía galega e se interpretaban cos instrumentos tradicionais.
O pasodobre, por exemplo, é unha variación do pasodobre español, ao que se lle incorpora a gaita. As polcas estendéronse por Galiza procedentes de Europa durante o século XIX. O seu compás é o 2/4 e son máis melodiosas que as orixinais.
8. Cancións infantís
Os cantos de berce, de arrolo ou arrorrós eran empregados para adormecer aos mais cativos da casa. Eran de ritmo pausado, e tanto podían ter unha temática infantil como tamén chegar a contar algunha historia.
Outros cantos significativos eran as cancións infantís, as enumerativas e outros cantos que acompañaban os xogos dos mais pequenos.
9. Alalás
Os alalás son a forma de música galega máis antiga. Cantábanse sós, sen acompañamento musical e con ritmo libre. Baséanse nun tema breve que repite a melodía que tamén se pode separar con frases de gaita.
10. Cantos de traballo
Vinculados ao traballo estaban os cantos de arada, de seitura, de mazar o liño -as espadeladas- e para outros traballos similares.Tamén había cantos asociados a oficios concretos: cantos de arrieiro, de canteiro, de ferreiro... Estes cantos eran, ou ben de ritmo e interpretación libre, ou ben de ritmo moi marcado e axeitado ao ritmo propio de traballo e do movemento do corpo ao traballar. Deste xeito, estes cantos axudaban a levar a soidade do momento ou axeitar o ritmo de traballo moitas veces colectivo.
11. Cantos de cego
Os cantos de cego e romances, xunto cos cantos de entroido, supoñen unha ponte entre a música de transmisión oral e a transmisión escrita. Era frecuente que os intérpretes, tras a actuación, vendesen a letra impresa; era o que se deu en chamar literatura de cordel, por estaren atadas nunha corda as follas coas letras. Deste xeito, os romances quedaban fixados e eran menos proclives a cambios por defectos da transmisión.
Os romances tanto eran comúns á tradición peninsular, adaptándoos a melodías preexistentes, como específicos de Galicia ou incluso de temática totalmente local. Eran claramente narrativos, e servían para narraren sucesos históricos, noticias da época, asuntos locais,... En ocasións tiñan intención moralizante.
12. Regueifas
As regueifas eran un canto consistente nun diálogo improvisado e con melodías propias no que se competía por ver quen quedaba sen ideas para continuar. Adoitábanse cantar nas vodas pero tamén se dan fóra dese ámbito, ben con letras xa coñecidas polos intérpretes, ben con coplas totalmente improvisadas.
13. Festas do ano
En diversas épocas do ano existían cantos con temáticas relacionados coa festividade a celebrar.13.1. Entroido e maios
No entroido e na festa dos maios empregábase a música para facer crítica e escarnio de xeito público sobre acontecementos que tiveran lugar durante o ano.

Encontro de Xenerais en A EStrada (tomada de Youtube)

Festa dos Maios en Pontevedra (tomada de Youtube)
13.2. Nadal
Diversos cantos relixiosos relaciónanse coa celebración do Nadal. Os aninovos e os reis ou panxoliñas cantábanse na última noite do ano e ao redor do seis de xaneiro respectivamente. Todas estas cancións interpretábanse a coro e acompañados de percusión e gaita. Arrancaban cunha petición de licenza e remataban cun aguinaldo.