Bo día a todos/as,
Vistos os vosos comentarios, nos que se observa un maior interese no uso de Moodle, imos centrarnos niso (e deixaremos o tema videoconferencias e outros recursos para os últimos días).
Ademais, xa que a amplísima maioría prefire practicar nun curso específico, xa está creado un denominado Zona de prácticas. Coméntovos, e así imos comentando cousiñas de Moodle, que:
- Neste caso o nome curto é AFTD-P, posto que en Moodle todos os cursos teñen dous nomes: un largo ou oficial (o título completo), e un curto ou abreviado (unha especie de código que emprega o programa internamente, e que asimila cun número ou código de curso).
- Dito curso de prácticas está configurado como oculto, o que quere dicir que só o poden ver os que teñan permisos. En Moodle todo o que está oculto aparece con cores atenuadas, como cuberto cunha sombra... e é unha opción moi empregada mentres se vai traballando, ou cando se quere que alguén non vexa algo (o voso alumnado, p.ex., non é só que non poida acceder a este curso, e que nin o verá dispoñible).
- O curso agora mesmo está baleiro: só ten un tema reservado para cada un, indicado con "Zona + as iniciais dos vosos apelidos" (desde Zona AV, que e o espazo para María Mercedes, ata Zona VS, que é a zona para Xosé Ricardo).
- Ademais de intentar facer alí as prácticas que vos vou suxerir, anímovos a que empreguedes esas zonas para fozar (na súa acepción intransitiva ;-))
- Alí estades rexistrados como profesores con permisos para modificar o curso, e hai un alumno matriculado que será co que tedes que interaccionar (contestarlle, correxirlle a tarefa...).
Aproveito tamén esta mensaxe para pedir desculpas:
1) Por non poder elaborar moito material específico para vós nin actividades moi traballadas, pero o tempo e a urxencia son as que son.
2) Por si o nivel das actividades non se axusta ao que desexades, por básicas ou por complexas (non vos cortedes en comunicarmo no foro), pero é complicado cando hai distintos niveis de partida e cando a ferramenta ten tantas opcións.
Conste que sempre poderá organizarse despois unha formación máis extensa, calmada e estruturada.
Imos aló. Grazas e un saúdo.