Moodle proporciona ao profesor a posibilidade de levar un seguimento completo da actividade das persoas participantes no seu curso. Podemos acceder a esta información dende os seguintes menús:

  • Lista de participantes (bloque Navegación)
  • Informes da actividade dun determinado usuario (bloque Administración)
  • Informes do curso (bloque Administración)

Lista de participantes 

Accedemos a través do bloque de navegación (imaxe 2.2.1)

Mostra a lista das persoas participantes no curso sobre o que estamos traballando (neste caso só o usuario Cafi Platega). De cada unha das persoas participantes, o/a docente pode atopar información detallada sobre a súa actividade.

Cando seleccionamos Lista de participantes, na parte central da pantalla aparece a listaxe completa dos/as participantes (imaxe 2.2.2) debaixo dun abecedario que nos serve para filtrar os/as participantes que estamos vendo pola primeira letra do seu nome ou pola primeira letra do seu apelido. Ademais, sobre estes dous abecedarios, temos un recadro para engadir outro tipo de filtros que poden ser configurados para que se verifiquen todos ou algún deles. Entre os filtros dispoñibles temos:

  • Palabra clave
  • Estado
  • Roles
  • Métodos de matriculación
  • Grupos
  • Inactivo durante máis de
    Permite mostrar as persoas que levan tempo sen conectarse (seleccionando o tempo no despregable).

Lista de participantes

Imaxe 2.2.1 Lista de participantes Imaxe 2.2.2 Lista de participantes

Se prememos sobre un/unha participante concreto desta listaxe, aparecerá no bloque Administración (imaxe 2.2.2) a ligazón para acceder aos informes completos da actividade deste alumno.

Informes da actividade dun alumno/a

Despois de premer sobre un/unha participante concreto na Lista de participantes (imaxe 2.2.2), no apartado Informes aparecen ligazóns que nos permiten acceder aos informes completos da súa actividade (imaxe 2.2.3). Entre elas temos:

  • Rexistros de hoxe
    Mostra información relativa á actividade que realizou o/a participante no día de hoxe (o día no que estamos vendo esa información), no curso que temos seleccionado, incluíndo un gráfico distribuído por horas. 
  • Todos os rexistros
    Mostra información relativa ao/á participante en concreto dende a data de inicio do curso ata o día de hoxe (o día no que estamos vendo esa información), incluíndo un gráfico distribuído por días.
  • Esquema de informe
    Mostra, por temas, as cualificacións que obtivo o/a participante nas distintas actividades incluídas en cada tema, o número de visitas que realizou a cada un dos recursos de cada tema e o número de intervencións (mensaxes) do alumno nos foros, indicando tamén a data de cualificación e cando foi a súa última visita ou aportación.
  • Informe completo
    Mostra unha páxina que recolle toda a actividade do/a participante agrupada segundo os temas nos que está dividido o curso, en forma de fichas individuais para cada un dos temas.
    Os distintos recursos e actividades aparecen listados como ligazóns que permiten acceder directamente a cada un deles indicando, igual que no apartado anterior, o número de visitas (visualizacións), a cualificación obtida, e a data e hora da última visita (visualización).
  • Vista xeral das cualificacións
    Mostra un despregable onde podemos seleccionar diferentes informes dos/as participantes. Tamén mostra unha lista de todos os cursos onde o/a participante está matriculado/a.

    Informe da actividade do alumno 1
    Imaxe 2.2.3 Informes do/a alumno/a

Administración -> administración do curso -> Informes

Do mesmo xeito, no bloque Administración aparecen as ligazòns que a continución se detallan. Ditas ligazóns ofrecen ao/á profesor/a a posibilidade de observar a actividade dos alumnos ao longo de todo o curso.

  • Distribución de competencia
    Este informe obteríase en caso de traballar coas das estruturas de competencia na plataforma.
  • Rexistros
    O/A profesor/a poderá seleccionar os rexistros que quere ver, utilizando calquera combinación de selección das entradas que se nos ofrecen nos despregables da parte superior. Por exemplo, pódese realizar un seguimento individualizado do percorrido de calquera participante polas diferentes actividades do curso, incluíndo datos como o enderezo IP dende o que se conecta ese usuario.
  • Rexistros activos
    Mostra a información referida á última hora.
  • Informe de actividade
    Mostra a cantidade de visitas (visualizacións) que recibiu cada un dos elementos do curso por temas, indicando tamén cando se produciu a última visita (visualización). Este informe resulta especialmente útil para poder avaliar cal dos recursos ten un maior número de visitas por parte dos alumnos.
  • Participación do curso
    Mostra a cantidade de visitas que recibiron as actividades propostas no curso (non os recursos) podendo elixir unha actividade en concreto, un período de tempo determinado, o rol que queremos ver (alumno/a, profesor/a...) e as visitas que simplemente se fixeron para ver pero non para participar.

Informes de actividade
Imaxe 2.2.4 Informes do curso

Última modificación: mércores, 23 de outubro de 2024, 8:12 PM