ROSALÍA NA ACTUALIDADE

     Actualmente son varias as conmemoracións que se celebran en torno á figura de Rosalía de Castro.

     DÍA DAS LETRAS GALEGAS:

     O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento.

 

     A festividade tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes populares. Dende aquela dedícaselle o día de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración teña pasado un mínimo de dez dende a data de falecemento da persoa homenaxeada.

 

 

     DÍA DE ROSALÍA:

     A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propuxo a homenaxe a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento, un día que aspiran a institucionalizar como xornada de celebración na literatura, con regalos como un libro e unha flor.

     O 24 de febreiro do 2013 comezou o ano de Rosalía de Castro, en conmemoración do 150º aniversario da publicación do seu libro Cantares Gallegos. Para o remate da cita, a fundación rosaliana reservou a presentación dun libro-cedé editado para a ocasión de forma conxunta coa radio autonómica galega e titulado De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI. Nel reúnense os versos inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou en Cantares Gallegos.

   

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License