Todas e todos, como profesionais docentes, somos creadoras e creadores de contidos didácticos nalgún momento da nosa actividade profesional; e todas e todos usamos creacións de terceiras persoas nalgún momento da nosa actividade didáctica, nalgúns casos inseridos dentro dos nosos contidos e noutros, de xeito independente. A lexislación española, a través do ‘Real Decreto Legislativo 1/1996, de 12 de abril, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Propiedad Intelectual, regularizando, aclarando y armonizando las disposiciones legales vigentes sobre la materia’ protexe as nosas creacións expresadas en calquera medio ou soporte, tamén protexe as interpretacións artísticas, gravacións audiovisuais e emisións de radio ou radiodifusión; a lexislación tamén determina os usos que podemos facer de creacións de terceiras persoas; revisaremos nestes contidos as casuísticas posibles.
Ante a pregunta de podemos empregar de forma libre e sen restricións calquera recurso que atopemos na Rede en calquera formato? A resposta correcta é Non (logo teremos que consultar as particularidades asociadas o noso labor docente).
Lembremos, sempre, que a lexislación sobre propiedade intelectual protexe a forma en que son expresadas as ideas pero non limita nin protexe a idea en si; é dicir, a partires do noso coñecemento e experiencia, podemos elaborar calquera material didáctico sobre o noso ámbito de traballo aínda que xa fose elaborado (ou interpretado) por outras persoas.
Outro aspecto a ter en conta é que a lexislación é dinámica, aínda que non tanto como as posibilidades que as ferramentas nos ofrecen e polo tanto non contempla todas as casuísticas posibles – presentes e futuras -, e sofre modificacións segundo as indicacións e recomendacións da UE, aos seus estados membros, ou dos propios desenvolvementos do estado.
Como creadoras e creadores, é unha obriga e unha necesidade estar ao tanto de como a lexislación nos protexe e, de ser o caso, como nos permite empregar recursos de terceiras persoas e baixo que condicións. Se fas unha lectura do Real Decreto Lexislativo 1/1996, atoparás ao longo dos seus artigos, afirmacións que reforzan a protección das persoas creadoras, tales como:
“Que no entren en conflicto con la explotación normal de la obra”
“Sin perjuicio del derecho de autor”
“Todo ello sin perjuicio del derecho de autor a percibir remuneración acordada, o en defecto de acuerdo la que se estime oportuna ”
“Los beneficios que se otorgan en el presente título a los autores y sus derechohabientes serán irrenunciables”
