Saltar la navegación

3.4. Alguns exemplos contextualizados con Copyright

Revisamos algunhas casuísticas contextualizadas no noso ámbito baixo o suposto dun uso didáctico e concorrendo de xeito simultáneo todas as condicións que indican os artigos asociados.

Supoñemos que todos os recursos están amparados baixo o RDL 1/1996 e teñen marcada a C de Copyright ou non especifican nada; baixo este último criterio debemos supoñer sempre que están protexidos por unha licencia de tipo privativo (Copyright).

Unha presentación en PowerPoint

Atopamos nun repositorio didáctico unha presentación sobre un tema que imos a presentar a vindeira semana. A presentación está asociada a unha licencia de tipo privativo ou Copyright xa que ten o símbolo característico antes do nome da súa autora; podemos usala sen ningún condicionante ou precaución?

Podemos incluír unha das súas diapositivas no noso contido se a contextualizamos no noso desenvolvemento, é dicir, se esta reflicte unha opinión que estamos validando ou a empregamos a modo de cita dentro do noso contido orixinal; ademais, concorre a circunstancia de que non se trata dunha obra ou publicación impresa. Como indica a normativa, teremos que citar de forma axeitada á sua autora.

Tamén poderíamos amosar un pequeno fragmento na nosa aula, proxectándoa nunha pantalla, pero non toda a presentación xa que ao estar baixo licencia Copyright a lexislación só nos permite reproducir unha parte pouco relevante sobre o conxunto da obra; como se recolle no artigo 32.3 do Real Decreto Legislativo 1/1996, de 12 de abril, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Propiedad Intelectual, regularizando, aclarando y armonizando las disposiciones legales vigentes sobre la materia. Boletín Oficila del Estado, 97, 22 de Abril de 1996. https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-1996-8930)  'se entenderá por pequeño fragmento de una obra, un extracto o porción cuantitativamente poco relevante sobre el conjunto de la misma '.

Un artigo en PDF

Unha compañeira envíanos por correo electrónico un artigo sobre unha temática que estamos traballando na aula. Que usos lle podemos dar?

Podemos inserir un ou varios fragmentos do artigo, dentro do noso contido, pero sempre contextualizando a súa inclusión e segundo as condicionantes da lexislación, citando de forma textual ou parafraseando a autora ou autor. É importante seguir as directrices, da norma que se determine, para explicitar as referencias a terceiras persoas creadoras (APA, Vancouver, etc.).

Podemos reproducir no proxector da aula unha mostra dunha parte do artigo, un apartado (p.e.) ou distribuílo entre o noso alumnado para facer un comentario de texto, unha análise ou xuizo sobre este; sempre e cando forme parte da nosa estratexia didáctica.

Ollo, o artigo non pode formar parte dunha recompilación de artigos publicados nunha obra impresa. Teremos que revisar se o artigo ten unha licenza para a distribución na Rede e outra diferente para a publicación impresa [revisa logo o caso Libro publicado na Rede].

Unha película

Atopamos na nosa plataforma dixital de referencia unha película que reflicte de forma clara unha das temáticas que forma parte da nosa programación didáctica, podemos proxectala na clase?

Non na súa totalidade, pero si un pequeno fragmento que faga referencia ao tema en cuestión e que logo sirva para debater ou analizar un comportamento, situación ou contexto. Seguimos amparando a nosa actuación no artigo 32.3, xa mencionado, que ampara o uso de pequenos fragmentos por parte do profesorado de formación regulada.

É importante que o material didáctico alleo atopado, non teña a consideración de de libro de texto, manual ou publicación asimilada. Lembra que os condicionantes da lexislación ás excepcionalidades de uso de materiais alleos con fíns educativos non fan distinción sobre o formato físico ou dixital das obras.

Unha imaxe

Atopamos unha imaxe na Rede e queremos inserila nos nosos contidos, pensamos en dous usos que nos agradarían para esa imaxe:

  1. A imaxe representa unha situación que contextualiza unha das temáticas que imos  impartir proximamente, así que decidimos inserila nos contidos que estamos desenvolvendo xa que describimos a situación que a imaxe ou a fotografía representa. Esta situación está amparada polos usos docentes da imaxe, xa que nos permite a inserción de ‘obras aisladas de carácter plástico o fotográfico figurativo ‘ segundo o art. 32.1 do RDL 1/1996.
  2. Pensamos logo, que esa imaxe sería unha boa portada do noso material didáctico, sería lícito este uso? Non, xa que na cuberta non estamos contextualizando o uso da imaxe; como norma xeral, non podemos empregar unha imaxe ou fotografía como ornamento ou complemento do noso material didáctico orixinal.

Se a imaxe representa un mapa ou un cartel dunha película ou serie, como teñen a consideración de imaxes, aféctanlles as consideracións anteriores

Se a imaxe que atopamos é a portada dun libro ou de forma intencional a empregamos nos nosos contidos, debemos revisar dous aspectos:

  1. Se o seu uso está centrado na parte plástica da portada e é relevante para o noso contido, xa que a imos empregar para unha análise, comparación ou xuizo crítico. Se o seu uso é meramente ornamental, non podemos empregala.

  2. En ocasións, pode que as portadas (manual, libro, guía, etc.) e o contido do recurso teñan autorías diferentes, isto será relevante para a atribución e os usos derivados do tipo de licencia.
    Lembra que o punto 5 do ‘Artículo 32. Citas y reseñas e ilustración con fines educativos o de investigación científica da LPI 1/1996 : ‘5. No se entenderán comprendidas en los apartados 3 y 4 las partituras musicales, las obras de un solo uso ni las compilaciones o agrupaciones de fragmentos de obras, o de obras aisladas de carácter plástico o fotográfico figurativo’; xa indica que non se pode facer uso de imaxes individuais, sen contexto, por iso temos que ter presente e claro o uso da imaxe dentro do noso contido orixinal. 

Partitura musical

Non se pode usar ningún fragmento musical na nosa actividade docente sen contar co permiso da persoa creadora ou das editoras ou entidades de xestión que a representan. Estas quedan excluídas das excepcións do ámbito docente segundo o parágrafo recollido no punto 5 do ‘Artículo 32. Citas y reseñas e ilustración con fines educativos o de investigación científica da LPI 1/1996 : ‘5. No se entenderán comprendidas en los apartados 3 y 4 las partituras musicales, las obras de un solo uso ni las compilaciones o agrupaciones de fragmentos de obras, o de obras aisladas de carácter plástico o fotográfico figurativo’.

Caderno de exercicios

Atopamos nun libro de exercicios que temos na casa, unha batería de problemas que servirían moi ben de repaso antes do exame para o alumnado do noso curso, pensas en facer unhas copias e conformar un pequeno caderno para entregarlles a cada un /unha na próxima sesión. É lícito este uso?

Non, xa que as excepcións docentes indican que non se pode reproducir e facer actos de comunicación pública de libros de texto ou calquera outro material deseñado para facilitar o proceso de ensino. Ademais, tampouco podemos usar fragmentos de obras dun só uso (como un caderno de exercicios).

O que si poderíamos facer é: proxectar o fragmento na aula e facilitar no mesmo acto, unha ligazón ao alumnado, para a obtención legal da copia legal; ambas accións forman parte da excepcionalidade.


Libro de texto ou manual didáctico

Na sala do profesorado do centro, temos varios libros de texto de distintas editoriais sobre a materia que estamos impartindo, decidimos coller varios libros e ir parafraseando varios temas compoñendo un novo material didáctico que temos pensado achegar ao noso alumnado a través da aula virtual. Estamos cumprindo todos os condicionantes baixo os que nos ampara a lexislación vixente?

Non, xa que:

  • Non podemos compoñer un material orixinal facendo un ‘corta pega’ doutros materiais orixinais collendo ‘o mellor de cada parte’ segundo o noso criterio. Ademais, vai en contra do dereito de cita o uso de fragmentos numerosos ou amplos que acheguen máis valor á nosa obra que o noso propio contido.

  • Non, dado que o material ‘orixinal’ creado é pouco relevante, pode considerarse un acto de reprodución parcial e comunicación pública, e non está permitido o uso de materiais didácticos para este fin.

Como recordatorio, lembra que no punto 5 do ‘Artículo 32. Citas y reseñas e ilustración con fines educativos o de investigación científica' da LPI 1/1996 xa se indica que non están suxeitos ás excepcións docentes a agrupacións de fragmentos de obras.  

Uso dunha canción nunha sesión docente

Xa a punto de acabar o trimestre decides poñer cada día na clase as cancións favoritas do teu alumnado que previamente xa tes compiladas. Dedicarás a esta actividade os 5 – 10 minutos finais da túa clase. Estaría a nosa actividade amparada polo uso didáctico do recurso?

Non, xa que non forma parte dunha actividade educativa xa que só nos dedicamos a reproducir a canción, por tanto non poderíamos facelo.

Ademais de reproducir as cancións, cada alumnado participante debe contar ás súas compañeiras e compañeiros que representa esa canción, que emocións lles transmite ou que lembranzas. Neste caso si que é unha actividade educativa pero deberíamos ter en conta que só podemos reproducir un fragmento, e sempre citando autor/a e título da canción.

Artigos de prensa

Podemos empregar artigos de prensa dentro do dereito de cita, pero non reproducir un artigo enteiro na nosa clase; o que sí podemos facer é facilitar o enlace ao artigo no seu sitio orixinal.

Uso dun vídeo atopado na Rede

Estamos pensando nun recurso audiovisual que ilustre os contidos desta semana, o noso alumando está algo desmotivado e andamos á procura de algo que lles desperte a curiosidade ou algo que lles permita ver unha aplicación directa na vida real. Logo dun tempo de procura, atopamos un vídeo na Rede, pensamos empregalo pero non temos claro se enlazalo ou inserilo na nosa aula virtual, que podemos facer?.

Á hora de enlazar debemos partir sempre das seguintes consideracións:

  1. A nosa intención é didactica e non ten asociado propósito comercial algún.
  2. Buscamos sempre sitios onde a obra teña sido publicada coa autorización da persoa creadora. Non podemos, por desidia ou outros motivos, empregar a primeira ligazón que atopamos na Rede ou un enlace do que dubidamos da súa lexitimidade.

A resposta non é doada, contemplamos varios aspectos:

  1. Se a obra está aloxada en Youtube [ou Vimeo] e non foi subida pola autora ou autor orixinal, non temos claro se a persoa propietaria da canle ou perfil  ten autorización para subir o vídeo á Rede. Ainda que as plataformas (Youtube e outras) solicitan, durante o proceso de subida, que a persoa usuaria indique de forma explícita que é propietaria dos dereitos ou ten os dereitos de explotación sobre esta, non imos ter a certeza que isto é así. Neste caso deberiamos tratar de buscar a obra subida pola persoa autora e enlazala á fonte orixinal; se non é posible localizar o sitio e enlazamos esta referencia, se consideraría que non existe acto de comunicación pública  (xa que non temos ánimo de lucro) e a ligazón se considérase legal.

  2. Se a obra está dispoñible nunha plataforma ou espazo subida pola persoa autora ou pola entidade titular ou xestora dos dereitos de autoría poderemos enlazar a obra e esta será visible ou non segundo os mecanismos de protección ou condicións de explotación asignadas pola persoa autora.

  3. Non é posible enlazar (facilitando o usuario e contrasinal persoal) os contidos de ningunha plataforma de straeaming como Netflix, HBO, Filmim, etc., xa que as contratacións que facemos son para uso persoal, non para actos de comunicación pública. Por extensión, xa deducimos que non podemos proxectar na clase unha película ou documental da nosa conta persoal.

  4. Denomínase ‘framing’ ao feito de introducir unha medida protectora a un contido que se visualiza nun sitio web para que non sexa visible dende outro sitio. Se a persoa creadora protexe deste xeito a súa obra, queda claro que non permite a inclusión da sua obra noutros espazos (comunicación pública). Non debemos inserir o contido evitando as medidas protectoras. Poderiamos inserir un enlace que apuntase ao sitio onde se atopa o recurso orixinal.

Como norma xeral, podemos considerar que a ligazón, preferentemente aos sitios orixinais e lícitos é a mellor recomendación.

Se buscas información na Rede sobre propiedade intelectual, ligazóns e framing, atoparás facilmente artigos sobre sentencias do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre casos concretos.

Libro publicado na Rede

Se non temos claro se o libro foi publicado na Rede, de forma legal, non deberiamos enlazar o noso material didáctico, espazo virtual ou referencias na aula a un espazo ilícito. Se o libro é posto a disposición pública da persoa creadora, podemos enlazalo e tamén empregalo segundo as consideracións da lexislación vixente.

Fíxate no exemplo seguinte: estas á procura de información na Rede sobre Recursos Educativos Abertos e atopas a seguinte páxina con información de interese: https://universoabierto.org/2022/07/04/recursos-educativos-abiertos-una-pieza-fundamental-para-afrontar-los-actuales-retos-de-la-educacion-superior/; revisas a páxina e parece unha fonte de interese: é o blogue da 'Biblioteca de Traducción y Documentación de la Universidad de Salamanca', revisas os apartados 'Principal' e 'Acerca de' e xa constatas o estilo académico das súas publicacións que, ademais, teñen datas recentes. O artigo en cuestión, presenta unha publicación da Editorial Octaedro: Santos-Hermosa, Gema ; Abadal Falgueras, Ernest. Recursos educativos abiertos: Una pieza fundamental para afrontar los actuales retos de la Educación Superior. Barcelona: Octaedro, 2022. Ademais dun pequeno resumo, aparece un enlace denominado TEXTO COMPLETO, se fas clic sobre el, comeza a descarga do libro de xeito inmediato.

portada libro REA

Santos Hermosa, G.; Abadal Falgueras, E. (2022). Recursos educativos abiertos. Una pieza fundamental para afrontar los actuales retos
de la Educación Superior, Editorial Octaedro. Página de portada de libro descargable.

Se examinas a descarga podes ver que aparece o nome da editorial de forma clara tanto na súa cuberta como na páxina do consello editorial o que parece que pode afectar ao feito da 'descarga de balde' que acabamos de facer; por outra banda, na páxina da editorial aparece o libro no seu catálogo de venta. É na páxina de Créditos [paxina 4] onde - non de forma moi clara - podemos deducir que o libro en publicación impresa esta suxeito a Copyright e en versión pdf derscargable ten asociada unha licencia Creative Commons que nos permite o seu uso e descarga, neste caso coas condicións  Reconocimiento-NoComercial 4.0 Internacional (CC BY-NC 4.0). Creative Commons. Recuperado el 23 de Agosto de 2022 de https://creativecommons.org/licenses/by-nc/4.0/deed.es_ES:

"Reconocimiento — Debe reconocer adecuadamente la autoría, proporcionar un enlace a la licencia e indicar si se han realizado cambios. Puede hacerlo de cualquier manera razonable, pero no de una manera que sugiera que tiene el apoyo del licenciador o lo recibe por el uso que hace.
NoComercial — No puede utilizar el material para una finalidad comercial."

créditos libro REA

Santos Hermosa, G.; Abadal Falgueras, E. (2022). Recursos educativos abiertos. Una pieza fundamental para afrontar los actuales retos
de la Educación Superior, Editorial Octaedro. Página de créditos de libro descargable.

En moitas ocasións non teremos claro o uso que podemos facer de certo material atopado na Rede; ante a dúbida podemos: intentar poñernos en contacto coas persoas autoras ou editoras ou desbotar o recurso e procurar ou elaborar outro.

Compartición de contidos en plataformas didácticas

Actualmente, moitas plataformas que podemos empregar para elaborar contido e actividades presentan a posibilidade de empregar recursos de terceiras persoas, ben tal e como foron creadas pola persoa autora ou ben permitindo a súa modificación; por exemplo: infografías elaboradas con Genially, cuestionarios gamificados feitos con Kahoot! ou Quizziz, entre outras moitas. Examinemos algunhas situacións:

  1. Atopas unha presentación feita en Genially que é publica e agrupa de xeito claro todo o relacionado cos motores e tipos de combustión, xusto a materia que estás desenvolvendo esta semana nas túas clases. Como tes unha conta no teu espazo social de referencia, que empregas para compartir información de interese no teu ámbito, decides publicar o enlace facendo un comentario sobre ela. Logo de facelo, pensas se acabas de obrar de xeito correcto….

    Lembra que entre os dereitos morais está o asociar de xeito indisoluble á obra coa persoa autora, por iso esta debe ser citada na túa publicación atribuindo a autoría de xeito correcto e aclarando que non somos autoras ou autores da obra; ademais, estaría ben etiquetar ou mencionar á autora ou autor segundo as posibilidades do espazo social. Por outra banda, non esquezas que a maioría (por non dicir todos) os espazos sociais teñen unha cláusula nas súas condicións que fai referencia a que non publicaremos contido que vulnere os dereitos de autoría. Algunhas publicacións na Rede xa proveen do mecanismo para ‘republicar’ dende o sitio orixinal da súa publicación, esta sería a forma recomendada de facelo.

    ejemplo de publicación en Twitter
    Parada Gandos, C. [@carpaga]. (24 de agosto de 2022). Kit de supervivencia par profes organizados vía @genially_es https://view.genial.ly/62e912a13a28d00018847f8b/interactive-content-kit-para-docentes #recursosTIC [Tweet]. Twitter. https://twitter.com/carpaga/status/1562472060110000130


  2. Como seguro xa sabes, EdPuzzle é un servizo que nos permite engadir unha capa de contido adicional sobre videos que se atopan na plataforma Youtube (e outras). Cando empregamos un servizo deste tipo, debemos ter en conta onde se atopa o vídeo que tomamos como punto de partida; unha das plataformas mais frecuentes é Youtube. 

    Ao empregar un vídeo aloxado en Youtube, debemos de revisar que tipo de licencia ten asignado e ainda que non sexamos responsables directos da subida do video (a Youtube) debemos de revisar que sexa un vídeo que non vulnere os dereitos de autoría. Youtube ten un algoritmo que xa revisa todo o contido subido no seu espazo aínda así, a responsabilidade empregar un material ilícito é nosa. 

    EdPuzzle emprega emprega as API’s de inserción proporcionadas por Youtube polo que cumpre o procedemento indicado pola plataforma onde se atopa o vídeo na súa forma orixinal. E lembremos que polo feito de estar aloxado un vídeo en Youtube, a persoa autora, outorga permisos a terceiros de: reproducción, distribución, modificación, transformación, mostralo ao público e presentalo, segundo os termos de servizo de Youtube (Consultado 18/07/2022).
  3. Contidos subidos ao repositorio abalar: cando facemos una procura de recursos no repositoria Abalar, podemos filtrar por distintos campos: Idioma do recurso, curso asociado, materia...e tamén polo tipo de licenza que a autora ou autor asignou ao recurso compartido. Na imaxe seguinte podes ver o tipo de licencia asignada, neste caso Creative Commos BY - NC - SA o que indica que se empregas ese recurso na túa aula virtual ou noutro espazo, debes citar o nome da perosa creadora, non podes facer un uso comercial e se insires este contido formando parte dun material didáctico mais amplo, o resultado final debe ser distribuído baixo a mesma licenza ou licenzas compatibles (presentaremos este tipo de licenzas con mais detemento no apartado 4.3 Creative Commons).

    captura de recurso de repositorio ABALARCaptura de pantalla do repositoria ABALAR da ficha do recurso 'Artefactos informáticos: Programa o móbil'. Capturado o 29/08/2022)

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)