Concepto
A definición do que é un escritorio virtual é algo polémica xa que actualmente hai varias aplicacións ás que se lles denomina así en distintos círculos. Por un lado están os que lle chaman escritorios virtuais aos sistemas operativos que funcionan dende a web (é dicir, que non o temos que instalar no equipo e teñen moitas das aplicacións máis usuais) e por outro os que os definen como os portais personalizados na internet. Aínda que os dous teñen bastantes cousas en común nós referímonos e traballaremos neste tema sobre os segundos.
Non fai moito tempo existían numerosos portais de entrada a internet de carácter xeneralista (Terra, Olé...), con distintos tipos de posibilidades para que o usuario/a escollera o que quixera facer. Pero o tempo foi demostrando que a maioría dos usuarios e usuarias de internet, canto máis experimentados máis esixentes. Así foi nacendo a necesidade da personalización de contidos na rede, que coas posibilidades técnicas que aportou a web 2.0 fóronse convertindo en realidades en distintas ferramentas.
Os escritorios virtuais non están pensados en principio para o ensino, pero pouco a pouco foron aparecendo distintos docentes que atoparon nesta ferramenta un instrumento moi oportuno para solucionar algúns dos problemas que a rede ten. Por exemplo, cada vez é máis dificil memorizar unha páxina web, e cada vez hai máis información na rede... e cada vez é máis dispersa...
Pois ben, se conseguimos que nun espazo web, dispoñible para todo o mundo, podamos aglutinar de xeito ordenado e clasificado o material de traballo que o docente quere aplicar na aula temos unha ferramenta educativa, non?. Pois iso ven sendo un escritorio virtual.
Pero no fondo é moito máis. Podemos inserir calquera código (vídeos, presentacións, fotografía, flash...), actualiza automáticamente a información dos espazos que teñamos ligados ao noso escritorio, podemos ter información puntual de calquera blog ou wiki que queiramos seguir dende a aula...