Linguaxe corporal e paralinguaxe

Coñecemos un investigador do que gustamos moito: Aitor Rivas. El é investigador da linguaxe corporal ou quinésica e o seu artigo Introdución á comunicación non verbal , que achamos no libro Perspectivas sobre a oralidade, publicado polo Consello da Cultura en 2008, axúdanos a coñecer mellor o continuum comunicativo linguaxe-paralinguaxe-quinésica do repente galego.
1. En primeiro lugar, por paralinguaxe entendemos o conxunto das cualidades non verbais da voz, os seus modificadores, e mais as emisións sonoras das cavidades supra e infraglóticas e larínxeas. E, algo moi importante na regueifa: os silencios momentáneos cos que apoiamos os signos verbais ou quinésicos. Porque os silencios tamén son paralinguaxe e significan moito!
Cada repentista ten unha voz con identidade propia que provén do seu timbre, da resonancia -mais farínxea, oral ou nasal- da intensidade e volume, o tempo ou velocidade de enunciación e as pausas, o ton a duración das sílabas e o ritmo.
Outros elementos importantes son os efectos e sons que acompañan as palabras e movementos: suspirar, rir, chorar, bocexar cando representamos a nosa improvisación.
E tamén hai emisións non verbais -voluntarias ou non- que utilizamos habitualmente á hora de improvisar: xemidos, bramidos ou articulacións como Ai... (de dor, mágoa) ou Oh!(de admiración).
As pausas momentáneas teñen tamén un importante valor comunicativo: vacilacións, pausas emocionais, interrupcíóns...
2. En segundo lugar, interésanos a linguaxe corporal ou quinésica, que abranxe principalmente xestos, postura e expresións faciais, dos ollos, e a proximidade e distancia entre locutor e interlocutor ou proxémica. A linguaxe corporal é o conxunto de movementos e posicións do corpo que teñen valor comunicativo.
Por exemplo, o movemento das cellas. A elevación das cellas de quen está a regueifar relaciónanos cos campos semánticos da sorpresa, por exemplo. O seu pregamento, co campo semántico do malestar, o esforzo ou a reflexión.
Imaxina unha sesión de regueifa, imaxina un regueifeiro ou unha regueifeira. Os seus xestos son importantes: sorriso cómplices, chiscadelas de ollos... Tamén as súas maneiras ou posturas. As posturas, tecnicamente, son estáticas, e poden comunicar información sobre estados de ánimo, por exemplo.
Na Galiza non hai estudos sobre a linguaxe corporal no repente galego... Nin practicamente en ningún outro campo. Mais o repentismo ofrece un bo espazo para unha aprendizaxe máis completa do proceso de comunicación. A axuda do audiovisual pode ser de grande axuda.
E nós vamos comezar este camiño facendo algo práctico. Facer unha análise da linguaxe corporal dunha regueifa. Así que agora tócache a ti.
As regueifeiras son, de esquerda a dereita: Esther Porrit, Sara Marchena, Alba María, Nuria das Cruces e Noa de Capón. E, cunha función proxémica interesante -e moi teatral – o presentador Xosé Ramón Gayoso.
Agora, resposta, redixindo un texto, as preguntas que che facemos a continuación.
Método de avaliação: Nota mais alta