Novas e Anuncios

Presentación do curso e da Aula Virtual

Presentación do curso e da Aula Virtual

por Rafael Ávila Coya -
Número de respostas: 0
Ola a todos/as:

Antes que nada me presento:

Chámome Rafael Ávila Coya, son profesor de sistemas electrónicos no IES Campo de San Alberto de Noia, e entusiasta do software e coñecemento libres dende finais do ano 1999. Dende o ano 2005 traballo exclusivamente con Software Libre, e teño participado en diferentes proxectos relacionados co Sw e Coñecemento Libres, nalgúns de xeito esporádico e noutros de xeito máis activo e continuado. A miña última pasión, na que levo inmerso dende Maio de 2009, é o proxecto OpenStreetMap, un proxecto de creación dun mapamundi libre dunha filosofía e licenza equivalentes ás da Wikipedia. OpenStreetMap conta, a día de hoxe, con máis de medio millón de voluntarios de todo o mundo.

A aula virtual deste curso de Aplicación Docente do Software Libre nun Centro Educativo está pensada como un complemento en liña ás 4 sesións presenciais (de 2 h e media) nas que está dividido o curso. Nesta aula virtual verás unha sección principal na parte superior, seguida de 4 seccións correspondentes ás 4 sesións presenciais.

Na sección principal temos varios recursos, que paso a expoñer a continuación:

1) Novas e Anuncios: Para comentarvos asuntos de interese xeral sobre o desenvolvemento do curso, novos recursos que se vaian engadindo á aula virtual, etc.

2) Foro de discusión xeral: Este foro será central na discusión de todo tipo de contidos que xurdan ou no que teñades interese ao longo do curso, e incluso despois de rematado. No foro de discusión xeral sodes libres de abrir calquera tema, dúbida, etc. sobre contidos relacionados co Software Libre, sexan estes tratados durante o curso, ou calesquera outros nos que teñades interese.

Se é a primeira vez que usas un foro en Moodle, podes ler o capítulo 5 da tradución ao galego do libro Using Moodle. Só traducín os capítulos 1, 2, 3, 4, 5 e 10 do libro, mais se queres consultar o resto de capítulos, podes abrir o libro completo (en inglés) aquí. O libro distribúese baixo unha licenza Creative Commons CC-by-nc-sa.

Este foro de discusión xeral será moi importante no desenvolvemento do curso, pois o tempo de impartición presencial é pouco - só 10 horas -, e haberá, con toda seguridade, moitos temas para os que so teremos a posibilidade de discutir ou resolver en liña.

As discusións en liña teñen algunhas vantaxes sobre as discusións presenciais, como son:

a) Son de carácter asíncrono, é dicir, que cada un participa na discusión ás horas que mellor lle vén, e non está atado a ningún horario en particular.
b) Ao dispormos de moito máis tempo, permítenos profundizar máis en cada tema, en comparación coas discusións cara a cara.
c) Todo o que se discute queda escrito, co que se poden reler tódalas entradas e non repetir temas, dúbidas ou preguntas, algo habitual nas xuntanzas cara a cara. As entradas nos foros son, en xeral, máis meditadas que nas conversas en persoa.

En todo caso, non teñades ningún medo a participar nos foros. Pensade que todo o Sw Libre se desenvolveu e se desenvolve através de foros e correo electrónico. Hai desenvolvedores que colaboran durante moitos anos nun mesmo proxecto sen verse físicamente nin sequera unha soa vez!

3) Foro de axuda: Este é un foro secundario, que abrín só para que expoñades dúbidas ou se precisades axuda sobre o uso da aula virtual.

4) Chat da aula virtual: Un chat no que poderedes conversar en liña sobre calquera aspecto ou tema relacionado co curso ou co Sw Libre en xeral. Tódalas conversas quedan gravadas, de tal xeito que se hai algunha conversa interesante poderíala expoñer ou resumir nos seus puntos principais no foro xeral, para beneficio de todos/as.

5) Glosario global de termos: O glosario global de termos é unha actividade colaborativa na que participaremos todos/as, durante todo o curso. Trátase de ir facendo un pequeno diccionario de termos específicos do Software Libre que vaian xurdindo durante o curso, sexa nas horas presenciais ou nas discusións dos foros.

Para engadir unha nova entrada ao glosario, prememos primeiramente en Glosario global de termos. A páxina que se abre é o glosario, ordeado alfabéticamente (iso o fai por defecto, mais podémolo ver ordeado por categorías, por data ou por autor sen máis que premer na respectiva lapela (Ver por categoría, Consultar por data e Buscar por autor)).

Unha vez nesa páxina, prememos no botón Engadir unha nova entrada e abriráse unha nova páxina na que poderemos insertar o novo termo. Para iso, temos que encher varios campos:

  • Concepto: Aquí poñemos o nome exacto do termo (por exemplo: Linux).
  • Definición: A descrición do termo (por exemplo: Linux é un sistema operativo desenvolto dende o ano 1991 baseado en UNIX...). Para a deefinición podedes usar calquera fonte, mais é convinte que ao final, na última liña, poñades a fonte ou fontes orixinais (exemplo: "fonte: Wikipedia").
  • Categorías: Non esquezades escoller unha categoría para o termo.
  • Palabras chave: Aquí podedes poñer palabras chave para o termo (para o noso exemplo, poderíamos poñer: sistema operativo, núcleo, kernel, etc.). Se non se che ocorre nada, non te preocupes; é un campo opcional.
  • Anexo: Caso de ser necesario, podes incluír un arquivo que complemente a entrada do termo.
  • Sección Ligar automaticamente: Nesta sección é moi convinte que seleccionedes a primeira opción (Esta entrada será ligada automaticamente) e que deixedes as outras dúas (Esta entrada diferencia maiúsculas e minúsculas e Buscar só palabras completas) sen seleccionar. Con isto o que faremos é que en calquera parte da aula virtual na que apareza ese termo, podamos consultar o seu significado simplemente premendo sobre o termo. Deste xeito, crearemos un minidiccionario interactivo de termos.
Logo de encher tódolos campos, prememos no botón Gardar modificacións e xa teremos un novo termo incorporado ao noso glosario. Xa hai algúns termos subidos a modo de exemplo.

Para finalizar, en cada unha das seccións correspondentes a cada sesión presencial, haberá diferentes recursos e actividades, precedidos sempre por un breve esquema cos contidos que se exporán ese día.

En tódalas seccións da aula virtual se irán incorporando diferentes recursos e documentación a medida que vaia transcurrindo o curso.

E polo de agora nada máis. Só agardo que este curso vos resulte o máis proveitoso posible, e que podades descubrir a riqueza de vantaxes que o Software Libre pode traer para a vosa actividade docente e para a vosa vida cotián en xeral.

Un saúdo.