En que constiste?
O que fixo Bernie Dodge foi estandarizar un proceso, de xeito que se o profesorado utiliza este estándar para as tarefas de investigación e aprendizaxe posibilitamos que o alumnado asuma e integre ese proceso como técnica de traballo. Ademais contribúe á xenerosa filosofía de internet de "compartir" os materiais creados polo profesorado nas redes profesionais.
Este modelo de traballo permite que o alumnado:
- Elabore o seu propio coñecemento á vez que leva a cabo a actividade.
- Navegue pola web cunha tarefa en mente.
- Empregue o seu tempo do xeito máis eficaz, usando a información e non buscándoa.
As actividades que se xeran son case todas en grupo. Permiten engadir novos elementos que poidan contribuír a motivar ao alumnado. Así por exemplo, pódense asumir papeis como científico, detective, xestor administrativo, reporteiro, etc. É dicir, personaxes que traballan nun lugar inventado específico e que contribúen co seu traballo á mellora dos resultados finais. Poden tratar dun tema único ou ser transversais. A metodoloxía WebQuest resulta útil para o profesorado que desexa levar a cabo un ensino creativo, que permita a xeración de novos materiais e que estes se poidan transmitir, á súa vez, a outros alumnos e alumnas a través de Internet.
Para iso propón que toda webquest participe dos seguintes elementos:
- INTRODUCIÓN : Establece o marco e achega algunha información antecedente.
- TAREFAS : Aquelas que debe levar a cabo o alumno/a.
- RECURSOS : Selección de enlaces aos sitios de interese para atopar a información relevante.
- PROCESO : Descrición dos pasos a seguir para levar a cabo as tarefas.
- AVALIACIÓN : Concreción de como será avaliada a realización das tarefas.
- CONCLUSIÓN : Recorda o que se aprendeu e anima a continuar coa aprendizaxe.
É posible que por razóns concretas de cada proposta algún destes apartados poida integrarse con outro. Así podemos atopar webquest onde, por exemplo, os recursos e o proceso se propoñen dende o mesmo elemento.
O traballo de desenvolver unha webquest, por parte do alumnado, terá a duración que o profesorado estime oportuna, pero o normal (e recomendable) é que se reparta en varias sesións.
Existe unha variante desta metodoloxía que pretende procesos máis breves de traballo (unha ou dúas sesións) por cuestións de idade do alumnado ou ben porque a propia tarefa non require demasiados procesos de recopilación, análise e tratamento da información. Denomínanse "Miniquest". De todos os xeitos, a base metodolóxica é idéntica.