Concepto e historia

O modelo de WebQuest foi desenvolto por Bernie Dodge en 1995. Bernie Dodge é profesor de tecnoloxía educativa na Universidade do Estado en San Diego, California, EE.UU. Interésase fundamentalmente no deseño, implementación e avaliación de ambientes de aprendizaxe baseados na Rede, e neste campo ten unha ampla experiencia docente. (Entrevista a Bernie Dodge)

Definiuno como unha actividade orientada á investigación onde toda ou case toda a información que se utiliza provén de recursos de internet.

WebQuest é un modelo de aprendizaxe moi sinxelo e rico para provocar o uso educativo de internet, baseado na aprendizaxe cooperativa e nos procesos de investigación para aprender.

Está baseado fundamentalmente nos recursos que nos proporciona Internet que incitan ao alumnado a investigar, potencian o pensamento crítico, a creatividade e a toma de decisións, contribúen a desenvolver diferentes capacidades, levando así aos alumnos e alumnas a transformar os coñecementos adquiridos.