
Agueiro é unha plataforma en liña que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia ofrecen aos centros educativos galegos como ferramenta para crear a súa propia comunidade educativa dixital, onde poden participar tanto o profesorado como o alumnado do propio centro educativo.
Esta plataforma combina as funcionalidades de rede social educativa, portafolio dixital educativo e plataforma para o traballo colaborativo en liña, polo que Agueiro tamén podería definirse como un "PLE" (Personal Learning Environment) ou Entorno Persoal de Aprendizaxe.
Acceso
Nesta contorna, tanto os propios centros educativos como o profesorado dos centros de Galicia poden acceder ao seu espazo persoal en Agueiro simplemente introducindo os seus datos de identificación corporativa, é dicir, o mesmo usuario e contrasinal que empregan para acceder á súa conta de correo electrónico "...@edu.xunta.gal".
Así mesmo, os centros educativos poden habilitar as contas de acceso do seu propio alumnado, para que tamén poida dispoñer do seu espazo persoal privado e acceder a todas as funcionalidades propias desta contorna colaborativa.
Ferramentas
Agueiro proporciona todas as ferramentas necesarias, tanto para persoas usuarias individuais como para grupos, para a creación de:
- páxinas
- blogs
- repositorio de ficheiros
- repositorio de fotos
- repositorio de vídeos
- sistema de marcadores
- sistema avanzado de etiquetado de contidos
Grupos
Todas as persoas usuarias de Agueiro poden crear grupos coas características que desexen: grupos abertos, pechados, ocultos, visibles, con acceso só a través de invitación etc. Os grupos proporcionan funcionalidades adicionais para os seus membros, como son os foros de debate, os boletíns de grupo ou o correo interno, existindo incluso a posibilidade de crear grupos relacionados.