O EVA
Descrición daqueles aspectos básicos do EVA e o seu funcionamento.
2. FAQs - Dúbidas frecuentes sobre o seu uso
Debo utilizar os libros das editoriais?
Os libros están á nosa disposición e podemos utilizar unha editorial concreta ou unha mestura de unidades de diferentes editoriais e cursos, pero non é obrigatorio utilizalos.
Tamén é posible deseñar o curso con material propio ou obtido en diferentes repositorios, como o espazoAbalar por exemplo.
Se xa tiña un curso na aula virtual do centro, podo seguir utilizándoo?
O aconsellable é facer unha copia de seguridade do curso da aula virtual, sen os datos de usuario, e restauralo no EVA E-Dixgal, así terémolo na nova plataforma e poderemos completalo con recursos das editoriais se nos interesa, e ao alumnado ofréceselle así un acceso centralizado.
Se o curso do EVA está vacío é probable que teñamos que aumentar o número de seccións para que estean todas dispoñibles.
Se xa introducimos elementos na nosa materia do EVA e escollemos facer unha fusión, os contidos incorporaranse ao final de cada un dos temas.
A maior parte das actividades e tipos de preguntas son iguais e non haberá problema, pero se algunha non coincide debemos ter a precaución de desmarcala ao facer a restauración.
Podo crear cursos no EVA ademais dos que xa se crean automaticamente?
Pódense crear cursos no EVA pero neste caso é preciso matricular ao alumnado manualmente ou facilitar unha automatriculación con chave.
Se ensino en varios grupos do mesmo curso e materia, é imprescindible traballar cos cursos independentes que se crean no EVA?
Neste caso podemos crear un curso novo, matricular ao alumnado manualmente ou con chave e facer grupos separados.
Tamén se podería escoller un dos cursos creados automaticamente, matricular nel ao resto de alumnos e facer grupos separados con eles.
Como podo permitir o acceso de outro profesor ao meu curso E-Dixgal?
Pódese matricular nun dos nosos cursos escollendo un perfil determinado segundo os permisos que lle queiramos proporcionar: profesor, profesor sen edición ou alumno.
Algúns cursos creados automaticamente xa veñen con dous profesores se no Xade estaban asignados á mesma materia e grupo.
Serve só para o traballo non presencial?
Facilita enormemente o traballo non presencial, pero tamén é óptimo para desenvolver as clases presenciais xa que proporciona un entorno centralizado e ordenado no que o alumnado sempre terá á súa disposición os materiais do curso e unha canle para compartir tarefas co profesorado e os compañeiros.