5. Traballando con obxectos.

Os obxectos son elementos que podemos incorporar nunha diapositiva, por exemplo, un gráfico, unha imaxe, textos, vídeos, sons, etc. Nin que dicir ten que sobre os obxectos podemos realizar as mesmas funcións que sobre as diapositivas, isto é, podemos borrar, seleccionar, mover, copiar, etc., obxectos.

Creando obxectos.

Cunha presentación, o obxectivo final que se persegue, é explicar información dunha forma clara e sinxela, e a ser posible, que se entenda a primeira vista.

É por iso que Impress dispón dunha ferramenta de debuxo para a creación de obxectos, e que a podemos encontrar no menú "Ver" / "Barra de Ferramentas" / "Debuxo".

Barra de debuxo

Tal e como se pode deducir, desde esta barra de debuxo, podemos crear nunha presentación liñas rectas, frechas, rectángulos, elipses, cadros de texto, liñas curvas, conectores -serven para enlazar un elemento con outro-, formas básicas, símbolos, frechas grandes, fluxogramas, textos explicativos, etc.

Para debuxar un elemento destes, simplemente temos que premer na barra de debuxo no elemento que queremos debuxar. Seguidamente debuxamos o que queremos na presentación.

Ademais de debuxar elementos, podemos cambiarlles os estilos ós debuxos que fagamos, xa sexan liñas, frechas, símbolos, formas, etc. Para iso escollemos o elemento que queremos modificar facendo clic co botón esquerdo, despois prememos no botón dereito e escollemos a opción "Editar estilo".

Estilos dos debuxos

Agora xa estamos en condicións de axustar o elemento ás nosas necesidades. Entre as innumerables cousas que podemos facer, temos, modificar cores, modificar tipos de letras, engadir sombras, darlle animación a un texto, etc.

Última modificación: xoves, 14 de xullo de 2016, 12:42 PM