Acompañamento e coidado. Como dar malas novas
COMUNCACIÓN DE MALAS NOVAS
|
Comunicar noticias desagradables que afectan á existencia dunha persoa expón ao emisor a problemas de orde ética, psicolóxica e de eficacia. Entre os profesionais da Psicoloxía e da medicina paliativa existe consenso en que a información a un paciente non pode consistir nun acto illado, senón que debería entenderse coma un proceso, onde os ritmos e os límites veñen dados pola persoa enferma e non polo clínico. É dicir, a información non é algo que se despacha nunha visita, sexa na consulta ou na habitación do enfermo, e todo listo. Pola contra, sen faltar á verdade hai que ofrecer aquela información que pode ser entendida e soportable en cada situación pol@ paciente, cada vez que se dea un cambio significativo nas expectativas ou nos resultados e estar dispost@ a falar cando a persoa o solicita. ¡O problema da verdade! Prescindindo dos aspectos filosóficos sobre que é verdade, si cabe plantexarse para que dicir a verdade sobre o inevitable e próximo destino de alguén cando nada pode facerse para remedialo. Quizais atopemos posturas diferentes á hora de dar resposta a esta cuestión. O doutor Bayés, autoridade recoñecida na materia, mantén que dicir a verdade, aínda neses casos desesperados, pon ao paciente en situación de responder activamente ás circunstancias que lle van a sobrevir e é un requisito de importancia á hora de conseguir morrer en paz. En calquera caso é a persoa, o suxeito que padece e que recibe a información, a que debera decidir ata onde pode aguantar en cada momento, por iso Bayés acuña o concepto de "verdade soportable", que debe entenderse non como o uso de mentiras piadosas para supostamente paliar a dor, senón como un xeito honesto, pausado, empático e dosificado de compartir a información co enfermo. Detrás das distintas opcións sobre a comenencia da información existen outras tantas concepcións sobre a liberdade do ser humano e a autonomía persoal. Cando se considera que a persoa é a única soberana para decidir aceptar ou intentar modificar o seu destino entón a balanza adoita inclinarse por transmitir a verdade aínda que tamén se avogue por ter presentes as consideracións sinaladas antes. Se a comunicación non verbal é básica en toda interlocución, o é moito máis cando aquilo que estamos transmitindo é capaz de provocar intensas reaccións emocionais, onde a información traspasada con elementos non verbais supera o sesenta por cento. Faise entón totalmente relevante coidar aspectos como mirar aos ollos, non eludir o contacto físico, a caricia, gardar a distancia e ángulo adecuados co receptor de modo que poida percibirnos ben e que facilite a caricia ou o desafogo sobre o noso ombreiro, sen por iso violentarlle coa nosa proximidade. As propostas anteriores sobre os procesos de comunicación de contidos difíciles e dolorosos non incumben só ao persoal sanitario e psicoterapeutas, son igualmente válidas para os familiares (proxenitores, fillos ou irmáns) así como docentes e non teñen que ser aplicadas unicamente en caso de graves enfermidades senón en todas aquelas situacións comunicativas en que as persoas poidan ver ameazada a súa seguridade e a súa confianza no futuro. Situacións que son máis frecuentes do que puidese parecer mesmo no ámbito escolar.
|
“Non existe forma boa de dicir cousas malas. Pero existen formas mellores que outras.” "Doctor, son miradas. Son miradas o que eu necsito." Nuno Lobo Antunes, neurooncólogo pediátrico.
|
|||||||||||||||

