O que todos estades a dicir está moi ben, sería o mellor para a persoa en si: seguir adiante, aceptar que esas cousas pasan, lembrar os bos momentos que estivo contigo e non os que lle que quedaron por vivir... Supoño que a calquera persoa que se lle preguntase, diría que iso seria o máis conveniente; pero o certo é que á hora da verdade todo iso vaise esquecer. A tristeza, a impotencia, a rabia... serían maiores que todos eses razoamentos, tanto que nin sequera te permitirian escoitar os consellos dos demais.
Onte me contaron na casa que foi o funeral do pai dun coñecido. Dicían que debeu de ser agotador para el atender a tanta xente que ia ao tanatorio ou á igrexa para darlles o pésame. É esa a función dos tanatorios? Tes que atender á xente como un anfitrión, pero tamén tes enriba o desgusto. Por moito que che digan que o senten non van cambiar nada. En moitos casos, sobre todo nas aldeas, os enterros son de obrigatoria asistencia. Por que? Pois porque esa persoa foi ao enterro do teu tío avó, por exemplo, aínda que non o coñezas para nada. Iso pasa moito na miña familia, como somos unha familia numerosa, meu pai ten que ir a enterros de persoas que nin coñecía simplemente polo feito de iso, que este viño darnos o pésame nalgún momento de súa vida. E como non vaias... prepárate, porque os pobos son moi pequenos e rápido se enteran de que Pepito non foi ou Menganito non deu o pésame. Deste modo, os familiares rematan por ter que aturar longas horas atendendo a xente que tampouco quere estar alí e que está desexando marchar.