21. A transición e a consolidación da democracia
Tras a prosperidade económica dos anos 60 (freada pola crise de 1973), a sociedade española mudou o que fixo xurdir unha ansia xeral de cambio e de maiores liberdades. Xorden diferenzas nas filas franquistas entre os sectores máis conservadores (“bunker”) e aqueles que estaban a favor dunha pequeña apertura (“aperturistas”). Ademais, o estado de saúde do ditador e as crecentes dificultades políticas e económicas anunciaban a fin do réxime.
No ano 1973 prodúcese unha crise enerxética mundial (subida dos prezos do petróleo, acordada pola OPEP) que afecta gravemente a economía, deixando ao descuberto os defectos estruturais do desenvolvemento económico dos anos 60 (dependencia tecnolóxica do estranxeiro, elevado endebedamento de empresa pública, necesidade dunha reconversión industrial e de adaptarse ao novo ciclo tecnolóxico). Por outra parte, o deterioro físico de Franco obrigoulle a designar a Carrero Blanco (militar e home da súa máxima confianza, representante do sector “bunker”) como presidente de Goberno e a Arias Navarro como ministro de Gobernación. Pouco tempo despois, Carrero Blanco falece nun atentado de ETA (operación Ogro), afectando emocionalmente a Franco e privando ao réxime da persoa que podería dar continuidade ao Movemento despois do ditador. Carrero foi substituído por Arias Navarro, quen anuncia unha serie de reformas coñecidas como o espírito do 12 de febreiro: maior liberdade de prensa, elección de alcaldes, creación de asociaciónns políticas, reforma da lei sindical, etc.
Nesta etapa incrementáronse as forzas da oposición, tanto no interior de España como no exterior.
No interior destacan: o grupo Tácito (serie de políticos e intelectuais que pretenderon unha transformación do réxime a posicións máis democráticas desde dentro do sistema),
o aumento das críticas e o distanciamento por parte da Igrexa (salienta o caso do bispo de Bilbao que defenderá o uso do euskera nas igrexas),
a Unión Militar Democrática (un sector do exército que defendía que a institución militar non debía ser un obstáculo para a democracia),
as numerosas folgas e protestas de obreiros, universitarios e entidades veciñais e
os atentados terroristas levados a cabo por organizacións como ETA, FRAP (5 membros destes dous grupos foron os últimos en pagar os seus crímenes coa súa vida, a pesar das diversas peticións de clemencia) e GRAPO.
No exterior, distintos partidos e organizacións antifranquistas iniciaron un proceso de unidade para restablecer a democracia; en Francia: no ano 1974, créase a Xunta Democrática por iniciativa de Santiago Carrillo (líder do PCE) para liderar a oposición ao franquismo e o PSOE resolve a crise entre os afiliados do interior e os do exilio no Congreso de Suresnes, elixindo a Felipe González como secretario xeral.
O PSOE impulsa a Plataforma democrática para aglutinar aos grupos políticos próximos a súa órbita ideolóxica. Os contactos entre ambos partidos deron lugar á formación da Plataxunta en 1975.
Por outra parte, a colonia africana do Sahara (onde o Goberno fixera unha promesa de realizar un referendo en 1973, xa que a Fronte Prolisaria reclamaba a independencia) é invadida en 1975 por unha marcha organizada polo rey Hassan II de Marrocos (Marcha Verde) coa que pretende invadir o territorio e anexionalo, ocupación que sería detida por petición da ONU. Días despois da retirada da marcha, asinouse en Madrid un acordo entre Marrocos, Mauritania e as Cortes para que os dous países se repartiran a colonia do Sahara, sen ter en conta a opinión da poboación.
Finalmente, o ditador falece en novembro de 1975, deixando a presidencia en mans de Arias Navarro e a xefatura de Estado a Juan Carlos de Borbón, quen foi nomeado rei e capitán dos tres exércitos e iniciou os trámites legais para configurar a España como Estado social e democrático de Dereito nun proceso coñecido como transición democrática (1975-1978).
O feito decisivo nese proceso de cambio foi a Lei para a Reforma Política promovida por Adolfo Suárez(procedente do sector aperturista do franquismo), sucesor de Arias Navarro na presidencia do goberno, e aprobada polas propias Cortes franquistas en 1976. O proxecto (ideado en gran parte por Torcuato Fernández Miranda, outro dos homes de confianza do rei), defendía a convocatoria dunhas futuras eleccións democráticas no país. O goberno resultante do mesmo sería o encargado da normalización democrática española. O documento presente destaca, sobre todo, nas diferenzas políticas e ideolóxicas do programa reformista de Suárez con respecto ás institucións da ditadura: fálase de soberanía nacional (Art. 1), recóllese o principio de división de poderes, de dereito ao voto, é dicir, fálase dun auténtico Estado de dereito ou democrático, para substituír ao réxime que se implantara en España dende 1939. Unha vez que Suárez conseguiu que os procuradores franquistas deran o seu visto bo (“o hara-kiri das Cortes”), celebrouse en decembro do mesmo ano un referendo para aprobar (maioritariamente) a LRP. Para moitos historiadores, ese sería o momento clave que marca o camiño cara á democracia e o “enterro legal” do franquismo.
Finalmente, “enterrado” o franquismo, o presidente Suárez procedería a legalizar todas as forzas políticas democráticas (incluído o PCE), con fin de celebrar as primeiras eleccións democráticas en España dende antes da Guerra Civil. Os comicios, gañados pola UCD (o partido de Suárez), permitirían ao novo goberno nos vindeiros anos ir completando e profundizando a democratización do país con importantes iniciativas como a sinatura dos Pactos da Moncloa en 1977, redactar unha Constitución democrática (1978) e iniciar o proceso de descentralización territorial (proceso autonómico, a partir de 1979).
A victoria da UCD (Documento 2), o partido de Adolfo Suárez, repetida nas eleccións de 1979, permitiría a este dirixir (xa como presidente plenamente democrático) o país ata a súa demisión a principios de 1981. Entre as medidas políticas que tomaría o Goberno de Suárez nos vindeiros anos destacaban: asegurar o proceso de cambio “legal e pacífico” (fronte á ruptura total das esquerdas); dialogar cos axentes sociais e sindicatos para solucionar a crise económica (Pactos da Moncloa, 1977), redactar unha Constitución democrática (1978) e iniciar o proceso de descentralización territorial (proceso autonómico, a partir de 1979).
Precisamente, o Documento 3 representa unha das principais realizacións políticas do Goberno de Suárez: a Constitución de 1978. España pasaba a ser unha Monarquía Constitucional e parlamentaria, con todos os elementos característicos dun Estado de dereito: amplos dereitos e liberdades, separación de poderes, pluripartidismo, Parlamento bicameral, Xefe de Estado moderador dos poderes tradicionais, etc. O modelo de organización territorial pasaba a ser de tipo descentralizado (autonómico), como especifica o Art. 2. A importancia da Constitución de 1978 radica en que é a primeira na nosa historia consensuada (pactada) entre todas as forzas políticas importantes (de dereitas e de esquerdas)
As novas eleccións, convocadas tras a aprobación da Constitución e celebradas en marzo de 1979, volveron a reproducir case os mesmos resultados de xuño de 1977, pero foron unhas eleccións con maior nivel de abstención, porque a xente estaba descontenta cos políticos pola inflación, o desemprego e o terrorismo e marcarán o inicio da descomposición da UCD. Todos estes factores levan a un desgaste enorme a Adolfo Suárez que viuse acosado pola práctica totalidade das forzas políticas e das forzas oligárquicas que o culpaban de toda a inestabilidade do período. Adolfo Suárez, o 19 de xaneiro de 1981, presentou na televisión a súa dimisión como Presidente de goberno, provocando nos españois unha grande sorpresa, sobre todo porque o presidente dimitirá argumentando que o sistema democrático estaba en perigo. Os militares inmobilistas que previamente xa planearan un golpe na fallida Operación Galaxia, aproveitaron a ocasión do aparente baleiro de poder (na sesión de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo como candidato a presidente de goberno) para levar adiante un golpe de Estado.
As eleccións xerais de outubro de 1982 provocaron un grande cambio na vida política española xa que a UCD afundíase estrepitosamente obtendo só 11 deputados. Alianza Popular recibiría gran parte dos seus votantes obtendo uns resultados históricos de 106 deputados pero a vitoria sería para o PSOE de Felipe González con 202 escanos e maioría absoluta. 1982 pode establecerse como peche formal da “transición longa”. Coa victoria do PSOE nese mesmo ano, demostrábase a madurez e fortaleza da democracia española, ao chegar ao Goberno as esquerdas.
O éxito político de Felipe González, ó lograr ser elixido presidente de goberno catro veces seguidas (en 1982, 1986, 1989 cos votos da maioría absoluta do PSOE e en 1993, co apoio dos votos de CIU e PNV) resultou clave para a estabilidade e consolidación do sistema democrático en España. Posto que os gobernantes socialistas aproveitaron as súas maiorías absolutas para tratar de levar adiante un programa de cambios co obxectivo de transformar a España nun Estado plenamente democrático e modernizalo. Tendo dous eixos claros, o ingreso de España na CEE e na OTAN (que culmina en 1986) e a consolidación do Estado de benestar. Para este fin fixo un profundo reaxuste da economía española para paliar os efectos das crises do petróleo (73 e 79) mediante unha dura reconversión industrial e a privatización das industrias do INI (Instituto nacional da industria) e tamén unha profunda reforma fiscal creando o IVE e o IRPF. Acometeu tamén unha ampla reforma do ensino, da sanidade e militar.
Como conclusión, podemos afirmar que a consolidación da transición democrática podemos atribuíla a causas tanto
endóxenas (transvase dos inmobilistas aos reformistas debido principalmente a Crise do petróleo e a necesidade de
ingresar na CEE) e esóxenas (presión da oposición externa rupturista). A culminación deste proceso a temos coa entrada
de España, á vez que Portugal na CEE e na OTAN no 86. Ademais, no 1982 terá lugar o mundial de fútbol en España e
posteriormente os Xogos Olímpicos, ámbolos dous símbolos do desenvolvemento económico dun país e da súa
consolidación internacional iniciada no proceso constituínte de 1978.