O desastre do 98 provocou un descontento xeral na poboación no país. A comezos do século XX o réxime da Restauración entrou nunha nova fase caracterizada pola inestabilidade. Esta inestabilidade redundou na debilidade dos gobernos, como mostrou o conflicto que enfrontou a militares e catalanistas nos inicios do reinado. O malestar dos militares polas críticas ao exército tras o desastre do 98 provocou o asalto a varios periódicos catalanistas críticos co exército na Barcelona de 1905. Na polémica subseguinte os militares conseguiron o perdón dos asaltantes e a aprobación da Lei de xurisdiccións (1906) que establecía que os delitos que se considerase que atentaban contra a patria e o exército serían xulgados polos tribunais militares. Desta maneira, ante a debilidade dos gobernos, o poder militar comezou a impoñerse ao poder civil e aflorou unha nova mentalidade militar moi corporativista e que consideraba ao exército o defensor da unidade nacional. 

Os inicios do reinado de Alfonso XII estiveron marcados polo espírito rexeneracionista que pretendía revisar o sistema e modificar os aspectos necesarios para superar os problemas do país e adaptarse ás novas demandas sociais e políticas. Tras a morte dos fundadores dos partidos dinásticos, Cánovas e Sagasta, produciuse unha crise de liderazgo en ambas formacións. Os seus sucesores máis destacados, Maura e Canalejas, tentaron unha rexeneración do sistema “dende arriba”. Primeiro, o goberno conservador de Maura propuxo unha reforma electoral para evitar a influencia do caciquismo, mais a inclusión na lei electoral do artigo 29 impediu que esta reforma conseguise sanear o sistema pois permitía a elección automática dos candidatos, se estes eran os mesmos (ou menos) que os escanos en liza por cada circunscrición, o que foi aproveitado polo caciquismo que se pretendía combater. 

En 1909, produciuse a primeira crise grave que sufriu o sistema da Restauración tras a Guerra de Cuba. Esta crise estivo moi vinculada á denominada guerra de Marrocos. Na Conferencia de Alxeciras de1906 a España fóralle atribuído o control do norte de Marrocos. Os acordos, buscados para compensar a perda de Cuba, Porto Rico e Filipinas no desastre de 1898, permitían aproveitar a zona para o ferrocarril e a explotación mineira. Para facer efectivo o dominio español enviáronse tropas desde Ceuta e Melilla. No ano 1909, a derrota do Barranco do Lobo e o ataque directo ao prestixio nacional e aos intereses económicos que isto supuxo, levou ao goberno presidido por Maura á mobilización dos reservistas. Esta movilización provocou nun forte malestar social que fixo desta guerra un conflito impopular e desembocou na denominada semana tráxica de Barcelona. O embarque dos reservistas destinados a combater na guerra de Marrocos no porto de Barcelona provocou unha explosión do descontento popular e o amotinamento da poboación. Entre os amotinados había anarquistas, republicanos e catalanistas que tomaron as calles da cidade durante unha semana. Apareceu o anticlericalismo pois producíronse ataques contra a Igrexa queimando conventos e destrozando os seus bens xa que consideraban que a Igrexa beneficiaba aos intereses das clases dominantes. O goberno de Maura respondeu cunha forte represión (fusilamento de Ferrer i Guardia) o que provocou importantes protestas e a caída do goberno, forzada por Alfonso XIII e apoiada polos liberais. Comenzou así a ruptura da quenda de partidos. 

Paralelamente, a oposición, marxinada do sistema canovista, vai recollendo cada vez máis apoios. Os partidos republicanos acadan moita forza co Partido Radical de Lerroux. En 1910 o PSOE (en alianza cos republicanos) obtén representación no parlamento. Os anarquistas seguen ensanchando as súas bases de apoio e tamén en 1910 crean o seu sindicato, a CNT. En Cataluña, País Vasco e Galicia crecen en importancia os partidos nacionalistas. Tras fracasar as propostas de Maura coa Semana Tráxica, o goberno liberal de Canalejas tentará aplicar un novo proxecto rexeneracionista con un programa de reformas que buscaban afrontar os principais problemas do país: o problema relixioso (lei do cadeado), a cuestión social (reformas na lexislación laboral e medidas de protección social), o problema rexionalista (lei de mancomunidades provinciais) e o problema de Marrocos (creación do Protectorado). O asesinato de Canalejas e a oposición conservadora provocaron a paralización e o fracaso das mesmas. 

En 1914, durante o goberno do conservador Eduardo Dato, comezaba a primeira Guerra Mundial. Nesta guerra España non participou directamente pero si indirectamente subministrando todo tipo de produtos para os países que participaron. Esto provocou unha subida de prezos no país, mais os soldos non aumentaron coa mesma rapidez que os prezos o que desencadeou un gran malestar social. Todo isto desembocou na profunda crise de 1917, manifestada en tres ámbitos diferentes: o militar, o político, e o social. 

 No primeiro caso, entre os militares creáronse as Xuntas de Defensa, onde os membros descontentos do exército espuxeron as súas reivindicacións económicas, profesionais (salarios, ascensos) e corporativas e conseguiron impoñer ás súas demandas ao poder civil. 

No plano político a crise manifestouse mediante a Asemblea de Parlamentarios, onde un grupo de deputados e senadores da oposición, a iniciativa dos catalanistas da Lliga, demandaron un cambio na Constitución (cara unha democratización do sistema) e de goberno. 

 A crise social manifestarase xa na folga xeral contra o coste da vida, organizada pola UXT e a CNT en 1916. O conflito social agravouse concidindo coa Asemblea de Parlamentarios e levou ao PSOE e a UXT (co apoio dos anarquistas da CNT) a convocar unha folga xeral revolucionaria, co fin de derrocar o réxime. Acabou cunha forte represión e foi maioritaria en Barcelona, Madrid, País Vasco e Asturias. Despois de 1917, tras a represión destes conflitos a quebra do sistema era evidente. Os partidos dinásticos estaban rotos. O seu fraccionamento acabou coa alternancia, unha das bases da estabilidade do sistema. Para enfrontarse á inestabilidade apareceron os chamados gobernos de concentración nacional, eran gobernos formados pola coalición de diferentes partidos nos que participaron os distintos grupos nos que se achaban divididos tanto o Partido Conservador como o Liberal, e incluso catalanistas da Lliga como Cambó, temerosos da revolución obreira.

 O descontento social, agudizado pola recesión económica da posguerra mundial e o influxo da revolución rusa de 1917 favoreceu un enorme incremento da afiliación aos sindicatos. A conflictividade social agudizouse: 

En Andalucía e Estremadura coñécese ao periodo 1918-1920 como o trienio bolxevique, coa intensificación das mobilizacións campesiñas e a ocupación e repartición de terras dirixidos polos dous grandes sindicatos (CNT e UGT); revoltas que desembocarán nunha forte represión por parte do goberno. 

No mundo urbano e industrial a conflitividade provocou a radicalización das posicións da patronal e os sindicatos. Incrementáronse as folgas e conflictos laborais (como o da Canadiense, a compañía eléctrica de Barcelona). Os grupos anarquistas desenvolveron unha actividade violenta a través de atentados contra o capital e a burguesía. A resposta da patronal foi o pistoleirismo (co asasinato de destacados líderes obreiros como Salvador Seguí) e o fomento dos sindicatos libres para romper as folgas e enfrontarse ao sindicalismo anarquista. No período que vai dende 1917 ata 1923 sucedéronse os actos terroristas e os asasinatos cometidos por pistoleiros tanto da patronal como dos sindicatos. O goberno, presionado pola patronal, cedeu a orde pública aos militares (como o xeneral Martínez Anido nomeado gobernador civil de Barcelona) que impuxeron a represión e apoiaron as actuacións da patronal. 

Finalmente, o fracaso militar en Marrocos, provocado polo desastre de Annual, marcará a crise definitiva da Restauración. Tras a primeira guerra mundial (1914- 1918) o goberno español decidira ocupar definitivamente o terrtorio do Protectorado español establecido no norte de Marrocos polo acordo hispano-francés de 1912. En 1921, o intento do exército español de asegurar o dominio da rexión do Rif acabará no coñecido como desastre de Annual. As tropas do xeneral Silvestre foron cercadas na poboación de Annual polos indíxenas rifeños dirixidos por Abd el-Krim e a maioría dos soldados españois, uns 10.000 pereceron en Annual ou na súa retirada cara a Melilla. Esta derrota provocou un forte impacto na opinión pública, unha investigación parlamentaria (expediente Picasso) e a petición de responsabilidades, con fortes críticas ao exército, aos políticos e ao rei, co que aumentou a oposición á monarquía. Ante a cantidade de problemas, o réxime tiña unicamente dúas posibilidades para sobrevivir: democratizarse (alterando as bases sociais e políticas do sistema) ou impor unha solución dictatorial co pretexto de por á fronte do país un ciruxán de ferro que puxese remedio aos males de España. A incapacidade do réxime para transformarse favoreceu a imposición dunha ditadura en 1923.

Última modificación: xoves, 22 de febreiro de 2024, 9:06 PM