8. A cuestión nacional no último terzo do século XIX (Comentario de texto incluído)
Os denominados nacionalismos periféricos son movementos ideolóxicos que xurden na España decimonónica debido a diferentes factores que pasamos a resumir a continuación:
-A progresiva concienciación de determinadas colectividades ou pobos de España que defenden a súa nacionalidade como un feito distinto á definida como a Nación Española.
-O rexeitamento, durante o s.XIX e gran parte do s.XX, da modalidade nacionalista española predominante nese período histórico, o nacionalismo conservador ou reaccionario (fortemente centralista e unitario, e represor das expresións políticas da periferia).
-A asunción, fundamentalmente entre as denominadas “comunidades históricas” (Galicia, País Vasco e Cataluña), das súas peculiaridades de diferente signo (históricas, lingüísticas, culturais, folklóricas, etc), no que tivo unha influencia preponderante o movemento europeo do Romanticismo.
-O choque ou fricción entre o modelo político dunha administración centralizada e unitaria defendida polos liberais dende principios do s.XIX con aspectos da periferia como a pervivencia do sistema foral vasco e navarro, os intereses económicos da industria catalana e vasca, a falta de participación política e de planificación económica da periferia con respecto ó centro (Madrid), etc.
-Por último, a todo iso habería que engadir o fracaso dos liberais no sentido de que non se conseguiu un sentimento nacional ou patriotismo español forte, o que derivou nun progresivo desprestixio do concepto de España ou Estado Español (moi evidente tralo Desastre de 1898), o que non fixo máis que aumentar os particularismos englobados nos nacionalismos periféricos.
Procederemos a continuación a analizar en detalle as peculiaridades propias dos tres grandes nacionalismos: o catalanismo, o vasquismo e o galeguismo.
O catalanismo. Ademais dos trazos característicos xerais do nacionalismo periférico comentados anteriormente, hai que ter en conta no caso de Cataluña os seguintes aspectos.
• O conxunto de sinais identificativos da personalidade catalana: lingua, dereito tradicional, costumes, símbolos, folklore….
• Os cambios introducidos pola Revolución Industrial: a modernización económica posibilitou a existencia dunha burguesía industrial catalana, defensora dos seus intereses, reivindicando de Madrid unha política proteccionista.
• O recordo e mitificación de feitos históricos, como a sublevación de 1640 e a derrogación dos fueros por Filipe V trala Guerra de Sucesión.
Todos estes factores, en suma, foron desenvolvendo unha situación de inconformismo ou malestar por parte dos catalanistas, e que iría empregando distintas doutrinas ou xustificacións ideolóxicas (carlismo, federalismo republicano, autonomismo, autogoberno federativo ou independencia plena) para conseguir a maior descentralización ou autogoberno posible, ó longo do s.XIX e primeiro tercio do XX, antes de que a dictadura de Primo de Rivera (1923), frease momentaneamente as reivindicacións nacionalistas.
Ademais, no caso do catalanismo, tamén podemos distinguir os tres períodos ou fases antes mencionados: entre 1830-1875 (a fase da “Renaixença” ou renacemento cultural e literario catalán, xunto ós primeiros proxectos políticos catalanistas, sobre todo procedentes do carlismo e do republicanismo federal; 1875-1901 (tralo fracaso do republicanismo federal daríase paso ao chamado rexionalismo conservador e católico, defendendo o autogoberno e a descentralización) e 1901-1923 (o nacionalismo catalán propiamente dito).
Por outra banda, ideolóxicamente, o rexionalismo catalán dividiuse nunha tendencia progresista e laica (con líderes como Valentí Almirall, e con feitos como o chamado «Memorial de Agravios», presentado a Afonso XII en 1885), e noutra conservadora e burguesa liderada por Prat de la Riba.
Enric Prat de la Riba, burgués e intelectual que fundara a Unió Catalanista en 1891, está considerado como o principal teórico do catalanismo conservador e católico, e autor das chamadas “Bases de Manresa”, publicadas en 1892 . Nas “Bases” está recollido o programa político deste catalanismo moderado, católico, tradicionalista, defensor dos intereses da burguesía e sen preocuparse por mellorar a situación das clases traballadoras, definíndose con precisión a organización territorial demandada polos catalanistas, que defendían unha organización confederal de España (a nación e o Estado catalán estarían integradas nunha organización superior: o Estado plurinacional ou Federación Española, reclamando unha autonomía política non separatista para Cataluña. Aparece por primeira vez a identificación de Cataluña como nación, baseada nos seus elementos culturais e históricos. O modelo político de Prat era, polo tanto, unha Federación Española que concedese o autogoberno ás rexións españolas, recoñecendo a Cataluña unha serie de competencias en política interior (Base 6ª), a oficialidade da lingua catalana (Base 3ª)e o restablecemento das súas institucións tradicionais (Base 17ª).
Xa no primeiro tercio do s.XX, o catalanismo daría o salto á vida política, entrando nas institucións locais e fundando distintos partidos (conservadores, republicanos, de esquerdas, autonomistas ou independentistas), constituíndose a Mancomunitat de Catalunya en 1914 (a primeira forma de descentralización recoñecida ós cataláns).
O vasquismo. Ó igual que no caso anterior, podemos distinguir unha serie de factores que xustifican o nacemento desta ideoloxía:
• Factores históricos: a perda dos fueros trala III Guerra Carlista en 1876, sendo os foralistas os primeiros representantes do futuro nacionalismo vasco.
• O forte impacto da Revolución Industrial no País Vasco. Neste sentido, as transformacións socio-económicas (como a chegada de inmigrantes doutras rexións), convertíronse nunha das principais preocupacións dos nacionalistas como Sabino Arana (que chegou a considerar aos «maketos e españois» como estranxeiros que poñían en perigo a sociedade tradicional vasca), un dos aspectos máis polémicos deste movemento nacionalista periférico. O propio Sabino Arana representa perfectamente ese pensamento xenófobo, separando rotundamente a vascos e españois.
• Unha forte identificación do nacionalismo coa relixión católica, tal como se recolle no propio lema do nacionalismo de Arana (“Dios y Tradición”).
• A defensa da cultura, folklore, lingua e costumes propios dos vascos (especialmente o euskera),
• A aposta, a diferencia dos outros movementos nacionalistas, dun plantexamento independentista dende o principio.
As ideas de Arana levaron á aparición do Partido Nacionalista Vasco (PNV) en 1895, a principal organización nacionalista neste ámbito, que tamén se dotou dunha organización sindical de tinte nacionalista (ELA-STV). Ata a Dictadura de Primo de Rivera, o nacionalismo vasco dividiríase nunha tendencia autonomista e outra tendencia independentista, reunificadas durante a II República.
O galeguismo. Efectivamente, na Galicia do s.XIX tamén xuridiría un movemento defensor da identidade cultural, económica e política dos galegos. A principal peculiaridade do galeguismo, con respecto ós outros movementos nacionalistas, foi o seu carácter minoritario (sobre todo, no século XIX), como fenómeno restrinxido a un grupo de intelectuais e de políticos, dado o carácter eminentemente rural da sociedade galega (cunha burguesía moi pouco representativa e unha enorme influencia do clero e da fidalguía). Sen embargo, Galicia coincide cos outros nacionalismos en factores como a defensa da súa personalidade (costumes, lingua, folklore) , as críticas ó centralismo do Estado español (responsabilizando a aquel do atraso económico galego, das malas comunicacións, dos escasos investimentos, do problema da emigración, etc) eo desenvolvemento claro das tres fases polas que pasou o galeguismo.
Na primeira fase desenvólvese o “Rexurdimento” ou renacemento cultural e literario da lingua galega,).
O rexionalismo, entre 1885 e 1916, segue defendendo os trazos característicos da cultura e personalidade de Galicia, reclamando ó mesmo tempo unha autonomía política e administrativa, sen tintes independentistas. Dentro do rexionalismo galego distinguimos dúas tendencias, a liberal encabezada por Manuel Murguía e a conservadora liderada por Alfredo Brañas.
Murguía, político e intelectual importantísimo deste movemento ideolóxico, representa por unha banda a denominada “teoría do celtismo” (xustificación ou mitificación dun pasado glorioso para os galegos) e pola outra a defensa dos intereses de Galicia, reclamando unha política descentralizadora tanto no administrativo como no económico para aquela. Críticas de Murguía acerca dos graves problemas sufridos polos galegos por culpa do férreo centralismo do Goberno español. A solución, para Murguía e os rexionalistas, era a concesión dun goberno autonómico para a nosa comunidade. O rexionalismo, por outra parte, dará lugar á aparición das primeiras organizacións políticas, culturais e económicas na defensa dos intereses galegos.
Finalmente, e xa no século XX, o nacionalismo propiamente dito, a partir de 1916, coa creación das Irmandades da Fala.
Como balance ou conclusión final, recordemos a importancia das reivindicacións nacionalistas na historia contemporánea española. Convertiráse nun dos factores que provocan a crise da Restauración.
Memorial en defensa dos intereses morais e materiais de Cataluña, coñecido como Memorial de agravios, presentado á Coroa en Madrid o 10 de marzo de 1885:“Non temos, Señor, a pretensión de debilitar, nin moito menos atacar a gloriosa unidade da patria española; ao contrario, desexamos fortificala e consolidala; pero entendemos que para logralo non é bo camiño afogar e destruír a vida rexional para substituíla pola do centro […]. O que nós desexamos, Señor, é que en España se implante un sistema rexional adecuado […]. Señor: estamos privados do noso sistema administrativo […]. Non podemos usar a nosa lingua máis ca nos nosos fogares e en conversas familiares […]. E como se todo isto non fose bastante, hai tempo que se nos vén ameazando con destruír, ou cando menos adulterar, o noso dereito civil”.