7. A restauración: retorno da monarquía e Constitución de 1876
O fracaso da experiencia democrática do Sexenio, tanto do sistema monárquico como republicano, así como o medo ó espallamento da Internacional, despois da experiencia revolucionaria da Comuna de París de 1871, axudaron a espallar entre gran parte do exército e das clases altas da sociedade a idea da monarquía borbónica como o único sistema capaz de traer a estabilidade e orden social que demandaban.
O labor de difusión de Cánovas e o partido afonsino, a continuidade da guerra carlista e de Cuba, a falta de apoios da república presidencialista de Serrano, o recoñecemento internacional do fillo de Sabela II como futuro Rei e o pronunciamento de Sagunto do xeneral Martínez Campos explican o triunfo da Restauración da Monarquía Borbónica na figura de Afonso XII
A consolidación da alternativa da Restauración Borbónica.
Os intereses das clases propietarias e do exército irá decantándose cara a “unha estabilidade política definitiva”, que en 1874 apunta xa á liderada por Cánovas del Castillo, a restauración borbónica na figura do herdeiro de Sabela II, o príncipe Afonso.A maioría das forzas políticas, agás os republicanos, empezarán tamén a albiscar na restauración do futuro Afonso XII unha alternativa política tras a abdicación nel de Isabel II en 1870 .Socialmente, a Restauración contará co apoio da nobreza e da Igrexa, pero destaca fundamentalmente o apoio das elites económicas de Cuba e da Península. Desde 1872 os comerciantes peninsulares e de Cuba (contrarios á abolición da escravitude) apoiarán financeiramente o retorno do Borbóns.
O Manifesto de Sandhurst.
Co motivo de acadar un amplo respaldo para a volta dos Borbóns, no mes de decembro de 1874, publícase un manifesto, o Manifesto de Sandhurst, un texto programático onde se definen os principios da Restauración, firmado polo futuro rei Afonso XII e redactado con toda seguridade por Cánovas. Desde a Academia militar británica de Sandhurst, Afonso XII diríxese á nación (como unha resposta persoal ás “numerosas felicitacións que recibira polo seu 17 aniversario”).
No manifesto resúmense os principios básicos do sistema político canovista: a defensa da continuidade dinástica, é dicir a volta dunha monarquía baseada na tradición histórica, hereditaria (en contraste coa de Amadeo de Savoia que fora elixida polo Parlamento) e que ademais pretende ser representativa de todas as clases sociais, de toda a nación. Unha monarquía que se declara constitucional.
O Rei declárase defensor dun sentimento liberal e católico (reúne ó mesmo tempo a confesionalidade católica e ó Liberalismo, co que se achega á Igrexa, diferenciándose claramente do Carlismo).Cánovas considera o catolicismo un elemento imprescindible da Constitución histórica e defende a confesionalidade do Estado, a continuidade dos privilexios da Igrexa católica e do seu monopolio do ensino.
Pronunciamento de Martínez Campos en Sagunto.
Aínda que Cánovas era defensor de que a Restauración e o reinado do futuro Afonso XII acontecera de forma pacífica, por aclamación popular, o 29 de decembro de 1874 o xeneral Martínez Campos liderou un pronunciamento militar en Sagunto a favor de Afonso XII que, tras triunfar, suporá o final do goberno do xeneral Serrano e a chegada a España e coroamento de Afonso XII.
A RESTAURACIÓN BORBÓNICA:
O chamado Sistema Canovista ou Sistema da Restauración Borbónica configúrase mediante certos aspectos como: a monarquía constitucional, a quenda pacífica, o fraude electoral, a oligarquía e o caciquismo. Este sistema estivo vixente desde 1875 ata 1923, cando se inicia a Ditadura de Primo de Rivera.
Cánovas del Castillo será o creador do Sistema político da Restauración. Os seus principios básicos son os de lealdade á dinastía borbónica, Liberalismo doutrinario (afirmación da Constitución histórica; a dobre soberanía do Rei e das Cortes, amplos poderes do Rei...) a Quenda de partidos e a defensa da propiedade, a autoridade e o orden.
Cánovas aposta por un réxime “civilista” na que o exército deixe de ser un protagonista político. Neste sentido pretende atraer ó exército como elemento integrado dentro do sistema mediante a imposición da figura do Rei soldado,; o nomeamento como senadores dos principais cargos militares e mediante a concesión para gastos do exército dunha parte significativa dos Presupostos do Estado.
No Sistema da Restauración o valor da Constitución escrita vai ser mínimo. Terán maior protagonismo certas prácticas políticas como a Quenda de Partidos e a manipulación electoral, que en certa medida a minusvaloran.
Cánovas proporá a Quenda de Partidos como a fórmula que remate coa exclusión da oposición e o necesario recurso ó pronunciamento. Os gobernos, ben sexan conservadores ou liberais, deben contar coa dobre confianza do Rei e do Parlamento. O Rei é quen inicia a Quenda, chamando ó goberno a un dos partidos. Este convoca as eleccións para contar cunha maioría suficiente no Parlamento. Con tal de obter esa maioría, o goberno está disposto a recorrer a calquera acción, incluso ó fraude electoral, así como á acción dos caciques, fundamentalmente nas zonas rurais, co obxecto de carrexar votos para os candidato do goberno
Ambos partidos, Conservador e progresista, recoñecen como principios básicos: a dinastía borbónica, a supremacía da Coroa e a súa prerrogativa rexia). Compartirán o respecto á Constitución, á propiedade privada e a defensa dun Estado centralizado e deberán gozar da dobre confianza do Rei e das Cortes.
1-O Partido Conservador de Cánovas aglutinará no seu seo a antigos políticos da Unión Liberal (como o propio Cánovas), moderados e ademais, despois da 3º guerra, a algúns carlistas. Liderado por Cánovas ata a súa morte, o partido contará co apoio dos propietarios agrarios, grandes contribuíntes e a burguesía industrial e comercial.
2-O Partido Liberal, liderado por Sagasta, parte da experiencia do Partido Constitucionalista durante o Sexenio.
En 1880 coa incorporación de Alonso Martínez o Partido de Sagasta adopta o nome de Liberal-Fusionista. En 1882 un grupo de políticos procedentes do partido progresista-democrático de Ruiz Zorrilla (Martos, Moret, Montero Ríos... partidarios da defensa da Constitución de 1869, do sufraxio universal, soberanía nacional e da ampliación de dereitos individuais) fundan Esquerda dinástica. En 1885, O Partido Fusionista e a Esquerda Dinástica chegan a un “Acordo de Garantías”: Aceptan as Cortes co Rei como representación da soberanía nacional, e aceptan a defensa do sufraxio universal, o xuízo por xurados e a promesa dunha reforma constitucional. Dese Acordo nacerá o Partido Liberal liderado por Sagasta. O Partido contará co apoio de artesáns, pequenos comerciantes, profesionais liberais das cidades...
O sistema ciméntase na seguridade de que ambos partidos van acceder e controlar o poder, é dicir o respecto á quenda. Para iso ambos recoñecen a prerrogativa rexia, o papel do Rei como principio da quenda, cando chama a gobernar ao partido que está fóra do goberno, ben por desgaste ou pola perda de confianza da Coroa.
Ó morrer Afonso XII, en 1885, Cánovas e Sagasta, co obxecto de salvagardar o sistema político e a monarquía, aceptan de mutuo acordo, sen que medie a prerrogativa rexia, respectar a quenda e consolidarse como partidos dinásticos. Este acordo, non escrito, coñécese co nome de Pacto do Pardo. Cánovas demitiu e Sagasta volveu ó goberno chamado pola rexente.
Como se pode constatar, desde 1876 ata principios do s. XX existiu unha gran regularidade no tempo das quendas de goberno, nas maiorías acadadas polos partidos dinásticos e o reparto de escanos entre as 2 forzas políticas. En canto ó tempo da quenda, agás na 1ª etapa conservadora (1875-1881) e no goberno largo de Sagasta (1885-1890), na década dos 90, a quenda fixouse en 2 ou 3 anos.).
A CONSTITUCIÓN DE 1876.
En 1875 abriuse o proceso da elaboración e aprobación dunha nova constitución, a de 1876, a máis duradeira dos s.XIX e XX. Cánovas convocou unhas eleccións para formar unhas cortes ordinarias por sufraxio universal, seguindo a Constitución de 1869 (aínda que estaba suspendida era a vixente) pois pretendía que o novo réxime monárquico tivese a maior lexitimidade posible.Non foron debatidos os artigos relativos á Coroa e as súas competencias, pois se consideraba á Monarquía como anterior e superior á Constitución.A Constitución de 1876, un texto breve de 89 artigos, mantén a organización dos poderes, a soberanía e as atribucións da Coroa semellante á moderada de 1845, mentres que os dereitos se recollen de forma moi similar ós de 1869, aínda que moi atenuados. –
No preámbulo faise referencia á soberanía compartida entre o Rei e as Cortes, seguindo o principio da Constitución Histórica de Jovellanos. Pódese considerar como unha Constitución doutrinaria, conservadora.
- Dereitos,), non se conciben, como na Constitución democrática de 1869, como naturais e inviolables, senón como concesións dos poderes públicos, por iso podían ser restrinxidos polos distintos gobernos mediante as súas respectivas leis. Os dereitos remítense a leis posteriores e non se establecen garantías sobre eles.
Ademais o artigo 17, das garantías constitucionais, permitía suspender mediante lei algúns dereitos e liberdades (garantías do detido, inviolabilidade de domicilio e correspondencia, liberdade de expresión e prensa, dereitos de reunión e asociación) en circunstancias extraordinarias e pola seguridade do Estado, incluso cando non estivesen reunidas as Cortes. Entre 1876 e 1917 ata 19 veces foron suspendidas as garantías constitucionais, e desde 1917 o estado de excepción foi unha situación normal.
O artigo 11, aínda que se recoñece a liberdade de conciencia e de culto, expresa a confesionalidade do Estado e o seu compromiso de soster o culto e o clero. Representa un retroceso respecto á tolerancia de 1869 e a separación da Igrexa e do Estado que se contemplaba no proxecto de 1873, pois admite a tolerancia en privado de calquera relixión, pero prohibe as manifestacións públicas que non sexan da relixión oficial. Cánovas pretende atraerse á santa Sé e a xerarquía católica, tendo en conta o apoio significativo que reciben os carlistas do clero, mentres que a tolerancia relixiosa que se contempla ten que ver coa importante presenza estranxeira en relación coa explotación mineira e ferroviaria e pretende dar unha imaxe máis moderna de España ós países europeos.
Os Poderes:
- O Monarca convértese na peza básica do sistema, ocupa o papel central no Estado. Está por riba da propia Constitución (constitución interna), vai acadar amplos poderes:
- Comparte a soberanía e o Poder lexislativo coas Cortes
- O Rei ten iniciativa lexislativa e ten poder de veto (en caso de veto, a lei non podía ser presentada de novo na mesma lexislatura)
- Prerrogativa rexia, é dicir, nomea e separa libremente ós presidentes de goberno e ós ministros e pode convocar e disolver as Cortes con total liberdade.
- Ten en exclusiva o poder executivo, aínda que a responsabilidade é dos ministros, estes deben ter a dobre confianza das Cortes e do Rei.
- O Rei encabeza a diplomacia e dirixe a política internacional
- Xefe Supremo do Exército e da Armada (introdúcese a imaxe do Rei – soldado), declaraba a guerra e ratificaba a paz.
- As Cortes: son bicamerais,
Congreso e Senado comparten as mesmas funcións
A presenza aristocrática e oligárquica no Senado é significativa. En certa medida recolle o Senado as 2 tradicións anteriores: senadores electivos na Constitución de 1869 e senadores de dereito propio e elixidos pola Raíña, na Constitución de 1845. Dos 360 senadores, só a metade son electivos(elixidos por corporacións e grandes fortunas), e a outra metade está constituída por senadores de dereito propio (Familia Real, Grandes de España, capitáns xerais...) e senadores vitalicios nomeados polo Rei.
-Non se fala de Poder Xudicial, senón de Administración de Xustiza.
Non se recoñece polo tanto como un poder independente. É o goberno o que selecciona ós xuíces e maxistrados.O xuízo por xurados non se contempla.
O sufraxio non se reflicte na Constitución. A lei electoral de 1878 limitaba o voto ós maiores de 25 anos que contribuíran ó estado cun mínimo de 25 ptas. En 1886 so podía votar o 2´1%. Ademais a circunscripción electoral admite o distrito reducido, de 1 so escano, que favorecerá a actuación do caciquismo nas zonas rurais. En 1890 restablecerase definitivamente o sufraxio universal.
O Estado é moi centralizado. Deputacións e Concellos quedan subordinados ó Estado . En futuras leis, Deputacións e Concellos serán nomeados polo goberno.
1876, suprímense os foros vascos e navarro, pero en 1878 concertarase o cupo coas Deputacións vascas: O País Vasco subministrará o cupo de homes que se designe para o servizo militar e as Deputacións satisfarán o cupo consignado nos Presupostos do Estado.
A GARANTÍA DA QUENDA. CACIQUISMO E FRAUDE ELECTORAL.
Ó contrario que na experiencia democrática en que os gobernos saen da vontade das urnas nas eleccións ó Parlamento, no sistema da Restauración eran os gobernos os que facían un Parlamento a súa medida. Unha vez chamados ó poder polo Rei, o goberno convoca e prepara as eleccións para conseguir un amplo apoio no Parlamento, eleccións que gañarán por maioría (entre 1876 e 1923, todas as eleccións as gañan os gobernos que as convocan, acadando entre un 60 e un 70% dos representantes). Os gobernos pasaban dunha elección a outra de ter unha maioría significativa a un número exiguo de escanos na seguintes eleccións. Isto era aceptado polos 2 partidos por mor da confianza de acadar na próximo quenda a maioría absoluta, ó cumprirse a norma non escrita de que o Rei non concede a disolución das Cámaras ó mesmo partido máis que unha vez cando está no goberno. Durante este tempo, os partidos dinásticos obtiveron unha amplísima maioría, respecto ós non dinásticos (92% en 1884, 82´7% en 1901)
Quen pode garantir estes resultados? Como a quenda non podía depender da vontade cidadá era necesario non so o pacto entre as elites políticas, senón tamén entre estas e os notables locais, os caciques. O feito de acadar os apoios estaba en relación co intercambio de favores por votos (pago de votos, recomendacións, obras públicas...). O cacique aporta a súa rede clientelar, o seu dominio e influencia sobre os veciños e as autoridades, na mesma relación de favores por votos. No caso de non ter asegurado o pacto ou o resultado, recórrese a distintas prácticas corruptas, como o fraude electoral, o “pucheirazo” entre outros.
No sistema caciquil pódese distinguir un funcionamento de arriba-abaixo en 3 niveis:
-Na cúspide, a oligarquía política entre a que se escollían os candidatos. Neste nivel destaca o Ministro da Gobernación. El elabora o encadramento, é dicir, en cada distrito electoral (favorécense os distritos uninominais do rural, fronte ás cidades onde podía ter máis influencia outros partidos como os republicanos, ex.A Coruña), en cada cuadrícula, colocaba o candidato ministerial e deixaba baleiras as que correspondían ben o partido da oposición,ben ós partidos extra dinásticos.
-Nun nivel intermedio destacan 3 pezas clave, o gobernador civil, os alcaldes e a administración de xustiza. O gobernador civil era esencial pois nomeaba os alcaldes (nas poboación menores de 33.000 habitantes), era o responsable da elaboración do censo e era quen debía recadar os apoios para acadar o encadramento.
Os alcaldes, ademais de organizar as eleccións (censo, lugar de celebración, mesas electorais...) tiñan a capacidade de xestionar favores (podían manipular os datos para diminuír a contribución ó estado, ben fosen impostos, ben o recrutamento militar...). Para manter a orde e evitar accións do partidos da oposición contan coa Garda Civil.
A administración de xustiza, dependía claramente dos partidos políticos (como reflectía o Faro de Vigo, “en tempos de liberais, os xuíces son liberais e cando mandan os conservadores, os xuíces municipais son conservadores”). No caso de non ter asegurado o triunfo ou non acadarse os resultados que se esperaban , os xuíces podían suspender concellos, manipular o censo ou validar os fraudes.
-Nun terceiro nivel, destaca o cacique. Tratábase de elites locais que exercían a súa influencia sobre unha comarca, sobre todo rural. Favorecía a manipulación o feito de existir no ámbito rural circunscripcións electorais unipersoais, onde só se elixía un deputado, e que nas circunscripcións das cidades (de 3 a 8 deputados) se incluísen os pobos próximos, co que se incrementaba o peso do voto rural, o máis manipulable.
Os caciques eran xeralmente persoas de grande arraigo e de boa posición económica e social e capaces de influír na xustiza e na administración local, provincial e nacional, e que utilizan para atender ás demandas dos veciños, relación que lle permite acadar os votos que necesitan os partidos políticos.
Nalgunhas comarcas a forza dos caciques permitía que moitos distritos, como se fose un feudo, fosen sempre controlados pola mesma familia ou saíse sempre elixida a mesma persoa, eran os distritos enfeudados ( Galiza, os Bugallal, González Besada do P.Conservador e Montero Ríos e Gasset, do Liberal).
No caso de que non se asegurase o resultado, era frecuente o recurso de ambos partidos ó fraude electoral.
Compra de votos, Manipulación do censo, Resurrección de mortos, Falsificación de identidades, Ameazas, Alteración de horarios e de convocatorias, Pucheirazo (substitución masiva dos votos emitidos polos do candidato oficial).
O Sistema favoreceu o falseamento permanente dos procesos electorais.
Segundo Cánovas “mentres existan gobernadores e alcaldes a disposición dos gobernos, a moralidade nas eleccións será un mito. Ata que isto non se corrixa, os caciques serán o donos absolutos do país”.
En síntese, o Réxime político da Restauración foi unha Monarquía Constitucional doutrinaria que favoreceu os intereses das clases altas (burguesía e aristocracia). Un réxime oligárquico, clerical, non democrático, seudoparlamentario, cunha clase política formada por camarillas de notables que eran os que ocupaban os cargos públicos dun Estado débil, baseado fundamentalmente no caciquismo.
Unha división clara entre o que se deu en chamar a “España oficial” monopolio dunha minoría que pretendía protexer a súa posición social, política e económica; e unha “España real”, a maioría do país, marxinada do xogo político e dos mecanismos de poder.
Nos anos 90 a quenda acúrtase e comezan as disidencias internas, que xa anuncian a Crise da Restauración. Ademais, novas forzas políticas e sociais aparecen en escea, representando tanto unha crítica como un intento de superación do Réxime Canovista . En Cataluña, País Vasco e Galicia van desenvolvéndose movementos rexionalistas e nacionalistas ó marxe do sistema político da Restauración e críticos con este. Doutra banda intensifícase o movemento obreiro, O acontecemento que marcará un forte impacto na sociedade española será o Desastre de 1898.