6. A I República
Os presentes documentos fan referencia á I República Española (1873-1874), breve período histórico enmarcado dentro do Sexenio Democrático (1868-1874), época de gran axitación política e social. O Sexenio Democrático divídese en tres etapas: dende a Revolución de 1868 que derrocou a Sabela II ata a Rexencia de Serrano; a monarquía democrática de Amadeo I de Savoia (1871-1873) e a I República, contexto ao que se refiren os documentos presentes.
A principios de 1873, o rei Amadeo I renunciaba á coroa española polas dificultades e obstáculos cos que se atopou ao longo do seu reinado: a oposición dos sectores republicanos, os conflitos bélicos (a III Guerra Carlista e a Guerra dos Dez Anos cubana), a falta de apoios políticos (coa ausencia do seu valedor, Prim, tralo seu asasinato e as divisións entre as forzas monárquicas) e a escasa aceptación do pobo español cara o monarca italiano.
En febreiro de 1873 o rei abdicou, incapaz de resolver os problemas que afectaban a España por medios legais e constitucionais, renunciando a empregar unha solución de forza (intervención do exército).
Vendo a grave situación que atravesaba España, aínda que as Cortes eran maioritariamente monárquicas, proclamouse a I República. Era unha forma, entre varias razóns, de gañar tempo por parte dos monárquicos para restaurar ós Borbóns no trono de España. A I República foi recibida con entusiasmo polas masas republicanas que crían chegado o momento de facer realidade as súas aspiracións de cambio socia. . As tensións entre os propios republicanos, as guerras carlista e cubana, e o aumento das reivindicacións sociais revolucionarias dos obreiros provocaron unha permanente inestabilidade da primeira experiencia republicana en España (catro presidentes elixidos en menos dun ano) e o medo crecente nas clases propietarias e do exército á desintegración do país á revolución social.
Por outra banda, a I República nacera con escasas posibilidades de éxito, o que se evidenciou no illamento internacional do novo sistema (só EE.UU. e Suiza recoñeceron o novo goberno español, mentres que a maioría das potencias europeas non o fixeron, xa que vían a I República como un réxime revolucionario que podía poñer en perigo a estabilidade dunha Europa maioritariamente burguesa e conservadora).
Ademais, existían importantes divisións internas entre os republicanos, debilitando así ao novo réxime: por unha banda estaban os republicanos unitarios (que defendían, como Castelar, un Estado republicano centralista) e pola outra estaban os republicanos federais (que defendían un Estado descentralizado). Dentro destes últimos situábanse á súa vez os chamados intransixentes ou cantonalistas (buscaban unha república federal proclamada polas rexións ou cantóns dende abaixo, Documento 3), e os benévolos ou gradualistas (como Pi i Margall, a favor dunha república federal negociada dende o Goberno da nación e oposta a calquiera insurrección ou levantamento armado).
Proclamada a República, a Asemblea Nacional Republicana (formada pola reunión do Congreso e do Senado), asumiu tódolos poderes, deixando a unhas futuras Cortes Constituíntes a organización concreta da nova forma de Estado, Nomeando a Asemblea directamente ao presidente do poder executivo (o presidente da República española asumía tanto as funcións de Xefe de Estado como as de Xefe do Goberno), sendo o primeiro presidente Estanislao Figueras, quen decidiu convocar eleccións a Cortes Constituíntes para decidir o tipo ou forma de República, eleccións gañadas polos federais, proclamándose a república federal e nomeándose a Pi i Margall presidente do poder executivo en xuño de 1873.
A Asemblea Nacional redactou un proxecto de Constitución republicana federal. Neste proxecto constitucional, que non se chegaría a aprobar, recollíanse aspectos novidosos como a organización federal de España (Arts. 39 e 43) como un Estado formado por diferentes Estados federados (dezasete, incluindo Cuba e Puerto Rico); a soberanía popular (Art. 42); a división de poderes (coa novidade dun cuarto poder ou poder presidencial); a Xefatura de Estado sería asumida polo Presidente da República (quen nomearía ao Presidente do Goberno e aos ministros); un Parlamento bicameral ou Asemblea Nacional Republicana (composto polo Congreso dos Deputados e o Senado (que representaría aos Estados Federados); e a separación Igrexa-Estado.
Sen embargo, a xove República tivo que afrontar graves problemas, como a continuidade das guerras carlista e cubana, as protestas obreiras e os levantamentos cantonalistas, xa que os federais intransixentes procederon a proclamar a independencia de diversos cantóns sen esperar a que se promulgase a proxectada Constitución federal, seguindo así a súa premisa de construír a República «dende abaixo».
O movemento cantonalista foi sobre todo importante en Andalucía e Levante, destacando a proclamación do Cantón de Cartaxena, durante seis meses (de xullo de 1873 a xaneiro de 1874). Era un movemento fundamentalmente político, incorporando algunhas peticións moi revolucionarias (ensino laico e gratuito, incautación de bens eclesiásticos, apropiación de determinadas propiedades privadas…), contando así co apoio dos internacionalistas da AIT que vían no federalismo un camiño cara á realización da revolución social As revoltas cantonalistas debilitaron a República Federal, aumentaron as tensións entre os republicanos e provocaron a demisión de Pi i Margall.
Nicolás Salmerón (o novo presidente trala demisión de Pi i Margall), tivo que apoiarse no exército para aplastar o movemento cantonalista e restablecer a orde, aínda que el mesmo tamén acabaría por demitir ao negarse a aplicar a pena de morte aos sublevados.
Finalmente, Emilio Castelar, convertiríase no derradeiro presidente da I República, tras conseguir poderes extraordinarios da Asemblea Nacional co fin de facer fronte aos diversos conflitos en curso, gobernando por decreto e aplicando medidas drásticas apoiándose nos militares máis conservadores (Martínez Campos e Pavía), reforzando así cada vez máis unha opción de tipo militar para solucionar os problemas. Nese contexto, en mentres a Asemblea Nacional pretendía escoller un novo presidente da República, o xeneral Pavía deu un golpe de Estado en xaneiro de 1874, asumindo o poder executivo o xeneral Serrano co fin de estabilizar unha República de corte conservador. Serrano gobernaría na práctica como un ditador, ata que o xeneral Martínez Campos proclamou en decembro dese mesmo ano a Afonso XII de Borbón como rei de España, rematando así a I República e dando paso á chamada Restauración Borbónica.