Despois do descubrimento de América en 1492 comeza unha longa fase de exploración e conquista coa intención de incorporar as terras do novo mundo ao control da Monarquía Hispánica e o obxectivo fundamental de obter beneficios económicos dos seus recursos, tanto naturais como humanos.

 A conquista se organiza de xeito privado, a través de acordos aos que os conquistadores chegaban cos monarcas. Estes acordos, chamados capitulacións, consistían en que os conquistadores obtiñan riquezas e cargos políticos a cambio de que puxeran o novo territorio baixo autoridade da Coroa e que lle entregaran un quinto da riqueza, o denominado quinto real. Entre os máis destacados conquistadores temos a Hernán Cortés que someteu ao Imperio azteca, na zona do actual México, e Francisco Pizarro que acabou co Imperio inca na zona andina do actual Perú principalmente. Esta conquista se deu en varias fases, principalmente ao longo do século XVI. A partir de aí os españois iniciaron un intenso período de colonización onde trataron de poboar o territorio e artellalo mediante a fundación de numerosas cidades (os españois xunto cos romanos, foron os conquistadores que maior número de cidades fundaron na Historia). Esta conquista foi posible grazas a superioridade tecnolóxica dos españois, á división interna dos grandes imperios precolombinos e, sobre todo, ao brutal impacto das enfermidades euroasiáticas (varíola ou gripe principalmente) nas poboacións indíxenas americanas. Ao redor dun 90 por cento da poboación pereceu a causa principalmente dos xermes durante a conquista e a colonización.

Historia 3: Mapa de la conquista de América

 Como forza de traballo empregouse o sistema da encomenda. Os conquistadores obtiñan un número determinado de indíxenas por parte da Coroa a cambio de protección e de evanxelizalos. Como retribución por isto os indios debían traballar para os conquistadores a cambio de salarios moi pequenos. Un destes sistemas máis famosos foi o da mita mineira, onde os indíxenas das grandes minas de prata como Potosí (a maior de todas) ou zacatecas traballaban case como escravos. Outro dos sistemas de explotación era a importación de escravos negros sendo este un dos grandes negocios na Idade Moderna. A cantidade de prata extraída de América provocou na península un proceso de inflación tal, que se coñece como a revolución dos prezos. O aumento de metal circulante en España fixo que os prezos escalasen de maneira descontrolada. A prata americana foi clave na financiación das guerras europeas da Monarquía Hispánica.

 Para administración das novas terras, denominada As Indias, que pertencían á Coroa de Castela, se crearon institucións e leis concretas. Para o seu goberno se crearon o Consello de Indias e para centralizar e regular o comercio a Casa de Contratación. Instalados inicialmente en Sevilla, converteron a esta cidade, no XVI e XVII, na máis poboada de España, baixo o reinado dos Borbóns no XVIII se descentralizan. Creouse toda unha lexislación propia para América (civil, política, social e económica) que se compilou nas chamadas Leis de Indias (fundamentalmente as Leis de Burgos de 1512 e as Leis Novas de 1542).

As Leis de Burgos de 1512, foron as primeiras aplicadas en América, e nelas establecíanse os dereitos básicos dos nativos americanos, estipulando que os indios eran libres e súbditos dos Reis Católicos pero permitíase o sistema das encomendas sempre e cando se dera prioridade á evanxelización. Os abusos deste sistema, que orixinou unha elevada mortandade, foron denunciados por Fray Bartolomé de Las Casas e, tras un importante debate, levaron á promulgación das Leis Novas de Indias de 1542 que prohibiron á escravitude dos indíxenas e a creación de novas encomendas. Aínda que novas leis trataron de eliminalas, as encomendas mantivéronse durante os séculos XVI e XVII polas presións dos colonos, ao tempo que para compensar o descenso da man de obra indíxena introducíronse en América escravos negros africanos.

 Un dos debates máis salientables en torno as futuras leis foi o que enfrontou a Bartolomé de las Casas (en contra da escravización dos Indios pero a favor de importar escravos negros) e Ginés de Sepúlveda (a favor da escravitude dos Indios tamén) en Valladolid. En América a administración territorial foi dividida en Gobernacións, Audiencias e Vicerreinados. 

Blog de Sociales para el alumnado de 1º y 2º ESO: Tema 9. Mapas del Imperio  Español en América (1680 y 1783)

Se ben é certo que a colonización trouxo consigo melloras técnicas para as poboacións americanas, podemos afirmar que as relacións foron brutalmente asimétricas. A metrópole obtiña grandes beneficios económicos das colonias, administrados por poboación de orixe español principalmente (os crioulos) e os indíxenas e os escravos eran explotados salvaxemente.

Texto a revisar

Como forza de traballo empregouse o sistema da mita. Os conquistadores obtiñan un número determinado de indíxenas por parte da Coroa a cambio de protección e de evanxelizalos. Como retribución por isto os indios debían traballar para os conquistadores a cambio de salarios moi pequenos.

As Leis de Burgos de 1512, foron as primeiras aplicadas en América, e nelas establecíanse os dereitos básicos dos nativos americanos, estipulando que os indios eran libres e súbditos dos Reis Católicos. As Leis Novas de Indias de 1542 que prohibiron á escravitude dos indíxenas e eliminaron as encomendas responderon ás críticas de Bartolomé de Las Casas que denunciou os abusos dos encomendeiros.


Texto a comentar

A denuncia de Bartolomé de las Casas

Nestas ovellas mansas [os indios] entraron os españois como lobos, tigres e leóns famentos de moitos días. E outra cousa non fixeron desde haicorenta anos e seguen hoxe esnaquizando, matando, angustiando, aflixindo, atormentando e destruíndo mediante estrañas, novas e variadas formas de crueldade (...) de modo que se había na illa Española sobre 3.000 almas (...) non chegan hoxe os naturais a 200 persoas. A iIIa de Cuba (...) está
case despoboada. A illa de San Xoán e a de Xamaica, illas moi grandes, felices e graciosas, están asoladas. (...) Máis de trinta illas da zona da illa de San Xoán están tamén despoboadas. (...) A causa destas mortes e destrución é a insaciable ambición e cobiza dos cristiáns de ter ouro e riquezas en pouco tempo (...) E isto é notoria e auténtica verdade que todos, incluso tiranos e matadores, saben e confesan, que nunca os indios fixeron mal ningún aos cristiáns, antes creron que viñan do ceo, ata que recibiron deles moitos males, roubos, mortes, violencias e vexacións.


Concesión de título de encomenda (1544)

“Don Francisco de Montejo, adiantado, gobernador e capitán xeneral das gobernacións do Iucatán, Cozumel, Higueras e Honduras e as súas terras e provincias… Pola presente, no real nome da Súa Maxestade, encomendo e dou en repartimento a vós, Antonio de Vergara, veciño da vila de Santa María do Val de Comaiagua, o lugar de Taxica que está en termos desta vila con todos os seus señores, caciques e principais e barrios e estancias dese lugar para que vos sirvades deles e aproveitedes as facendas e granxas, sempre que os eduquedes nas cousas da nosa santa fe católica e os tratedes conforme ás ordenanzas reais que están feitas e que se fagan para o ben e mellora dos devanditos indios”.


Última modificación: martes, 22 de outubro de 2024, 6:29 PM