Benvida
Douche unha cordial e calorosa benvida ao curso de iniciación ao Moodle. O meu nome é Félix Rodríguez e serei o encargado de camiñar contigo nesta andaina formativa que comezas, esperando que o curso que vas recibir sexa do teu agrado e che axude a mellorar o teu coñecemento da plataforma Moodle.
A plataforma Moodle é unha aplicación que permite crear e xestionar aulas virtuais para actividades formativas a distancia, semipresenciais e de apoio á docencia presencial. Esta plataforma conta coas ferramentas necesarias para que o profesorado poida deseñar a súa docencia, permitindo organizar actividades, facilitar recursos e materiais educativos, realizar cuestionarios, comunicarse co alumnado etc. O presente curso aborda cuestións básicas sobre a xestión e configuración dun curso na plataforma Moodle para uso docente.
Debes ter en conta que a formación virtual caracterízase por unha gran flexibilidade no desenvolvemento do curso, permitindo ao alumnado levar o seu propio ritmo de traballo. Por outra banda, trátase dun tipo de aprendizaxe cun alto compoñente de autonomía que require autoesixencia por parte do alumnado e unha boa planificación. Ao longo do curso contarás co apoio titorial que te orientará para obter o máximo rendemento desta modalidade formativa.
Para o correcto seguimento do curso, deberás realizar as actividades obrigatorias que che permitirán pór en práctica o aprendido durante o curso e iniciar a montaxe do teu propio curso virtual na plataforma Moodle.
Ademais tes a túa disposición varios foros: o foro de novas e avisos, onde informarei das actividades e recursos que iremos traballando ao longo do curso e outros asuntos de interese. Un foro de presentación, no que terás que deixar unha mensaxe incial. Un foro de dúbidas sobre o curso, onde podes deixar as dúbidas, comentarios, preguntas ou cuestións sobre o propio curso, onde poderás preguntar sobre o funcionamento, o contido e as tarefas do curso.
Contas tamén cunha mensaxería interna, un servizo similar ao correo electrónico que se emprega estando dentro da plataforma Moodle e que permite a comunicación entre os participantes do curso.
Espero que disfrutes da experiencia. Recibe un cordial saúdo.