Xuntas do Reino de Galicia Institución representativa do Reino de Galicia durante o Antigo Réxime. As súas orixes remóntanse ao movemento irmandiño e ás reformas dos Reis Católicos (xuntas xerais da Irmandade). Ao longo do século XVI foise formalizando o súa composición e funcionamento. Estaban constituídas polos delegados (procuradores) das sete cidades capitais (A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Santiago de Compostela, Tui e Ourense) en representación das súas respectivas provincias. Un deles, o Deputado Xeral de Galicia, exercía a representación exterior das Xuntas. Sen ser un órgano de goberno, as Xuntas serviron de intermediarios entre a Coroa e o Reino. Xeralmente eran convocadas polo monarca e presididas polo capitán xeral.
Participaron no reparto da carga fiscal e das levas militares e podían presentar, en representación do reino, queixas e peticións a El-Rei, que non sempre eran atendidas. Non obstante, en 1622 conseguiron que o Reino obtivese o voto nas Cortes de Castela, representación que ata o daquela recaía na cidade de Zamora.
Desapareceron, como o propio Reino, en 1834 a raíz das reformas administrativas liberais. |