Información xeral sobre o período de formación na empresa nos ciclos formativos do réxime xeral.
Os ciclos formativos de oferta ordinaria polo réxime xeral incorporarán un período de formación na empresa ou no organismo equiparado como parte integrada do currículo dos módulos profesionais, contribuíndo á adquisición de resultados de aprendizaxe.
No segundo curso nos ciclos formativos de grao básico a duración da formación na empresa será de 400 horas, e nos ciclos de grao medio e superior de 500 horas.
Finalidade da formación na empresa
Segundo o artigo 56 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, a fase de formación na empresa ou no organismo equiparado polo réxime xeral e intensivo terá a seguinte finalidade:
a) Participar na adquisición de competencias profesionais propias de cada oferta formativa.
b) Coñecer a realidade da contorna laboral do sector produtivo ou de servizos de referencia, que permita a adopción de decisións sobre futuros itinerarios formativos e profesionais, prestando especial atención ás oportunidades de emprego e emprendemento existentes ou emerxentes nas contornas rurais e nas zonas en declive demográfico.
c) Participar no desenvolvemento dunha identidade profesional emprendedora e motivadora para a aprendizaxe ao longo da vida e a adaptación aos cambios nos sectores produtivos ou de servizos.
d) Adquirir habilidades permanentes vinculadas á profesión que requiren situacións reais de traballo.
e) Facilitar unha experiencia de inserción profesional, a relación cun cadro de persoal e o respecto á normativa de prevención de riscos laborais.
Aprazamento da formación na empresa
O alumnado matriculado nos segundos cursos dun ciclo formativo da oferta ordinaria ou nun curso de especialización que inclúa un período de formación na empresa ou organismo equiparado, e que non poida realizar esta fase de formación no período previsto, poderá solicitar á dirección do centro educativo o seu aprazamento por circunstancias excepcionais: doenza ou accidente grave, maternidade ou paternidade, incompatibilidade cunha xornada laboral que impida a súa realización ou outras similares.
Períodos de realización
- Convocatoria de marzo
- Convocatoria de setembro
Información adicional
Se o alumnado desexa aportar empresa poderá facelo antes do 1 de febreiro para a convocatoria de marzo e antes do 1 de agosto para a convocatoria de setembro consultando co seu titor a idoneidade de empresa e escribindo un e-mail a fct.ies.muralla.romana@edu.xunta.gal .
As empresas dispoñibles para cada convocatoria publicaranse no curso FORMACIÓN NA EMPRESA da aula virtual ás 20:00 horas do día anterior á elección de empresa.
Para a formación na empresa o alumnado deberá de haber feito os trámites de obtención do NUSS coa Seguridade Social e proporcionar dito número cando lle sexa requirido.



