Exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado, ou do módulo de Formación en centros de traballo
Poderán quedar exentos, total ou parcialmente, da formación en empresa ou organismo equiparado ou do módulo de Formación en centros de traballo as persoas que acrediten unha experiencia laboral relacionada coa formación cursada, correspondente a un ano completo, ou o seu equivalente, no caso dos ciclos formativos, ou un período de seis meses, ou o seu equivalente, no caso dos cursos de especialización. No caso de contratos a tempo parcial, os días de cotización deberán ser equivalentes a un ano a tempo completo.
A exención do período de formación na empresa ou do módulo de Formación en centros de traballo poderá ser total ou parcial, atendendo ás tarefas profesionais desempeñadas pola persoa en formación e ao seu grao de coincidencia cos resultados de aprendizaxe asignados ao período en empresa ou organismo equiparado.
A exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado, ou do módulo de Formación en centros de traballo realizarase unicamente co alumnado que realice a súa formación polo réxime xeral.
A xustificación da experiencia laboral realizarase de conformidade co establecido no punto 3 do artigo 177 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.
A solicitude de exención presentarase no centro educativo onde a persoa estea matriculada.
Segundo o punto dous do artigo sexto do Real decreto 500/2024, do 21 de maio, polo que se modifican determinados reais decretos polos que se establecen títulos de formación profesional de grao superior e se fixan as súas ensinanzas mínimas, quedan exceptuados da posible exención do período de formación ou organismo equiparado os ciclos formativos de grao superior (graos D) da familia profesional de Sanidade: Audioloxía Protésica, Próteses Dentais, Ortopróteses e Produtos de Apoio, Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Documentación e Administración Sanitarias, Hixiene Bucodental, Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, Laboratorio Clínico e Biomédico, e Radioterapia e Dosimetría.
Con independencia do establecido na disposición décimo primeira desta resolución, o alumnado que, logo de resolta a exención do período de formación na empresa ou organismo equiparado ou do módulo de Formación en centros de traballo, teña todos os módulos profesionais do ciclo formativo superados poderá anticipar a proposta de título.


