Un ano máis, e xa é o cuarto, un grupo de alumnado e profesorado do IES Miraflores participou o pasado sábado, 9 de maio, no trixésimo Día da Ciencia na Rúa, celebrado nos xardíns de Méndez Núñez. Os departamentos de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química presentaron os seus traballos e o alumnado foi o encargado de explicar aos visitantes en que consistían.
Aqueles e aquelas que visitaron a nosa haima puideron montar poliedros, bordar estilo sashiko, xogar co magnetismo, con fluídos ou coa robótica.


A papiroflexia tivo un importante lugar xa que usamos módulos sonobe (feitos a partir de libros de matemáticas descatalogados) para construír poliedros e mesmo unha parte dun fractal coñecido como esponxa de Menger. A robótica e a intelixencia artificial tamén estiveron presentes coas placas microbits, aplicadas a distintos proxectos: a mascota Morla, a canastra de baloncesto, o xogo de arqueoloxía, o cabrabot, así como a coches controlados por radio con mando a distancia e a casa intelixente controlada por voz.

Agradecemos a todo o alumnado que nos acompañou coa súa dedicación e esforzo ao longo de toda a xornada e agardamos volver para a próxima edición.