1. Trazos da coherencia. A progresión temática

Esta propiedade refírese á relación das ideas no texto, de xeito que este debe ter unidade temática e orde lóxica. Ou sexa: as ideas deben seguir un mesmo tema e facer que a información vaia medrando.

Hai coherencia nun texto se:

  • a información avanza en relación co dito, mantendo o tema,
  • as ideas non entran en contradición,
  • non hai repetición innecesaria da información,
  • non está ausente información clave,
  • a organización do texto responde a un xénero textual (nota, correo electrónico...).
A coherencia é a propiedade que imprime significado global ao texto: un tema como fío condutor, unha escolla pertinente e non contraditoria da información e unha atinada organización desta.

Os principais erros que cómpre evitar:

  • O engadido de información irrelevante.
  • A repetición innecesaria que imposibilita a progresión mediante información nova.
  • A ruptura da estrutura do tipo ou do xénero textual.
O mecanismo que permite que a información avance -ao establecer relación entre o que se coñece e o que non- denomínase progresión temática.

Pártese sempre de información presuposta ou coñecida, situada ao inicio da oración (Tema) para ir incorporando información nova (Rema).

As posibilidades de progresión son: de tema constante ou continuo, de tema lineal ou en cadea e de temas derivados ou con hipertema.

Exemplificación cunha autobiografía:

Actividades

1. Mellora este "texto", no que se resente sobre todo a coherencia.

2. Escolle unha oración dun dos parágrafos de Fernández del Riego e reescríbea para modificar o tipo de progresión.

3. Que tema lle imprime unidade a un texto que inclúa as seguintes ideas e que tipo de progresión da información debe ser a principal?

    • Unha lingua cooficial minorizada non está nas mesmas condicións sociais que a dominante, de aí a necesidade de promoción desde as institucións.
    • A discriminación positiva é a implementación de accións positivas ante a desigualdade para lle dar presenza social ao que antes foi excluído.
    • A promoción e devolución de espazos sociais á lingua propia territorial non implica a anulación de dereitos para as persoas que empregan outra oficial.
    • As políticas lingüísticas, tamén as de inmersión na educación, forman parte do marco constitucional e teñen a cobertura do Tribunal Constitucional.
    • O modelo vasco de ensino mostra que as familias optan de xeito maioritario pola inmersión en éuscaro.
    • En Galicia o decreto de plurilingüismo no ensino asigna unhas materias ao galego como lingua vehicular e outras -de maior prestixio- ao castelán.
    • A “libre elección” da lingua só se pode efectuar se se teñen boas competencias en ambas as linguas oficiais.
    • Ao remate da ESO, un 35% do alumnado galego non desenvolveu competencias suficientes en galego, o que contravén as indicacións lexislativas.
    • A aprendizaxe de varias linguas desde a infancia, cousa que garante a inmersión, achega vantaxes cognitivas, segundo apuntan diferentes estudos.

Máis

- Como interpretas este vídeo? Pensa nos estereotipos, nas concepcións acientíficas, nos discursos sociais negacionistas ou esquizoides... Conecta coa coherencia lingüística?[sol]