2. O parágrafo: unidade fundamental do texto

.

1. Definición

O parágrafo non ficcional constitúe a principal unidade de sentido do texto, ao estruturarse en torno a unha idea (unha soa principal). Se esa proposición está clara e desenvolta, garántese a súa coherencia. Se a relación entre os constituíntes é manifesta, aséntase a cohesión textual. Deste xeito, o parágrafo convértese tamén na unidade de redacción, pois é a base da organización do contido.

2. Tipos

Hai tres grandes tipos: parágrafos introdutorios, de desenvolvemento e conclusivos. En combinación con estas modalidades estruturais, podemos ter, así mesmo, parágrafos de exemplificación, de contraste, de causa-efecto, etc. Velaquí un exemplo de parágrafo de desenvolvemento con comparación-contraste:

A gran pantalla ofrece sen dúbida imaxes mellores que as que proporciona a televisión. No cine, a escuridade e o silencio permiten concentrarse no espectáculo, mentres que na casa ocorre con frecuencia que os ruídos e elementos perturbadores como o teléfono interrompen a visión do filme. Non é posíbel negar, con todo, a gran vantaxe da pantalla caseira: non nos fai falta desprazarnos e podemos estar comodamente sentados/as no noso salón.

3. Constituíntes e organización típica (dentro dos parágrafos)

  • Oración temática ou organizadora, que controla a información no resto do parágrafo. Adoita aparecer ao inicio, mais tamén pode estar ao final. É frecuente iniciala cun marcador textual ou expresión de transición que explicite a conexión do parágrafo co dito anteriormente.
  • Oracións de apoio (explicación, argumento asociado, cita...). Estes complementos na elaboración do asunto poden ligarse con conectores internos.

  • Oración de peche. No parágrafo introdutorio dos textos argumentativos, a tese sitúase polo xeral neste remate.

Así pois, o parágrafo típico -non o único modelo válido- comeza cunha oración temática e ten a seguir oracións complementarias. Só cubrirá un aspecto do tema de principio a fin.

4. Extensión

Aínda que non hai unha extensión recomendada, pódese dicir que non son moi funcionais os parágrafos que sobrepasan as 15 liñas. Tampouco deberan ser moi breves, pois dúas ou tres liñas non permiten desenvolver as ideas. Malia iso, un (puntual) parágrafo breve nun texto si serve para concluír, salientar ou enfatizar.

5. Modalidades no texto

Parágrafo de apertura. É frecuente enfocar inicialmente un feito que incite a adentrarse no escrito e amose o tema ou o ámbito no que se centrará. Nun texto argumentativo, a tese pode expresarse ao final deste inicio.

Parágrafo de enumeración. Permite presentar unha listaxe de feitos ou argumentos estreitamente relacionados. A oración organizadora pode amosar o reconto, como en: Non parece aceptábel unha reacción tal por tres razóns, cando menos. En primeiro lugar, ... Son frecuentes aí os conectores de orde e adición. Se o contido é amplo, os sucesivos elementos ocuparán parágrafos distintos.

Parágrafo de comparación-contraste. Organízase por categorías ou por termos de comparación. Neste caso, cada un pode tratarse nun parágrafo distinto. Son case imprescindíbeis, entón, os conectores de contraste e oposición (Pola contra, En cambio, Agora ben, ...). Por exemplo: Como sabemos, os programas informáticos permítennos... / Fronte a iso, as aplicacións son máis...

Parágrafo de desenvolvemento dun concepto. A idea explícita do parágrafo reafírmase mediante exemplos, datos, etc., con informacións de apoio que aclaran, detallan ou ilustran. Os marcadores preferidos son os de confirmación e ampliación (En efecto, De feito, ...). Exemplo: Un recén nacido xa ten emocións. Non só sabe distinguir os estímulos visuais, sonoros e táctiles, tamén interactúa co ambiente. De feito, o investigador Daniel Stern reconstruíu o que sente e pensa unha crianza desde os cero anos.

Parágrafo de causa-efecto. Preséntanse diversas causas dun feito ou diferentes consecuencias derivadas dunha situación. As relacións deben ser, por suposto, determinantes.

Parágrafo de peche. Con resumo, conclusión ou suxestión final.

6. Cando se comeza un parágrafo?

  • Ao abordar novas ideas ou aspectos. Se unha idea ten que estenderse en varios parágrafos, cada punto dentro desa idea tratarase nun distinto.

  • Ao introducir unha posición diferente ou contrastante. Convén identificala cunha oración clara.

  • Se na redacción xorde un parágrafo demasiado longo, cómpre dividir e crear un descanso para que a escrita sexa ben lexíbel.

  • As introducións e conclusións escríbense en xeral como parágrafos separados.

O inicio de cada un pode ser un complemento que sitúe o dito (No mundo actual, Con frecuencia …) ou un marcador textual que enfíe as partes do texto (Así pois, A pesar diso, Neste sentido,…).

7. Erros comúns que cómpre evitar

Parágrafo-oración. Non debemos ir acumulando períodos sintácticos diversos sen punto seguido e chegar a conformar un parágrafo cunha única e interminábel oración. Os incisos explicativos longos, os matices sobreengadidos ou as secuencias acumuladas quedarán mellor en novas oracións.

Parágrafo de enumeración confuso. Non presentaremos unha listaxe sen oración organizadora nin achegaremos elementos redundantes ou contraditorios.

.

Actividades

1. De que tipo pode ser este parágrafo? Por que razón?

A tipoloxía do intrusismo na medicina é moi variopinta. Hai quen falsifica o título polos seus propios medios; polo xeral, trátase de quen non ten valor para confesar qe non conseguiu doutorarse. Hai tamén quen o compra a falsificadores organizados, como a Universidade Pro Face, da que se falou recentemente na prensa. E non falta quen desprecia olimpicamente o título e exerce a profesión sen se inscribir no Colexio Profesional.

2. Crea un único parágrafo -de comparación-contraste- no que amoses a túa preferencia por unha das seguintes cidades, contrapoñéndoas mediante categorías como 'organización', 'actitude' ou 'arquitectura'.

3. Mellora a seguinte "oración-parágrafo".

Que a primeira universidade privada no noso país vaia ser criada por un banco de capital foráneo a quen se lle vendeu a prezo de saldos a rede de caixas de aforros públicas, previa confiscación e privatización do noso capital colectivo, e que o seu futuro reitor sexa curmán do dono desa entidade bancaria, é xa todo un mal presaxio, aínda máis cando a devandita máxima autoridade do negocio afirma, nunha premonitoria declaración de principios, que as leis públicas son “o auténtico freo á mudanza, á innovación e á investigación".