2. Cuestións de sintaxe para a mellora da contrución de oracións

 

1. As formas perifrásticas constituídas por verbo e mais complemento como locución verbal deberan evitarse. É o caso de: dar comezo (comezar), poñer de manifesto (manifestar), facer público (publicar)... Tampouco son realmente aceptábeis as mensaxes redundantes ou pleonasmos non enfáticos: *utopía inalcanzábel, *proxecto de futuro, *volver a repetir, etc.

2. Cómpre non omitir elementos necesarios para a comprensión, sexan argumentos que esixe o verbo, sexan predicados que conformen ou completen a oración. Doutro xeito, teremos oracións inacabadas (anacolutos).

*O letrado, que presentou o recurso coa súa soa sinatura, sen acreditar representación.

3. Xeralmente, considérase tamén un erro a concordancia ad sensum ou silepse. Por exemplo: *A maior parte aceptaron (A maior parte aceptou) ou *Delas, a metade chegaron esgotadas (Delas, a metade chegou esgotada). Os substantivos xente, maioría, parte, etc. referidos a un colectivo deben ir, por lóxica sintáctica, cun verbo en singular. Mais no caso de levar un MODIFICADOR con variación, si concordamos doutro xeito: A metade das convidadas chegaron esgotadas.

4. Débese evitar a alteración conflitiva (non a estilística) da orde oracional.

a) O verbo non pode distanciarse en exceso do suxeito, convén que apareza o antes posíbel na oración. Por motivos estilísticos, pode atrasarse a súa presenza, pero iso non debe dificultar a comprensión.

O Banco Financeiro e de Aforros, liderado por entidades como Caixa Nova e Bancaixa, e tal como lle pedían o Banco de España e os mercados financeiros de cara á súa posíbel saída á Bolsa o próximo 13 de xullo, nomeou onte un consello de administración.

b) O suxeito non debera aparecer posposto ao verbo, pois isto pode conducir a erros de concordancia.

Os presidentes e presidentas autonómicas explicaron que *periga hoxe en día o principio de solidariedade e a garantía dunhas prestacións sociais basicamente iguais para todos.

5. Cómpre recolocar ou limitar os incisos. A tendencia a inserir secuencias explicativas (aposicións, frases entre guións ou parénteses, proposicións adxectivas...) provoca enunciados moi extensos. As consecuencias desta acumulación de matizacións son:

  • complexidade sintáctica que afecta á claridade e ao dinamismo;
  • separación conflitiva do SUXEITO do NÚCLEO do PREDICADO (alteración comentada no punto 4);
  • distanciamento excesivo do NÚCLEO do PREDICADO de complementos necesarios;
  • distanciamento excesivo do MODIFICADOR do seu NÚCLEO.

Así, é importante manter xuntos os elementos relacionados e por veces engadir as ideas complementarias en novas oracións.

- Exemplo de recolocación:

A pasta, se se prepara con imaxinación, mesmo nos banquetes máis formais, pode ser un prato ben apreciado.

A pasta pode ser un prato ben apreciado, mesmo nos banquetes máis formais, se se prepara con imaxinación.

- Exemplo de recolocación e apertura de novas oracións:

A saída de seis ministros de Dilma Rousseff en apenas dez meses de goberno –cinco deles por corrupción; o último dos cales, o de Deportes, Orlando Silva, a noite do mércores– revela unha grave crise na política do país.

A saída de seis ministros de Dilma Rousseff en apenas dez meses de goberno revela unha grave crise na política do país. A corrupción foi o motivo de cinco dos ceses; o último deles, na noite do mércores, foi o do responsábel de Deportes, Orlando Silva.

6. O CD vai sen preposición a, agás cando se trata dun nome propio, un pronome tónico ou un indefinido. Vimos o lobo / Vimos a Carme.

*Observou aos visitantes > Observou os visitantes [Observounos]

*Foi levar no coche ás fillas > Foi levar no coche as fillas [Foinas levar - Foi levalas]

7. En relación ao uso dos relativos, cómpre lembrar:

  • Onde só se pode empregar con antecedente de lugar e non admite preposición en (*en onde).
  • Quen é invariábel, non ten plural (*quenes).
  • Cando o relativo pertence a unha frase preposicional dependente dun verbo, cómpre non esquecer a preposición: *As rapazas que che falei onte > As rapazas das que che falei onte ou As rapazas de que che falei onte.

 

Actividades

1. Recoñece a estrutura e reduce as unidades constituídas por oración nos seguintes casos. Emprega elementos simples que desempeñen a mesma función. Por exemplo:

Xusto despois de que todo pasara, un novo sismo azoutou os distritos onde residían os sectores máis desfavorecidos de toda a poboación. -> A seguir, un novo sismo azoutou os distritos populares.

O cansazo que os xogadores acumulaban despois de disputar varios partidos nunha mesma semana fixo imposíbel que o Rápido obtivese os tres puntos en disputa.

Facendo gala dunha valentía excepcional, a montañeira que se atrasara conseguiu acadar o refuxio onde se atopaban as súas compañeiras e compañeiros.

2. Modifica as oracións do xeito indicado. Fíxate no exemplo.

Reduce o CD de xeito que non conteña MODIFICADOR (sen cambiar o contido). As autonomías acometerán os recortes do seu orzamento tras as indicacións do Ministerio de Facenda. > As autonomías recortarán o seu orzamento tras as indicacións...

Onte realizaron no Hotel Riazor a presentación do novo libro de Matilde Amigo. Reduce o CD de xeito que conteña un único MODIFICADOR (sen cambiar o contido).

Houbo unanimidade total na valoración positiva da acción do goberno. Elimina un MODIFICADOR innecesario.

A Bolsa pechou cunha caída negativa dos principais valores do Ibex. Elimina un MODIFICADOR innecesario.

 

3. [ORAL] Os seguintes titulares son confusos. Reordénaos para que a mensaxe resulte máis clara:

a) Detiveron un home en Cangas por malos tratos hoxe.
b) O goberno francés concede unha paga por ter descendencia mensual.
c) Un individuo feriu a un dos policías que o detiveron cunha navalla.
d) Un encontro sobre biodiversidade reúne para buscar solucións á degradación ambiental en Portugal a 180 países.

4. [ORAL] Decide como manter xuntos os elementos relacionados.

A vida do terceiro conde de Godó, actual editor de La Vanguardia, a quen se acusa de argalladas con facturas falsas e implicación en espionaxe telefónica, do que se declara inocente, ten, nesta altura da vida, un certo paralelismo coa do seu avó Ramón

5. Redacta a solución intermedia ao estilo denso (unha oración-parágrafo) e ao telegráfico (seis oracións) que se amosan. Usa tres ou catro puntos e engade conectores de orde e/ou de adición acaídos.

As persoas expertas en gandería opóñense á importación indiscriminada de animais por varios motivos, que van desde a falta de garantías sanitarias dos países vendedores, que non poden achegar documento ningún de valor internacional sobre a cuestión, ao descenso da demanda destas carnes no noso contexto, e tamén á falta dunha explicación satisfactoria sobre como se realiza o transporte, o almacenamento e a conservación da mercadoría.

As persoas expertas en gandería opóñense á importación indiscriminada de animais. Hai varios motivos en contra. Os países vendedores non outorgan garantías sanitarias. Non conseguiron achegar documento ningún de valor internacional sobre a cuestión. E a demanda destas carnes descendeu no noso contexto. Nin se explica de forma satisfactoria como se realiza o transporte, o almacenamento e a conservación da mercadoría.

6. Transforma as estruturas para evitar deficiencias.

Co desexo de contribuír á formación das novas xeracións de xornalistas e co orgullo dos escritores e escritoras que pretenden ser útiles a unha sociedade cada vez máis competitiva, decidiuse, a pesar dos inconvenientes de todo tipo que tivo que afrontar a organización na situación actual, realizar estas xornadas que hoxe presentamos.

De entre todas as posibilidades de alianzas políticas, algunhas delas de impecábel selo democrático, outras non tanto, aínda que igualmente lexítimas segundo o marco constitucional, decidiu, exercendo a súa liberdade, mais fronte unha visíbel oposición interna, escoller a peor.

Xulio Martín, director da oficina diplomática tras a destitución do seu antecesor no cargo, Pedro González, por suposta corrupción na tramitación de axudas públicas, segundo as dilixencias que efectuou a Fiscalía durante os últimos meses do ano anterior, visitou aos afectados.

Dous delincuentes habituais, un deles, G.A.C., de 25 anos, con vinte e un antecedentes por delitos contra a propiedade e a saúde pública, e mais A.M.P., de 28 anos, tamén veciño de Santalla, foron detidos na madrugada do sábado pola Policía Local como presuntos autores dun roubo cometido no bar As Palmeiras.

7. Completa estas oracións inconclusas ou sen concordancia e indica que tipo de complemento ou función inseriches.

É necesario lembrar que, se ben os procesos de comprensión e produción textual involucran habilidades diferentes, como realizar inferencias ou definir unha estrutura.

A televisión, á parte de distraernos, a súa función tería que ser tamén educativa.

[sol]