As propiedades textuais: a cohesión

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: As propiedades textuais: a cohesión
Impreso por: Usuario convidado
Data: sábado, 27 de decembro de 2025, 10:55 AM

1. Mecanismos e procedementos

sol

A cohesión agrupa os mecanismos (léxicos e gramaticais) que relacionan as partes dun texto. Atinxe á referencia entre termos e á conexión das ideas.
Dentro da cohesión léxica actívanse a substitución, a recorrencia ou a elipse. A cohesión gramatical inclúe sobre todo os conectores e a puntuación.

Exemplo nun texto narrativo. Exemplo en textos argumentativos. [Teñamos en conta e valoremos que o artigo de opinión presenta trazos de cohesión plurais, froito das limitacións do espazo, do estilo da persoa autora ou do enfoque do tema (reflexión, advertencia, denuncia...)]

Algunhas deficiencias textuais típicas referidas a esta propiedade parten da pobreza léxica e do desleixo gramatical.

a) Pobreza léxica

- Léxico repetitivo. Recursos para evitalo  sinónimos, antónimos, hiperónimos, hipónimos, perífrases... Ex.: No seu novo traballo as obrigas obrigábano a traballar lonxe da familia moitos días > As súas novas responsabilidades laborais abrigábano...

- Palabras comodín. Solución  procurar termos máis exactos. Ex.: Díxonos unhas cousas incribles e eu xa nin sabía que facer.  > Contounos unhas historias incribles e eu xa nin sabía como actuar.

b) Desleixo gramatical

-Tamaño oracional excesivo (e anacoluto). Recomendación  as oracións non deberían superar as 30 palabras e, para iso, débense usar adecuadamente os signos de puntuación e mais os nexos.

- Orde inadecuada. Opcións  non separar os constituíntes do sintagma; evitar posicións dos complementos circunstanciais que provoquen confusión.

- Repetición de nexos (nomeadamente e e pero) e escaseza de marcadores. Alternativa  inserir puntuación axeitada, variar os nexos, inserir os conectores precisos.

Ex.: E nunca poñía o espertador e quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola > Nunca poñía o espertador, quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola / Nunca poñía o espertador, polo que quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola.

Tipo

Frecuente

Nexos alternativos

Adversativo

pero

mais, así a todo, senón, non obstante, porén, no entanto, con todo

Concesivo

aínda que

a pesar de que, malia que, ben que, mesmo que

Condicional

se

como, con tal que, en caso de que, sempre que

Causal

porque

xa que, posto que, dado que, a causa de que, por mor de

Consecutivo

polo tanto

daquela, así que, xa que logo, de modo que, de xeito que, de maneira que, por conseguinte

(Ollo: non son normativos os nexos *sen embargo e *anque)

Complementos

 

Actividades

1. Localiza neste pequeno texto os mecanismos sinalados e clasifícaos.

Anáfora (e deíxe adverbial)   Anáfora (pronome persoal)  Elipse
Expresión equivalente  Hiperonimia  Sinonimia

Casara o nobre Gundar un día de abril. A vida rebentaba daquela polos catro rumbos dos rosados ventos e a noiva confundíase coa primavera. O mozo ollábaa e sorría. A beleza da muller mancábao como unha seta de luz purísima. Comezar de novo desde a inocencia de Branca, acougar no castelo, ter fillos. Saír de cando en vez á fraga para medirse co xabaril e o corzo...

Nunca houbo noite nupcial. Esmorecía a namorada no desamor mentres o cabaleiro vagaba decote polo bosque co desexo morto

2. Reflexiona sobre o valor dos conectores a partir deste contraste. Que achegan?

3. Lede as seguintes oracións e organizádeas en parágrafos coherentes nun texto cohesionado. Axuda: son tres parágrafos que enfocan períodos e algún trazo especial das crianzas.

No quinto mes poderase comezar cos cereais e coa froita.

Só a partir dos dous anos o meniño alérxico terá unha dieta semellante á dos meniños da súa mesma idade.

Nos nenos alérxicos, a partir dos cinco meses comezarase cos distintos alimentos, pero de forma máis lenta ca a forma habitual.

O leite neste tempo mantense con fórmula de inicio, no caso de que non tome leite materno.

Ata o ano prodúcese a maduración de órganos e sistemas, cunha redución da secreción gástrica e pancreática, e a mobilidade intestinal e a resposta inmunolóxica.

Atrasaranse moito os alimentos máis susceptibles de producir alerxias, tales como o ovo, peixe e algunhas verduras.

Aos cinco meses, o bebé ten capacidade de transportar e tragar alimentos semisólidos postos na parte anterior da boca. ]

4. Inseride no seguinte texto cinco marcadores ou conectores que permitan comprendelo mellor. Servirán para -en orde- exemplificar, reforzar, concretar, contrastar ou contraargumentar e expresar unha consecuencia.

Un exemplo da falsa idea que se ten da homoxeneidade das linguas xorde cando aprendemos calquera idioma do mundo. É habitual que se pense que o ‘inglés’ é exclusivamente o que nos ensinan no colexio ou nunha academia; nesta situación estannos aprendendo un dos moitos ingleses que hai; trátase da variante formal de Oxford. Fixádevos que cando se fai mención a algunha característica do inglés americano, márcase como tal; é o inglés dos rapeiros de Nova York ou o dos surfeiros da Costa Oeste? O emisor debe escoller, dentro da variante diacrónica, entre o rexistro formal e o informal, entre a variante dialectal propia e a estándar, entre as diferentes xergas ou tecnolectos que domine, etc.

 

5. Mellorade a redacción do seguinte fragmento. Fixádevos en que todo el é unha única oración e conviña que fosen tres ou catro. Tal modificación esixirá usar mecanismos de substitución, algún marcador e unha puntuación axeitada.

 

Manuel Colmeiro situado pola súa obra de pintor entre os artistas máis significativos de España e de quen coñeciamos xa algúns sorprendentes exemplos de gravados que acreditan a graza con que sabe axustar o seu oficio ás demandas do espírito presenta agora unha serie destes gravados a punta seca onde culmina non só unha firme e louzanísima arte de gravador e a sensibilidade e imaxinación peculiares que desprega no xénero senón tamén algúns dos valores (os compatibles co gravado) que tanto nos encantan na fonda madurez da súa pintura.


Máis:

Texto e marcas

2. Cuestións de sintaxe para a mellora da contrución de oracións

 

1. As formas perifrásticas constituídas por verbo e mais complemento como locución verbal deberan evitarse. É o caso de: dar comezo (comezar), poñer de manifesto (manifestar), facer público (publicar)... Tampouco son realmente aceptábeis as mensaxes redundantes ou pleonasmos non enfáticos: *utopía inalcanzábel, *proxecto de futuro, *volver a repetir, etc.

2. Cómpre non omitir elementos necesarios para a comprensión, sexan argumentos que esixe o verbo, sexan predicados que conformen ou completen a oración. Doutro xeito, teremos oracións inacabadas (anacolutos).

*O letrado, que presentou o recurso coa súa soa sinatura, sen acreditar representación.

3. Xeralmente, considérase tamén un erro a concordancia ad sensum ou silepse. Por exemplo: *A maior parte aceptaron (A maior parte aceptou) ou *Delas, a metade chegaron esgotadas (Delas, a metade chegou esgotada). Os substantivos xente, maioría, parte, etc. referidos a un colectivo deben ir, por lóxica sintáctica, cun verbo en singular. Mais no caso de levar un MODIFICADOR con variación, si concordamos doutro xeito: A metade das convidadas chegaron esgotadas.

4. Débese evitar a alteración conflitiva (non a estilística) da orde oracional.

a) O verbo non pode distanciarse en exceso do suxeito, convén que apareza o antes posíbel na oración. Por motivos estilísticos, pode atrasarse a súa presenza, pero iso non debe dificultar a comprensión.

O Banco Financeiro e de Aforros, liderado por entidades como Caixa Nova e Bancaixa, e tal como lle pedían o Banco de España e os mercados financeiros de cara á súa posíbel saída á Bolsa o próximo 13 de xullo, nomeou onte un consello de administración.

b) O suxeito non debera aparecer posposto ao verbo, pois isto pode conducir a erros de concordancia.

Os presidentes e presidentas autonómicas explicaron que *periga hoxe en día o principio de solidariedade e a garantía dunhas prestacións sociais basicamente iguais para todos.

5. Cómpre recolocar ou limitar os incisos. A tendencia a inserir secuencias explicativas (aposicións, frases entre guións ou parénteses, proposicións adxectivas...) provoca enunciados moi extensos. As consecuencias desta acumulación de matizacións son:

  • complexidade sintáctica que afecta á claridade e ao dinamismo;
  • separación conflitiva do SUXEITO do NÚCLEO do PREDICADO (alteración comentada no punto 4);
  • distanciamento excesivo do NÚCLEO do PREDICADO de complementos necesarios;
  • distanciamento excesivo do MODIFICADOR do seu NÚCLEO.

Así, é importante manter xuntos os elementos relacionados e por veces engadir as ideas complementarias en novas oracións.

- Exemplo de recolocación:

A pasta, se se prepara con imaxinación, mesmo nos banquetes máis formais, pode ser un prato ben apreciado.

A pasta pode ser un prato ben apreciado, mesmo nos banquetes máis formais, se se prepara con imaxinación.

- Exemplo de recolocación e apertura de novas oracións:

A saída de seis ministros de Dilma Rousseff en apenas dez meses de goberno –cinco deles por corrupción; o último dos cales, o de Deportes, Orlando Silva, a noite do mércores– revela unha grave crise na política do país.

A saída de seis ministros de Dilma Rousseff en apenas dez meses de goberno revela unha grave crise na política do país. A corrupción foi o motivo de cinco dos ceses; o último deles, na noite do mércores, foi o do responsábel de Deportes, Orlando Silva.

6. O CD vai sen preposición a, agás cando se trata dun nome propio, un pronome tónico ou un indefinido. Vimos o lobo / Vimos a Carme.

*Observou aos visitantes > Observou os visitantes [Observounos]

*Foi levar no coche ás fillas > Foi levar no coche as fillas [Foinas levar - Foi levalas]

7. En relación ao uso dos relativos, cómpre lembrar:

  • Onde só se pode empregar con antecedente de lugar e non admite preposición en (*en onde).
  • Quen é invariábel, non ten plural (*quenes).
  • Cando o relativo pertence a unha frase preposicional dependente dun verbo, cómpre non esquecer a preposición: *As rapazas que che falei onte > As rapazas das que che falei onte ou As rapazas de que che falei onte.

 

Actividades

1. Recoñece a estrutura e reduce as unidades constituídas por oración nos seguintes casos. Emprega elementos simples que desempeñen a mesma función. Por exemplo:

Xusto despois de que todo pasara, un novo sismo azoutou os distritos onde residían os sectores máis desfavorecidos de toda a poboación. -> A seguir, un novo sismo azoutou os distritos populares.

O cansazo que os xogadores acumulaban despois de disputar varios partidos nunha mesma semana fixo imposíbel que o Rápido obtivese os tres puntos en disputa.

Facendo gala dunha valentía excepcional, a montañeira que se atrasara conseguiu acadar o refuxio onde se atopaban as súas compañeiras e compañeiros.

2. Modifica as oracións do xeito indicado. Fíxate no exemplo.

Reduce o CD de xeito que non conteña MODIFICADOR (sen cambiar o contido). As autonomías acometerán os recortes do seu orzamento tras as indicacións do Ministerio de Facenda. > As autonomías recortarán o seu orzamento tras as indicacións...

Onte realizaron no Hotel Riazor a presentación do novo libro de Matilde Amigo. Reduce o CD de xeito que conteña un único MODIFICADOR (sen cambiar o contido).

Houbo unanimidade total na valoración positiva da acción do goberno. Elimina un MODIFICADOR innecesario.

A Bolsa pechou cunha caída negativa dos principais valores do Ibex. Elimina un MODIFICADOR innecesario.

 

3. [ORAL] Os seguintes titulares son confusos. Reordénaos para que a mensaxe resulte máis clara:

a) Detiveron un home en Cangas por malos tratos hoxe.
b) O goberno francés concede unha paga por ter descendencia mensual.
c) Un individuo feriu a un dos policías que o detiveron cunha navalla.
d) Un encontro sobre biodiversidade reúne para buscar solucións á degradación ambiental en Portugal a 180 países.

4. [ORAL] Decide como manter xuntos os elementos relacionados.

A vida do terceiro conde de Godó, actual editor de La Vanguardia, a quen se acusa de argalladas con facturas falsas e implicación en espionaxe telefónica, do que se declara inocente, ten, nesta altura da vida, un certo paralelismo coa do seu avó Ramón

5. Redacta a solución intermedia ao estilo denso (unha oración-parágrafo) e ao telegráfico (seis oracións) que se amosan. Usa tres ou catro puntos e engade conectores de orde e/ou de adición acaídos.

As persoas expertas en gandería opóñense á importación indiscriminada de animais por varios motivos, que van desde a falta de garantías sanitarias dos países vendedores, que non poden achegar documento ningún de valor internacional sobre a cuestión, ao descenso da demanda destas carnes no noso contexto, e tamén á falta dunha explicación satisfactoria sobre como se realiza o transporte, o almacenamento e a conservación da mercadoría.

As persoas expertas en gandería opóñense á importación indiscriminada de animais. Hai varios motivos en contra. Os países vendedores non outorgan garantías sanitarias. Non conseguiron achegar documento ningún de valor internacional sobre a cuestión. E a demanda destas carnes descendeu no noso contexto. Nin se explica de forma satisfactoria como se realiza o transporte, o almacenamento e a conservación da mercadoría.

6. Transforma as estruturas para evitar deficiencias.

Co desexo de contribuír á formación das novas xeracións de xornalistas e co orgullo dos escritores e escritoras que pretenden ser útiles a unha sociedade cada vez máis competitiva, decidiuse, a pesar dos inconvenientes de todo tipo que tivo que afrontar a organización na situación actual, realizar estas xornadas que hoxe presentamos.

De entre todas as posibilidades de alianzas políticas, algunhas delas de impecábel selo democrático, outras non tanto, aínda que igualmente lexítimas segundo o marco constitucional, decidiu, exercendo a súa liberdade, mais fronte unha visíbel oposición interna, escoller a peor.

Xulio Martín, director da oficina diplomática tras a destitución do seu antecesor no cargo, Pedro González, por suposta corrupción na tramitación de axudas públicas, segundo as dilixencias que efectuou a Fiscalía durante os últimos meses do ano anterior, visitou aos afectados.

Dous delincuentes habituais, un deles, G.A.C., de 25 anos, con vinte e un antecedentes por delitos contra a propiedade e a saúde pública, e mais A.M.P., de 28 anos, tamén veciño de Santalla, foron detidos na madrugada do sábado pola Policía Local como presuntos autores dun roubo cometido no bar As Palmeiras.

7. Completa estas oracións inconclusas ou sen concordancia e indica que tipo de complemento ou función inseriches.

É necesario lembrar que, se ben os procesos de comprensión e produción textual involucran habilidades diferentes, como realizar inferencias ou definir unha estrutura.

A televisión, á parte de distraernos, a súa función tería que ser tamén educativa.

[sol]

3. Cláusulas e funcións

 

1. As palabras e conxuntos de palabras (sintagmas ou frases) desempeñan unha función dentro das cláusulas. A presenza e a organización desas unidades veñen determinadas polo verbo, que constitúe o núcleo do predicado.

O tipo de predicado permite distinguir cláusulas atributivas e predicativas. Dentro destas últimas, diferéncianse transitivas, intransitivas e pasivas.

    • As cláusulas atributivas son as que teñen como núcleo un verbo copulativo (ser, estar, parecer ou semellar) e esixen ATRIBUTO. Vós estades despistadas.
    • As cláusulas predicativas transitivas fórmanse con verbos que precisan dun CD ou dun Suplemento para completar o significado. Collemos o caderno.
    • As cláusulas predicativas intransitivas levan verbos que non esixen complementos para ter significado completo. Xa dorme.
    • As cláusulas predicativas pasivas levan o verbo en forma pasiva (ser + participio). O grupo foi informado pola delegada.
2. As funcións que podemos atopar nunha cláusula, ademais de Núcleo do predicado, son Suxeito, Complemento Directo, Complemento Indirecto, Atributo, Predicativo, Suplemento (ou Complemento de Réxime ou Complemento Preposicional), Complemento Circunstancial e Complemento Axente.
  1. SUXEITO: concorda en número co verbo. Agora chegaron as rapazas do outro equipo - Agora chegou o outro equipo.
  2. CD: substituíbel por o/a/os... na 3ª p. (e en calquera persoa por un pronome átono de CD). Collo o caderno > Cólloo.
  3. CI: substituíbel por lle/lles na 3ª p. (en xeral, adoita aparecer un pronome átono de CI); é sempre frase preposicional con preposición a ou pronome. Lévolle a mochila a miña irmá.
  4. ATRIBUTO: substituíbel por o/a/os... na 3ª p. cun verbo copulativo; cando é un adxectivo, concorda co suxeito. Os meus curmáns son moi simpáticos > Sono.
  5. PREDICATIVO: en xeral un adxectivo en cláusulas predicativas que concorda co Suxeito ou co CD podendo estar afastado deles. A xente saíu contenta.
  6. SUPLEMENTO, COMPLEMENTO PREPOSICIONAL ou C. DE RÉXIME: unha frase preposicional esixida polo verbo (acordarse de algo, confiar en alguén...); substituíbel por preposición+iso. Lémbrome do asunto > Lémbrome diso.
  7. COMPLEMENTO CIRCUNSTANCIAL: expresa unha circunstancia -non indispensábel na predicación- e pode ser substituído case sempre por un adverbio. Comeu de medo nese restaurante> Comeu ben (CCM) alí (CCL).
3. A oración composta.

 


Complementos

 


Actividades

1. Identifica as funcións destas cláusulas reducidas ao mínimo.

- Espero a Brais. - Espero por Brais.

- Acabaron cansas. - Parecedes cansas.

- Conto con todos. - Conto historias.

- Preguntoume a min. - Preguntou por ti. - Preguntou sen medo.

- Limpou o prato. - Limpou con ansia.

- Saltou o valo. - Saltou o campión. - Saltou lesionado.

2. Amplía as unidades das cláusulas anteriores con contar e saltar inserindo proposicións ou oracións subordinadas que cumpran a mesma función ou a de MODIFICADOR dentro da frase ou sintagma. Exemplos con esperar:

Espero a Brais > Espero que chegue a tempo á nosa cita  > Espero o veciño que me chamou hai un momento.

Espero por Brais > Espero por quen me ten que levar  > Espero por un amigo que quedou aquí comigo

Conto con todos. - Conto historias. - Saltou o valo. - Saltou o campión. - Saltou lesionado.

3. Que función desempeña a oración subordinada en cada caso?

  • Faloume de facer unha festa no vello parque da cidade costeira.
  • Gústame que me traias ilusionado agasallos.
  • Os pescadores que participaron no rescate do barco afundido foron condecorados.
  • A persoa responsábel escolleu quen tiña máis experiencia nese ámbito.
  • Despediuse de quen lle ofrecera todo o que tiña.
  • A algunhas persoas moléstalles que os demais teñan éxito.
  • Nós realmente pensabamos que eras outra persoa.
  • Eu nunca dixen que fose cambiar radicalmente a situación.
  • Paco é quen o sabe ben.
  • Faino como che mandan.

[sol]


Máis:

4. Vía de análise

Aspectos nos que reparar:

  • Cohesión básica 1: recorrencia semántica (variación), anáforas, elipses.
  • Cohesión básica 2: extensión oracional, uso de conectores.
  • Problemas específicos: pleonasmo, anacoluto, concordancia...
  • Corrección: interferencias léxicas, morfosintácticas, fonéticas...

Oral 1. Alma da vella chousa: Todo sobre os Alquequenjes (Physalis) (5'-20')

Oral 2. Xuntos en directo (ata 6'30'')

Escrito 1. AMDGO: A Deputación homenaxea...

Escrito 2. Xoán Costa: Altri, todo flúe

[sol]