2. A lingua nos Séculos Escuros e a Ilustración

Séculos XVI e XVII

1. O noutrora poderoso Reino de Galiza sofre un proceso de marxinación política e de empobrecemento económico, o que determinou o desprestixio social da lingua propia e habitual da absoluta maioría da poboación.

A decadencia sociopolítica e a conseguinte "escuridade" no prestixio e uso formal e escrito da lingua derivan da substitución nobiliar imposta polos Reis Católicos a finais do s. XV. A clase dirixente, tanto civil como eclesiástica, será agora en boa parte de orixe castelá e arrombará o galego dos usos cultos.

Contribuíron á "doma e castración do Reino de Galiza": a presenza da "Santa Hermandad" (garda armada), a dependencia castelá dos mosteiros, a retirada do dereito a voto de Galicia nas Cortes (representada por Zamora)... [En 1520 as cidades galegas transmítenlle a Carlos V: "no es cosa justa que una çibdad de otro reino hable ni dé voto por un reino tan antiguo y noble como este de Galizia"]

A xente labrega e mariñeira supoñía tres cuartas partes da poboación e malvivía na pobreza por mor dos foros esixidos polos señores da terra e mais pola presenza do Estado só para o cobro de tributos e as levas. Deste xeito, a procura de saída mediante a emigración iníciase xa no s. XVI e os galegos e galegas desempeñarán os peores traballos en Castela, Andalucía ou Portugal.

Debido a esta situación de marxinación e emigración, conformouse nestes séculos unha imaxe do galego como pobo atrasado e inculto e de Galicia como terra inhóspita, como mostran refráns e fragmentos de obras de moitos autores españois do Renacemento e do Barroco.

2. Sociolingüisticamente, os Séculos Escuros caracterízanse pola brusca e profunda ruptura da normalidade, coa redución da funcionalidade e do prestixio da lingua galega, malia non afectar significativamente á transmisión: será de xeito permanente a lingua de aproximadamente o 95% da poboación.

A instalación do castelán como lingua A determinou que o galego, como lingua B minusvalorada:
  • deixase de ter usos escritos, salvo dignas excepcións (Condesa de Altamira, Conde de Gondomar...);
  • perdese progresivamente presenza nas capas máis altas da sociedade, pois o poder exprésase en castelán;
  • carecese dun modelo culto e norma de referencia, ao non se considerar idioma digno de estudo e fixación;
  • sufrise a ruralización e o inicio da castelanización do seu léxico, así como da onomástica (antropónimos e topónimos);
  • ficase desprestixiado e unido a un emerxente sentimento de autodesprezo (minusvaloración do propio) en amplas capas da poboación.

Século XVIII

1. O movemento ilustrado, moi relevante en Galicia, procuraralle remedio desde a ciencia ao atraso e marxinación do país. Entre as reformas propostas, alén das que atinxían á produción agrícola ou á lexislación, está o cambio dos métodos pedagóxicos, incluíndo a introdución da lingua propia na educación.

Xorden sucesivas xeracións de intelectuais humanistas, entre os que se contan o Padre Sarmiento, o Padre Feixóo, o Padre Sobreira e Xosé Cornide, que se organizan mediante institucións propias, como a "Sociedad Económica de Amigos del País".

O acceso ao trono dos Borbóns incrementa a política uniformizadora do Estado no marco do despotismo ilustrado.

A mediados do século agrávase a recesión económica, as fames e pestes son periódicas e, daquela, increméntase a emigración.

2. O galego retrocede socialmente no século XVIII, mais tamén esperta a conciencia lingüística da man da Ilustración: deféndese a súa valía, reclámase o seu emprego na escola e na igrexa...

A castelanización avanza e comeza a ter presenza (só comeza) en novas capas sociais: a fidalguía e a burguesía urbana e vilega. Diferentes factores coadxuvan para facer efectivo este retroceso:
  • Un Estado homoxeneizador cultural e lingüisticamente. A lexislación, o aparello administrativo e o resto das institucións, como a escolar, non admiten outra lingua distinta do castelán (a imposición pódese advertir na Real Cédula de Aranjuez: “Mando que la enseñanza de primeras letras, latinidad y retórica se haga en lengua castellana generalmente, dondequiera que no se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas").
  • Espállanse prexuízos lingüísticos que asocian o castelán con valores positivos de poder e progreso e o galego coa pobreza, a incultura ou o atraso.
A defensa e o estudo da lingua foi especialmente relevante no caso dos frades Benito Feixóo, Martín Sarmiento e Xoán Sobreira.
  1. Feixóo destacou polo seu progresismo (defensa da igualdade de xénero, denuncia da rapina imperialista...) e demostrou na súa obra Teatro Crítico Universal a orixe latina do galego, así como a existencia dun sistema lingüístico común co portugués.
  2. Sarmiento realizou diversos traballos filolóxicos e soubo percibir e comprender o proceso histórico de superposición do castelán en Galicia. En consecuencia, denunciou a imposición lingüística e propuxo medidas para a introdución do galego en ámbitos como o ensino ou o culto relixioso.
  3. Sobreira traballou na composición dun dicionario da lingua (o inacabado Glossario General de la Lengua Gallega) e advertiu da existencia do "castrapo".

 

Complementos

Material do IES Rego de Trabe

 

Actividades

A) Orais

1. Que realidade se recolle nesta historia e que valor tivo para a sociedade galega?

2. Intentade explicar o contexto sociolingüístico no que vivía Diego Sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar, así como o seu comportamento lingüístico, sintetizado a seguir. Os usos escritos que realiza, que nos indican e como é posíbel que se efectuasen nos inicios do s. XVII?

Só algúns nobres galegos, como Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar e embaixador de Filipe III en Inglaterra, seguirán mantendo un uso escrito do galego nas súa correspondencia epistolar privada. O conde de Gondomar escribiu “Desexo ser e parecer bo e verdadeiro galego", mentres outros se avergoñaban da súa orixe galega.

3. Lede esta presentación e engadide un comentario que conecte esa imaxe estereotipada do pobo galego coa actualidade. Ou sexa: especificade e valorade a permanencia (ou non) desa imaxe. [Tese sobre o estereotipo antigalego, casos recentes no ámbito xudicial e artigo de opinión]

B) Escritas e grupais

1. Copiade e completade no caderno a seguinte secuencia causal. [sol]

2. Comentade a funcionalidade lingüística do galego nesta altura -representada no seguinte gráfico. Considerade, para iso, os feitos expostos no tema. [Pódese empregar este apoio centrado no XVIII]

3. Sintetizade a evolución da lingua galega nos séculos XVI-XVIII co emprego da maioría destes termos: capas sociais altas, porcentaxes, diglosia, usos escritos, funcionalidade, modelo culto, castelanización, fidalguía e burguesía, prexuízos, conciencia lingüística, reclamación.