A historia da lingua. Estereotipos e prexuízos lingüísticos
| Sitio: | Aula Virtual do IES do Milladoiro |
| Curso: | Lingua Galega 1º BAC 23/24 |
| Libro: | A historia da lingua. Estereotipos e prexuízos lingüísticos |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | sábado, 27 de decembro de 2025, 3:38 PM |
1. O galego medieval
Vista panorámica inicial
Claves
1. O contexto social e histórico
-
Desde o nacemento da lingua, no século IX, ata o final da Idade Media transcorren 700 anos. Deste longo período destacamos tres feitos con grande incidencia na evolución da lingua.
-
En todo caso, hai unha constante que explica o feito de que se manteña practicamente ata o final a normalidade cultural. Esa constante é a fortaleza da clase dirixente galega, no contexto dunha sociedade feudal moi ríxida.
1.1 O esplendor da Era Compostelá
-
A época de maior desenvolvemento e proxección da historia de Galiza, grazas especialmente ao labor do arcebispo Xelmírez. Abrangue todo o século XII e mesmo se adoita estender ao XIII.
-
Contribúen a crear e soster este período de esplendor:
-
A relativa estabilidade do Reino de Galiza, afastado da "reconquista".
-
O crecemento da poboación e das urbes, co desenvolvemento do comercio.
-
A mellora da agricultura e a existencia de excedente agrario.
-
O papel de Compostela como un dos tres grandes centros de peregrinación da Cristiandade; e do Camiño como recurso e espazo de intercambio cultural.
-
O poder da nobreza galega no contexto peninsular.
-
-
Pode representarse o valor desta época en dúas expresións culturais: a arte románica galega (moi abundante e ben relevante) e mais a lírica trobadoresca inmediatamente posterior. Un dos cumes é a produción do Mestre Mateo.
1.2. O inicio da decadencia política e social
-
Desde mediados do s. XIII o Reino de Galiza vai pasar a depender progresivamente do Reino de Castela. Mais o proceso de perda de poder da nosa nobreza non se consuma ata fins do XV, cos Reis Católicos.
-
Os feitos clave da decadencia política e socioeconómica foron:
-
A unificación de Galiza, León e Castela co reinado de Fernando III (1230). Toledo acadará posición de predominio desde fins do s. XIII.
-
O apoio da nobreza galega a Pedro I fronte o vencedor na guerra de sucesión, Henrique de Trastámara, no s. XIV. Por primeira vez asentarase en Galiza aristocracia castelá.
-
O apoio de boa parte da nobreza galega a Xoana a Beltranexa fronte a Isabel I, vencedora esta na guerra de sucesión de finais dos 70 do s. XV. A nobreza galega (derrotada definitivamente en 1484) foi decapitada, enviada á guerra ou sometida. Paralelamente, entrará en Galiza unha ampla clase dirixente castelá.
-
O estancamento económico e a crise social, con fame e peste, no fin da Idade Media.
-
1.3. As Revoltas Irmandiñas
-
A alianza entre a burguesía, o campesiñado e a fidalguía ante o clima de violencia e as inxustizas que atribuían á nobreza, propiciou unha revolta popular nos anos 60 do XV.
-
Estas pioneiras revoltas conseguen dobregar a nobreza, que foxe a Portugal e Castela, e constituír a Irmandade Xeral do Reino de Galiza en 1467. Derrúbanse máis de 130 castelos e fortalezas e restablécese a xustiza. Mais unha contraofensiva nobiliaria derrota os exércitos populares en 1469 e remata cunha organización social inédita.
-
Tras o fracaso das revoltas irmandiñas, a incipiente burguesía galega fica debilitada pola represión e a nobreza queda máis atada ao rei de Castela, Henrique IV, que finalmente a apoiara na recuperación do poder.
2. A situación da lingua
-
Agás certos síntomas nos últimos 150 anos da Idade Media, o galego é a lingua normal de toda a poboación en todos os contextos. É o idioma en que se educan reis e príncipes (de Galiza e nalgúns casos tamén de Castela), o idioma adscrito á lírica na península, o idioma que substitúe o latín nos textos sociais do reino, etc.
2.1. A constitución en lingua escrita
-
Desde o s. IX ao XI a sociedade galega, monolingüe oralmente agás certos usos relixiosos e culturais que se manteñen en latín, debeu producir escritos no seu idioma, mais non se conservan. Si temos, en todo caso, documentos redactados nun latín corrompido, que incorpora formas xa galegas.
-
As mostras máis antigas do galego escrito conservadas son de finais do séc. XII e comezos do séc. XIII:
- o Pacto dos irmãos Pais (1174?)
- a Noticia de Fiadores (1175)
- a cantiga satírica “Ora faz ost’o senhor de Navarra”, de Johán Soares de Paiva (1197≈1200)
- a Noticia de Torto e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214)
- O primeiro texto que se conserva en territorio galego é o Foro do bo burgo de Castro Caldelas (1228)
- Nos séculos XIII, XIV e XV o galego (galego-portugués) foi substituíndo o latín na escrita ata converterse na lingua de uso común nos máis diversos ámbitos da sociedade galega (e portuguesa). Así, temos:
-
Documentos privados, como doazóns e testamentos.
-
Documentos públicos institucionais, como actas, edictos ou regulamentos de gremios.
-
Documentos xudiciais, como denuncias e sentenzas.
-
Documentos científico-didácticos, como o Livro de alveitaría.
-
Documentos historiográficos, como a Crónica Geral.
-
Documentos literarios.
2.2. Os séculos da plena normalidade
a) Monolingüismo social oral.
-
-
Durante 700 anos o galego será a lingua oral de todos os estamentos sociais en todos os contextos. Na escrita, como vimos, foi substituíndo progresivamente o latín. O castelán non ten presenza ningunha en Galiza ata a segunda metade do XIV, cando entra en usos institucionais puntuais.
-
Alén diso, o prestixio literario dá lugar ao seu emprego para a poesía noutros reinos. É a lingua de cultura por excelencia en gran parte da península ata, cando menos, finais do século XIII.
-
b) Ampliación de funcións.
-
-
Na función cultural o galego vai substituíndo paulatinamente o latín.
-
2.3. O comezo do proceso de minorización
a) A entrada do castelán como lingua de poder.
-
Máis alá da chegada desde a corte de Castela de documentos en castelán, esta lingua só terá presenza social en Galiza tras as derrotas da nobreza galega nas guerras de sucesión dos séculos XIV e XV. A entrada de aristocracia foránea, con intencións de dominio e cargos de goberno, xunto co seu séquito, suporá contar con incipientes focos de castelanización no ámbito formal.
-
Este proceso é máis relevante no XV, cando se produce unha importante substitución nobiliar e o reforzamento da maquinaria estatal. A imposición do castelán nas clases altas ha avanzar notoriamente. Aínda así, esta non será plena: aínda no s. XVI había nobreza, como a condesa de Altamira, que empregaba o galego para usos prestixiados e que se negaba a asinar documentos escritos noutra lingua.
b) Medidas uniformizadoras.
-
Os Reis Católicos impoñen múltiples medidas uniformizadoras para facer efectivo o sometemento e a colonización que iniciaron militarmente. Entre elas:
-
A partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo Real Consejo en Toledo, mudando os seus formularios polos casteláns.
-
Gran parte dos mosteiros de Galiza van pasar a depender doutros casteláns e mesmo se limita a presenza de frades galegos.
En infografía, aquí.
En modo presentación:
Complementos
O galego na Idade Media, do IES Rego da Trabe.
Actividades
1. Concreta as etapas ás que se refire Ferro Ruibal e sintetiza a situación da Igrexa en relación coa lingua.

2. Extrae conclusións a partir da seguinte táboa e da gráfica que a segue.
- a) Táboa: documentos que se conservan no Arquivo da Catedral de Ourense nos anos indicados.
- b) Gráfica: distribución das funcións lingüísticas na Idade Media en Galiza.

Texto de apoio:
|
A documentación de carácter privado é practicamente unánime no uso do galego nos séculos XIV e XV. Ademais, o galego foi utilizado polos organismos dos cidadáns libres (concellos, gremios, confrarías) e pola Igrexa (catedrais, igrexas, mosteiros). Por exemplo, a documentación dos concellos de Santiago, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Ourense está case totalmente redactada en galego nesa altura. A regularización do emprego do galego [en substitución do latín] na institución eclesiática compostelá avanza durante a primeira metade do XIV. Así, a oficina arcebispal utiliza documentalmente o galego mesmo durante o mandato do francés Berenguel de Landoira. As actas dos sínodos diocesanos de Mondoñedo están total ou parcialmente en galego entre 1351 e 1448; as de Ourense entre 1340 e 1441; as de Santiago entre 1341 e 1439. O proceso de castelanización comezará na cúpula nobiliar (arcebispo de Santiago, outros bispos, representantes do rei) e estenderase paseniñamente cara a abaixo na pirámide social, ao paso que marca a tendencia cada vez máis acentuada de outorgar os cargos importantes, anteriormente ocupados de forma maioritaria por individuos de orixe galega, a persoeiros da nobreza castelá ou de ámbito castelán. Temos unha proba moi ilustrativa no estudo da orixe nacional e das prácticas lingüísticas nos documentos dos arcebispos de Compostela na segunda metade do s. XIV e durante o s. XV, comparadas cos usos do Cabido catedralicio. O primeiro documento dun arcebispo compostelán redactado en castelán corresponde a Suero Gómez de Toledo e está datado en 1362. Entre tanto, cónstanos que o cabido compostelán seguía empregando habitualmente o galego. Durante a prelatura dos dous seguintes arcebispos, galegos, a oficina arcebispal volveu ao uso do galego. Na primeira metade do s. XV, o arcebispo Lope de Mendoza, de orixe sevillana, colocou durante o seu prolongadísimo mandato (1400-1445) a lingua castelá nunha situación privilexiada cunha práctica unilingüe. En contraste, temos probas de que o común do clero empregaba maioritariamente o galego, nos sínodos, nas actas, nas sentenzas, nos testamentos, nos acordos, nos informes... Así, durante a segunda metade do século XV a nobreza e o clero galegos comezarán a seguir a pauta que lles marca a nobreza e o alto clero casteláns empoleirados no cume dos poderes de Galicia, para se converter nun núcleo diglósico asimilado. Henrique Monteagudo (adaptación e escolla) |
2. A lingua nos Séculos Escuros e a Ilustración
Séculos XVI e XVII
1. O noutrora poderoso Reino de Galiza sofre un proceso de marxinación política e de empobrecemento económico, o que determinou o desprestixio social da lingua propia e habitual da absoluta maioría da poboación.
A decadencia sociopolítica e a conseguinte "escuridade" no prestixio e uso formal e escrito da lingua derivan da substitución nobiliar imposta polos Reis Católicos a finais do s. XV. A clase dirixente, tanto civil como eclesiástica, será agora en boa parte de orixe castelá e arrombará o galego dos usos cultos.
Contribuíron á "doma e castración do Reino de Galiza": a presenza da "Santa Hermandad" (garda armada), a dependencia castelá dos mosteiros, a retirada do dereito a voto de Galicia nas Cortes (representada por Zamora)... [En 1520 as cidades galegas transmítenlle a Carlos V: "no es cosa justa que una çibdad de otro reino hable ni dé voto por un reino tan antiguo y noble como este de Galizia"]
A xente labrega e mariñeira supoñía tres cuartas partes da poboación e malvivía na pobreza por mor dos foros esixidos polos señores da terra e mais pola presenza do Estado só para o cobro de tributos e as levas. Deste xeito, a procura de saída mediante a emigración iníciase xa no s. XVI e os galegos e galegas desempeñarán os peores traballos en Castela, Andalucía ou Portugal.
Debido a esta situación de marxinación e emigración, conformouse nestes séculos unha imaxe do galego como pobo atrasado e inculto e de Galicia como terra inhóspita, como mostran refráns e fragmentos de obras de moitos autores españois do Renacemento e do Barroco.
2. Sociolingüisticamente, os Séculos Escuros caracterízanse pola brusca e profunda ruptura da normalidade, coa redución da funcionalidade e do prestixio da lingua galega, malia non afectar significativamente á transmisión: será de xeito permanente a lingua de aproximadamente o 95% da poboación.
A instalación do castelán como lingua A determinou que o galego, como lingua B minusvalorada:
-
deixase de ter usos escritos, salvo dignas excepcións (Condesa de Altamira, Conde de Gondomar...);
-
perdese progresivamente presenza nas capas máis altas da sociedade, pois o poder exprésase en castelán;
-
carecese dun modelo culto e norma de referencia, ao non se considerar idioma digno de estudo e fixación;
-
sufrise a ruralización e o inicio da castelanización do seu léxico, así como da onomástica (antropónimos e topónimos);
-
ficase desprestixiado e unido a un emerxente sentimento de autodesprezo (minusvaloración do propio) en amplas capas da poboación.
Século XVIII
1. O movemento ilustrado, moi relevante en Galicia, procuraralle remedio desde a ciencia ao atraso e marxinación do país. Entre as reformas propostas, alén das que atinxían á produción agrícola ou á lexislación, está o cambio dos métodos pedagóxicos, incluíndo a introdución da lingua propia na educación.
Xorden sucesivas xeracións de intelectuais humanistas, entre os que se contan o Padre Sarmiento, o Padre Feixóo, o Padre Sobreira e Xosé Cornide, que se organizan mediante institucións propias, como a "Sociedad Económica de Amigos del País".
O acceso ao trono dos Borbóns incrementa a política uniformizadora do Estado no marco do despotismo ilustrado.
A mediados do século agrávase a recesión económica, as fames e pestes son periódicas e, daquela, increméntase a emigración.
2. O galego retrocede socialmente no século XVIII, mais tamén esperta a conciencia lingüística da man da Ilustración: deféndese a súa valía, reclámase o seu emprego na escola e na igrexa...
A castelanización avanza e comeza a ter presenza (só comeza) en novas capas sociais: a fidalguía e a burguesía urbana e vilega. Diferentes factores coadxuvan para facer efectivo este retroceso:
-
Un Estado homoxeneizador cultural e lingüisticamente. A lexislación, o aparello administrativo e o resto das institucións, como a escolar, non admiten outra lingua distinta do castelán (a imposición pódese advertir na Real Cédula de Aranjuez: “Mando que la enseñanza de primeras letras, latinidad y retórica se haga en lengua castellana generalmente, dondequiera que no se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias y justicias respectivas").
-
Espállanse prexuízos lingüísticos que asocian o castelán con valores positivos de poder e progreso e o galego coa pobreza, a incultura ou o atraso.
A defensa e o estudo da lingua foi especialmente relevante no caso dos frades Benito Feixóo, Martín Sarmiento e Xoán Sobreira.
-
Feixóo destacou polo seu progresismo (defensa da igualdade de xénero, denuncia da rapina imperialista...) e demostrou na súa obra Teatro Crítico Universal a orixe latina do galego, así como a existencia dun sistema lingüístico común co portugués.
-
Sarmiento realizou diversos traballos filolóxicos e soubo percibir e comprender o proceso histórico de superposición do castelán en Galicia. En consecuencia, denunciou a imposición lingüística e propuxo medidas para a introdución do galego en ámbitos como o ensino ou o culto relixioso.
-
Sobreira traballou na composición dun dicionario da lingua (o inacabado Glossario General de la Lengua Gallega) e advertiu da existencia do "castrapo".
Complementos
Actividades
A) Orais
1. Que realidade se recolle nesta historia e que valor tivo para a sociedade galega?
2. Intentade explicar o contexto sociolingüístico no que vivía Diego Sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar, así como o seu comportamento lingüístico, sintetizado a seguir. Os usos escritos que realiza, que nos indican e como é posíbel que se efectuasen nos inicios do s. XVII?
Só algúns nobres galegos, como Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar e embaixador de Filipe III en Inglaterra, seguirán mantendo un uso escrito do galego nas súa correspondencia epistolar privada. O conde de Gondomar escribiu “Desexo ser e parecer bo e verdadeiro galego", mentres outros se avergoñaban da súa orixe galega.
3. Lede esta presentación e engadide un comentario que conecte esa imaxe estereotipada do pobo galego coa actualidade. Ou sexa: especificade e valorade a permanencia (ou non) desa imaxe. [Tese sobre o estereotipo antigalego, casos recentes no ámbito xudicial e artigo de opinión]
B) Escritas e grupais
1. Copiade e completade no caderno a seguinte secuencia causal. [sol]

2. Comentade a funcionalidade lingüística do galego nesta altura -representada no seguinte gráfico. Considerade, para iso, os feitos expostos no tema. [Pódese empregar este apoio centrado no XVIII]

3. Sintetizade a evolución da lingua galega nos séculos XVI-XVIII co emprego da maioría destes termos: capas sociais altas, porcentaxes, diglosia, usos escritos, funcionalidade, modelo culto, castelanización, fidalguía e burguesía, prexuízos, conciencia lingüística, reclamación.
3. A centralidade da lingua no XIX
1. No XIX faise palpábel na sociedade galega un conflito lingüístico entre a lingua maioritaria minorizada, que pugna por tornar a ser lingua de cultura, e a lingua dominante, que se espalla desde as instancias do poder.
O aparato de Estado incrementa a forza uniformizadora e incide en maior medida na desgaleguización. Como consecuencia, esténdese o castelán nas clases alta e media urbanas e amplíanse os comportamentos diglósicos.
A división provincial de 1833 produce a desaparición do Reino de Galiza como unidade territorial.
O sistema escolar, agora independente da Igrexa, vai supor un avance da instrución pública só en castelán.
Refórzase o aparello administrativo estatal coas deputacións provinciais ou os concellos, axentes castelanizadores.
A sociedade galega organízase para a defensa do país e a recuperación de usos da lingua propia.
A ideoloxía romántica, que exalta a diferenza e a expresión popular, e o feito de ser unha notoria maioría a poboación monolingüe en galego son algunhas das bases desa organización.
Unha elite intelectual da pequena burguesía progresista, consciente da situación de Galicia, lidera un movemento de reivindicación da súa singularidade e de status político: o galeguismo.
O Provincialismo reacciona nos anos 40 ante a nova estruturación administrativa e territorial e ante as políticas de marxinación.
O levantamento de Solís (1846) tínguese de galeguismo.
O Rexionalismo alentará unha Galicia utópica ante a crise finisecular e o caciquismo.
O Rexurdimento será o movemento cívico que pretenda rehabilitar o país, converter o estigma en estima, desde a historia ás tradicións, desde a paisaxe á lingua.
Na defensa explícita da lingua, concibida como a alma do pobo, espállanse argumentos prestixiadores e reclámanse dereitos para os falantes.
2. O Rexurdimento amplía significativamente a presenza do galego na escrita -na literatura, na prensa e na oratoria- e recupera o seu prestixio como lingua de cultura.
Publícanse obras literarias monolingües nos distintos xéneros e irrompe a prensa en galego (O Tío Marcos da Portela -1876-, A Monteira -1889-, etc.).
Iníciase a elaboración dun modelo de galego culto e publícanse as primeiras gramáticas e dicionarios.
Complementos
Material do IES Rego de Trabe.
Claves (presentación en Genialy).
Actividades
1. Identifica as linguas presentes na sociedade galega do século XIX e completa o comentario da gráfica de distribución das funcións.

[sol]
2. Tarefa grupal. E apoio.
[sol]