3. Rosalía de Castro

Unha obra socialmente comprometida
1. Aspectos do compromiso social rosaliano
  • Sensibilidade ante as penurias do pobo (especialmente das campesiñas).
  • Denuncia do dominio e abuso dos poderosos, da marxinación, da opresión.
  • Defensa de Galicia e da cultura galega ante os estereotipos e desprezos.
  • Defensa dos valores populares ante o individualismo, o poder do diñeiro e todos os valores burgueses emerxentes.
  • Reivindicación dos dereitos da muller.
2. Cantares gallegos (1863)
  • O primeiro compromiso, insólito, é coa lingua galega: trátase do 1º libro do Rexurdimento integramente en galego.
  • Parte da creación popular, que pon así en valor: os poemas son glosas de cantigas populares.
  • Cédeselle a voz a falantes líricos populares, de xeito que o pobo acada verdadeiro protagonismo; dignifícase Galicia e a sociedade precapitalista maltratada.
  • Inclúense poemas costumistas co fin de amosar a idiosincrasia galega sen complexos.
  • Hai unha presenza ampla da temática social, como a denuncia da emigración en "Adiós ríos, adiós fontes" ou a situación de pobreza do campesiñado.

Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

  • Nalgúns textos ("Castellanos de Castilla", "A gaita gallega") defende Galicia ante o centralismo.

Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai! tan hermosa.

3. Follas novas (1880)
  • Dous dos "libros" (con títulos ben explícitos: Da terra e mais As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos) están enteiramente dedicados á denominada lírica solidaria.
    • O primeiro deles, Da terra, amplía a vontade de identificación co pobo propia de Cantares gallegos e non falta nel a posta en evidencia da discriminación e explotación da muller.
    • En As viúdas dos vivos... enfócanse as causas e as consecuencias da emigración, con destacada presenza de protagonistas femininas.

Forzoso, mais supremo sacrificio.
A miseria está negra en torno deles,
¡ai!, ¡diante está o abismo!

  • No libro Varia transítase do "eu" ao "nós" e enfócanse en boa medida os múltiples problemas sociais da época.
  • Nas partes da lírica solitaria (VaguedásDo íntimo) tamén se achan críticas ao machismo, ao clasismo ou á intransixencia da Igrexa, así como a mostra das consecuencias da violencia institucionalizada (en "A xusticia pola man").

 

Complementos

1. É probábel que Rosalía, con 19 anos, participase no Banquete de Conxo (1856):

2. Rosalía publica verdadeiros manifestos feministas: (“Lieders” e “Las literatas”).

3. Ademais de nos propios textos poéticos, Rosalía mostra nos prólogos ser plenamente consciente dos problemas sociais e da galegofobia que sofre o país.

 

Actividades

1. Comentario de “A xusticia pola man” (Follas Novas).

a) A quen corresponde a enunciación neste poema?

b) Que institucións sociais son criticadas por Rosalía mediante este texto?

c) De que xeito encaixa ou non este texto no apartado temático no que se inscribe Do íntimo?

2. Comentario de “Tecín soia a miña tea” (Follas Novas).

a) A quen corresponde a voz que escoitamos no poema? A quen se dirixe?

b) Con que recursos remarca Rosalía a sensación de soidade que embarga a protagonista?

c) Que cres que simbolizan os cantos da rula e do grilo nese contexto?

[sol]