2. Os Séculos Escuros, a Ilustración e o Prerrexurdimento

Nesta dobre liña que implica a crítica, podemos destacar as seguintes producións.

1. Entre os restos literarios dos séculos XVI e XVII atópanse o "Cantar do Mariscal" e o "Romance do Mariscal", coñecidos ambos como Pranto da Frouseira. Son dous textos anónimos que abordan a traizón a Pardo de Cela e a súa execución a finais do s. XV.

Esa mesma temática está presente na única obra en prosa literaria destes séculos: a Relazón da carta xecutoria. Foi editada en 1674 e posibelmente se basee nun texto do XVI.

Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte recuperarán no século XX, desde o mito popular, a historia deste nobre na obra de teatro O Mariscal. Traxedia histórica en verso (1926). Esta peza contribuíu a espallar a figura deste mariscal como símbolo da resistencia galega ante o centralismo.

 

2. No s. XVIII, a composición anónima Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas constitúe unha extensa sátira (502 versos) de relevante valor literario; é debedora do conceptismo barroco.

Esta composición dialoga coa obra de Diego Antonio Cernadas e Castro (o cura de Fruíme), de quen nos chegou máis dunha vintena de poemas en galego, parte deles tamén satíricos. Isto demostra que existía unha tradición culta -en medios eclesiáticos e académicos- de literatura festiva en galego no s. XVIII.

 

3. Na primeira fase do Prerrexurdimento (ata 1836) publícanse escritos en galego de carácter ideolóxico e propagandístico en relación con dous feitos históricos: a invasión francesa e a pugna entre liberais e absolutistas.

A guerra contra os franceses motivou Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (1808) -texto anónimo posto en boca dun labrego que fai un chamamento para combater as tropas napoleónicas- e mais o diálogo Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira.
A pugna ideolóxica está presente en Os rogos de un gallego (1813) -un poema longo do crego Manuel Pardo de Andrade no que se denuncia a Inquisición- e en varios diálogos e faladoiros, en xeral anónimos, entre os que destaca a ”Tertulia de Picaños”, de 1836.

 

4. Na segunda fase do Prerrexurdimento (1836-1862), a dos precursores vencellados co provincialismo, destacan na liña crítica dous autores, Francisco Añón e Xoán Manuel Pintos, que contribúen á recuperación da dignidade como pobo.

Francisco Añón, autor comprometido que pasará parte da súa vida exiliado, compuxo poemas satíricos como “A pantasma” -unha denuncia das supersticións- e patrióticos como “A Galicia” -unha exhortación dun eu poético fóra da terra para sermos donos do futuro.

"A Galicia", composta en oitavas italianas, foi premiada nos Xogos Florais da Coruña de 1861 e anuncia as estéticas rexurdimentistas.

Xoán Manuel Pintos publicou A Gaita Gallega (1853), volume trilingüe (en galego, castelán e latín) con sete "foliadas" en prosa e en verso nas que un gaiteiro e un tamborileiro discuten sobre os costumes e a lingua de Galiza. Nesta obra Pintos pretende defender o galego e encamiñar a súa aprendizaxe.

 

Actividades

1. Identifica e comenta os recursos satíricos (xogos de palabras, diloxía, equívoco, ironía, paronomasia...) destes exemplos de 50 décimas...

moca: 1. Burla. 2. Pau con extremo avultado.

foca: 1. Cavidade arredondada; oco (especialmente no corpo). 2. Animal...; persoa gorda.

agulla de marear: Compás náutico. > Coller ou saber a agulla de marear: tomar a medida, saber o punto débil de alguén.

maraña: Fíos enleados, mestura de cousas, complicacións.

mosca: Insecto; persoa molesta. > Pillar ou apañar moscas: ocuparse con cousas inútiles.

2. Comenta estes fragmentos de textos de comezos do s. XIX.

3. Realiza o comentario de "A Galicia", de Añón, atendendo:

a) a estrutura (partes e posíbel circularidade), a métrica e a rima;

b) os diversos temas ben diferenciados; a imaxe que se transmite de Galiza;

c) o valor das personificacións e das enumeracións.

[Un comentario accesíbel]

[sol]