Do amor á morte nos Séculos Escuros, na Ilustración e no Prerrexurdimento
2. O Prerrexurdimento
Primeira fase do Prerrexurdimento (desde inicios do século ata 1833)
Publícanse nesta altura sobre todo escritos de carácter ideolóxico e propagandístico -que veremos no seu momento- en relación con dous feitos históricos: a guerra ante a invasión francesa e a pugna entre liberais e absolutistas.
Mais tamén aparece xa un autor de relevo na liña dos precursores, Nicomedes Pastor Díaz. Destacamos entre a súa produción:
- "A Alborada" (1828), un poema amoroso, idilio case maternal de dous mozos que pasan a noite xuntos.
- "Égloga de Belmiro e Benigno", estanzas de 14 versos protagonizadas por pastores que dialogan sobre as tristuras do amor. Belmiro sofre mal de amores e Benigno convénceo para que volva á aldea. Como é propio das églogas, exáltase a vida feliz do campo. Publicouna Álvarez Blázquez a mediados do s. XX.
Segunda fase do Prerrexurdimento (de 1833 a 1862)
Xorde a xeración dos Precursores, autores relacionados co Provincialismo e que publican textos dispersos en xornais, revistas e folletos ou teñen obra non monolingüe (Pintos: A gaita gallega). Cultivan a liña temática do amor os seguintes.
Alberto Camino.
- Destacan as súas composicións elexíacas: “Nai chorosa” (unha nai chora a morte dun fillo) e “O desconsolo” (un home laméntase da morte da súa moza).
Francisco Añón.
- Crítico coas inxustizas da sociedade do seu tempo, polo que estará case permanentemente exiliado, cultivou de preferencia poesía social, costumista e satírica.
- Dentro da súa poesía intimista ten especial valor o soneto “Amor apresurado”, con presenza do Carpe diem.
En 1862 finaliza esta etapa coa publicación do volume Álbum de la Caridad, que recompila textos dos Xogos Florais da Coruña (1861). Pode considerarse a primeira escolma de poesía galega moderna. Organizada por Antonio de la Iglesia, nela recóllense composicións de 40 poetas: desde os precursores ata Rosalía de Castro ou Pondal.
Complemento
Actividade: comentario de "Amor apresurado"

[sol]