4. Os signos. O signo lingüístico

Un signo é unha unidade de comunicación perceptíbel polos sentidos que representa convencionalmente determinada idea da realidade.

Implica a conexión de dous planos: a realidade física ou material (o significante, imaxe acústica, gráfica, táctil...) e a realidade conceptual ou mental (o significado, a representación inmaterial).

Cómpre non confundir o significado (imaxe mental) co referente (a realidade nomeada).

Existen diferentes tipos de signos de acordo con múltiples criterios, caso da relación co referente, que permite distinguir indicios, iconas e símbolos.

Indicios: manteñen unha relación física co referente (de contigüidade, causa-efecto, etc.). Ex.: a febre > enfermidade.

Iconas: presentan unha relación de semellanza co referente. Ex.: unha caricatura.

Símbolos: con relación arbritaria (non motivada) co referente. Ex.: notas musicais.

O signo lingüístico caracterízase por constituírse mediante unha relación arbitraria ente o significante e o significado (como outros símbolos), por ser convencional (froito dun "acordo social"), por ser sucesivo ou lineal no tempo ˜ espazo e por estar dobremente articulado.

Primera articulación: o signo divídese en unidades menores con significado (monemas: morfemas e lexemas).

Segunda articulación: discriminación de unidades sen significado (fonemas).

Posibilita a economía de medios na comunicación: cun número moi limitado de fonemas constitúense miles de monemas e palabras e, coa súa combinación, infinitos enunciados.

 

Apoios

Actividades

1. Que tipos de signos aprecias?

2. Cal destes dous carteis interpretas mellor e por que?

3. Discrimina os sinais reais con mensaxe e os reais manipulados con fins artísticos. Dentro dos primeiros, diferencia os de advertencia dos reivindicativos. Logo crea ti un novo para engadir a estes últimos; deberá conter icona e símbolos de dobre articulación.

4. DESAFÍO GRUPAL Pode existir comunicación lingüística entre unha persoa e un animal? Xustificade a vosa resposta e achegade diferenzas entre a linguaxe animal e a humana. [Vídeo base]

5. DESAFÍO GRUPAL A relación entre significado e significante de paporroibo, peixe espada, quiquiriquí ou afialapis é natural ou arbritaria? Razoade a resposta.

6. DESAFÍO GRUPAL A linguaxe non verbal xestual pode complementar, reforzar ou, tamén, contradicir a linguaxe verbal. Acada moito peso nas interaccións humanas e pode ser decisiva nalgúns contextos (por exemplo, nun interrogatorio). Pensade: maniféstase como os signos? É máis fiábel a reacción xestual que calquera outra forma de comunicación? Defendede as vosas conclusións con algún exemplo. [Texto de apoio]

7. Comentario.

  • Por que os nomes dos peixes citados, por exemplo, son signos lingüísticos?
  • Indica quen é o emisor e cal é a canle deste texto.
  • Que función da linguaxe predomina no texto?

[sol]