O feito comunicativo
| Sitio: | Aula Virtual do IES do Milladoiro |
| Curso: | Lingua Galega 1º BAC 23/24 |
| Libro: | O feito comunicativo |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | sábado, 27 de decembro de 2025, 9:03 AM |
1. Elementos da comunicación
A comunicación é un acto social de intercambio de información. Nel operan sempre un emisor e un receptor, que protagonizan a transmisión, a través dunha canle determinada, dunha mensaxe elaborada nun código común.
Emisor, receptor, mensaxe, código e canle, xunto co referente (realidade representada) e a situación (circunstancias do acto), constitúen o sistema de comunicación.
O proceso esixe unha codificación (que efectúa o emisor ao compoñer a mensaxe) e mais unha descodificación (ao interpretar a mensaxe o receptor).

A comunicación pode verse perturbada polo ruído: calquera dificultade ou problema xerado nalgún ou nalgúns dos seus elementos. É ruído unha articulación deficiente, un erro de impresión, unha expresión imprecisa, etc.
Ante a advertencia do ruído, adóitase inserir redundancia na codificación da mensaxe.
Prodúcese con máis frecuencia a través da canle oral.
Se a redundancia é excesiva, convértese ela mesma en ruído.
Apoios

Actividades
1. Unha persoa que non sabe galego recita un poema nese idioma ante un público galego. Hai comunicación? Razoa a resposta.
2. Ao soar o timbre, que elemento do proceso de comunicación lle dirá ao alumnado se ten que entrar, rematar ou saír?
3. Cales destas circunstancias cres que poden constituír ruído (perturbación da comunicación)?
- Letra deficiente nun escrito
- Barullo próximo
- Afonía do emisor
- Presenza de ambigüidades no discurso
- Intermitencia na conexión a internet
- Uso dunha linguaxe técnica con persoas non expertas
4. É realmente redundante o seguinte exemplo? Por que? Que xera ruído?
Os pais e as nais dos alumnos e alumnas deste centro deberán dirixirse aos profesores ou profesoras titores ou titoras dos seus fillos e fillas.
5. A codificación é o proceso mediante o cal o emisor converte as súas ideas en linguaxe mediante signos físicos. Como definirías ti, logo, a descodificación?
6. Os seres humanos desenvolven tamén códigos extralingüísticos mediante os que poden transmitir información. Imaxina unha situación comunicativa para cada unha das seguintes imaxes e indica quen é o receptor e cal é a mensaxe.

2. Funcións da linguaxe
As funcións da linguaxe derivan dos fins concretos da comunicación, das intencións do emisor. Establécense seis en relación cos elementos do acto comunicativo.
Representativa ou referencial. Centrada no referente, serve para transmitir información de xeito obxectivo. É a propia dos textos expositivos.
Expresiva ou emotiva. Centrada no emisor, manifesta a visión deste (sentimentos, pareceres...). Está presente sobre todo nos textos argumentativos e conversacionais.
Apelativa ou conativa. Centrada no receptor, permite chamar a súa atención e influír no seu comportamento. É común nos textos publicitarios.
Fática ou de contacto. Centrada na canle, serve para comprobar que se establece a comunicación e guiala.
Poética ou estética. Centrada na mensaxe, deleita coa atención á forma desta. Presente nos textos literarios e publicitarios.
Metalingüística. Centrada no código, transmite información específica sobre este.
As funcións adoitan aparecer combinadas no discurso e maniféstanse mediante determinados procedementos.

Apoios
1. A conexión entre os elementos da comunicación e as funcións da linguaxe.

2. Explicación do profesor Carlos G. Figueiras para o seu alumnado.
Actividades
1. Atende o vídeo e responde as cuestións seguintes.
- a) Que será o relativismo lingüístico?
- b) Achega dúas razóns presentes na intervención de Xurxo Mariño que poden motivar a aprendizaxe de novas linguas.
- c) Que funcións da linguaxe podes advertir na charla? Cal é a dominante?
- d) Que diferentes propósitos comunicativos están na mente do relator?
- e) De que xeito o uso das funcións axusta a codificación ao contexto - situación?
2. Resolve estes dous exercicios.

3. Linguaxe, lingua e fala
A linguaxe é a facultade humana de comunicarse mediante signos.
É virtual, universal, única.
Capacidade universal (que temos todos/as) para comunicarnos.
A lingua é a manifestación social concreta da linguaxe nunha comunidade, tempo e lugar.
É comunitaria, inmaterial, diversa.
Cada idioma constitúe un código específico: sistema de signos interdependentes combinados segundo certas regras.
Os signos diferéncianse mediante trazos distintivos.
Integra subsistemas ou niveis de estudo: fonolóxico, gramatical (morfosintáctico) e léxico-semántico.
As unidades básicas son fonema e sílaba; monema, frase e oración; sema e palabra.
A fala é o uso concreto que cada membro ou grupo da comunidade fai da súa lingua.
É individual, persoal ou grupal, material, múltiple, creativa.
Entre os actos verbais particulares, a norma é o modelo aceptado pola comunidade. A normativa da lingua fixa o estándar.
Diferéncianse os niveis de lingua (derivados de factores socioculturais, da formación) dos niveis de fala ou rexistros (determinados pola situación comunicativa e o receptor).
Apoios e complementos

Máis: exemplificación.
Actividades
1. Identifica, razoadamente, cada unha das seguintes caracterizacións coa linguaxe, a lingua ou a fala.
-
- A forma de expresión propia dunha nación ou grupo humano.
- Variedade ou uso determinado espacial, temporal ou socialmente.
- Capacidade que lle dá forma ao pensamento.
2. Completa con sentido: Aínda que a linguaxe verbal é o máis perfecto dos sistemas de comunicación, non é o único. Ademais dos códigos substitutivos, como o empregado polas persoas cegas, existen tamén...
3. Dúas persoas que non comparten código lingüístico, como se poden comunicar (sen tradutores)? Que poñen en acción?
4. DESAFÍO GRUPAL Que criterios básicos permiten diferenciar unha lingua dun dialecto? Concretade o papel da fala. Centrádevos nas linguas que proveñen dun mesmo tronco.
5. Indica con que subsistema ou nivel de estudo da lingua (fonolóxico, morfolóxico, sintáctico, léxico) se corresponden as seguintes unidades. Indica como se chama a disciplina correspondente en cada caso.
Frase Lexema Fonema Sema Palabra Oración
6. No seguinte texto, cambia a función da linguaxe dominante e tamén o nivel de lingua. Mantén a información fundamental (subliñada). Indica cales -función e nivel- escolles.
O mapamundi de Vesconte non fai máis que sinalar unha evidencia naquela altura, isto é, a consideración internacional de Galiza como un espazo político diferenciado no ámbito peninsular.
Modelo de conversión con dominio da función apelativa (non escollas esta): Coñeces o mapamundi de Vesconte? Velaí o tes, podes apreciar unha evidencia naquela altura. Decátaste? Galiza tiña consideración internacional, amigo, érache un espazo político diferenciado no ámbito peninsular.
Modelo de conversión para rexistro informal ou coloquial: O mapamundi do pavo este Vesconte é unha pasada. Métennos os dedos polos ollos pero aquí salta á vista, si oh! Galicia era o que era, un reino de moito nabo.
4. Os signos. O signo lingüístico
Un signo é unha unidade de comunicación perceptíbel polos sentidos que representa convencionalmente determinada idea da realidade.
Implica a conexión de dous planos: a realidade física ou material (o significante, imaxe acústica, gráfica, táctil...) e a realidade conceptual ou mental (o significado, a representación inmaterial).
Cómpre non confundir o significado (imaxe mental) co referente (a realidade nomeada).

Existen diferentes tipos de signos de acordo con múltiples criterios, caso da relación co referente, que permite distinguir indicios, iconas e símbolos.
Indicios: manteñen unha relación física co referente (de contigüidade, causa-efecto, etc.). Ex.: a febre > enfermidade.
Iconas: presentan unha relación de semellanza co referente. Ex.: unha caricatura.
Símbolos: con relación arbritaria (non motivada) co referente. Ex.: notas musicais.

O signo lingüístico caracterízase por constituírse mediante unha relación arbitraria ente o significante e o significado (como outros símbolos), por ser convencional (froito dun "acordo social"), por ser sucesivo ou lineal no tempo ˜ espazo e por estar dobremente articulado.
Primera articulación: o signo divídese en unidades menores con significado (monemas: morfemas e lexemas).
Segunda articulación: discriminación de unidades sen significado (fonemas).
Posibilita a economía de medios na comunicación: cun número moi limitado de fonemas constitúense miles de monemas e palabras e, coa súa combinación, infinitos enunciados.
Apoios

Actividades
1. Que tipos de signos aprecias?


2. Cal destes dous carteis interpretas mellor e por que?

3. Discrimina os sinais reais con mensaxe e os reais manipulados con fins artísticos. Dentro dos primeiros, diferencia os de advertencia dos reivindicativos. Logo crea ti un novo para engadir a estes últimos; deberá conter icona e símbolos de dobre articulación.

4. DESAFÍO GRUPAL Pode existir comunicación lingüística entre unha persoa e un animal? Xustificade a vosa resposta e achegade diferenzas entre a linguaxe animal e a humana. [Vídeo base]
5. DESAFÍO GRUPAL A relación entre significado e significante de paporroibo, peixe espada, quiquiriquí ou afialapis é natural ou arbritaria? Razoade a resposta.
6. DESAFÍO GRUPAL A linguaxe non verbal xestual pode complementar, reforzar ou, tamén, contradicir a linguaxe verbal. Acada moito peso nas interaccións humanas e pode ser decisiva nalgúns contextos (por exemplo, nun interrogatorio). Pensade: maniféstase como os signos? É máis fiábel a reacción xestual que calquera outra forma de comunicación? Defendede as vosas conclusións con algún exemplo. [Texto de apoio]
7. Comentario.

- Por que os nomes dos peixes citados, por exemplo, son signos lingüísticos?
- Indica quen é o emisor e cal é a canle deste texto.
- Que función da linguaxe predomina no texto?
[sol]