3. Linguaxe, lingua e fala

A linguaxe é a facultade humana de comunicarse mediante signos.

É virtual, universal, única.

Capacidade universal (que temos todos/as) para comunicarnos.

A lingua é a manifestación social concreta da linguaxe nunha comunidade, tempo e lugar.

É comunitaria, inmaterial, diversa.

Cada idioma constitúe un código específico: sistema de signos interdependentes combinados segundo certas regras.

Os signos diferéncianse mediante trazos distintivos.

Integra subsistemas ou niveis de estudo: fonolóxico, gramatical (morfosintáctico) e léxico-semántico.

As unidades básicas son fonema e sílaba; monema, frase e oración; sema e palabra.

A fala é o uso concreto que cada membro ou grupo da comunidade fai da súa lingua.

É individual, persoal ou grupal, material, múltiple, creativa.

Entre os actos verbais particulares, a norma é o modelo aceptado pola comunidade. A normativa da lingua fixa o estándar.

Diferéncianse os niveis de lingua (derivados de factores socioculturais, da formación) dos niveis de fala ou rexistros (determinados pola situación comunicativa e o receptor).

 

Apoios e complementos

Máis: exemplificación.

 

Actividades

1. Identifica, razoadamente, cada unha das seguintes caracterizacións coa linguaxe, a lingua ou a fala.

    • A forma de expresión propia dunha nación ou grupo humano.
    • Variedade ou uso determinado espacial, temporal ou socialmente.
    • Capacidade que lle dá forma ao pensamento.

2. Completa con sentido: Aínda que a linguaxe verbal é o máis perfecto dos sistemas de comunicación, non é o único. Ademais dos códigos substitutivos, como o empregado polas persoas cegas, existen tamén...

3. Dúas persoas que non comparten código lingüístico, como se poden comunicar (sen tradutores)? Que poñen en acción?

4. DESAFÍO GRUPAL Que criterios básicos permiten diferenciar unha lingua dun dialecto? Concretade o papel da fala. Centrádevos nas linguas que proveñen dun mesmo tronco.

5. Indica con que subsistema ou nivel de estudo da lingua (fonolóxico, morfolóxico, sintáctico, léxico) se corresponden as seguintes unidades. Indica como se chama a disciplina correspondente en cada caso.

Frase   Lexema   Fonema   Sema   Palabra   Oración

6. No seguinte texto, cambia a función da linguaxe dominante e tamén o nivel de lingua. Mantén a información fundamental (subliñada). Indica cales -función e nivel- escolles.

O mapamundi de Vesconte non fai máis que sinalar unha evidencia naquela altura, isto é, a consideración internacional de Galiza como un espazo político diferenciado no ámbito peninsular.

Modelo de conversión con dominio da función apelativa (non escollas esta): Coñeces o mapamundi de Vesconte? Velaí o tes, podes apreciar unha evidencia naquela altura. Decátaste? Galiza tiña consideración internacional, amigo, érache un espazo político diferenciado no ámbito peninsular.

Modelo de conversión para rexistro informal ou coloquial: O mapamundi do pavo este Vesconte é unha pasada. Métennos os dedos polos ollos pero aquí salta á vista, si oh! Galicia era o que era, un reino de moito nabo.