Tema 1. A representación da Terra
5. Os mapas.

Os instrumentos e técnicas de orientación vistos permitiron a elaboración dos mapas, que son representacións gráficas da superficie da Terra, ben en parte ou ben na súa totalidade (mapamundis). A ciencia que se encarga de elaborar os mapas é a cartografía.
Para entender os mapas debemos partir de que as cartógrafas e os cartógrafos se atopan con tres importantes problemas:
1.- Teñen que representar unha superficie moi grande (a realidade) nunha superficie pequena (un mapa). Para solucionar este problema empregan a escala.
2.- Teñen que representar unha superficie esférica como a da Terra, aínda que non sexa unha esfera perfecta, nunha superficie plana. Isto é un imposible matemático que deben afrontar. Para isto empregan as proxeccións cartográficas, se ben cada proxección ten as súas vantaxes e os seus inconvintes.
3.- Teñen que representar unha superficie tridimensional (con relevos diferentes) nun espazo que ten dúas dimensións. Para atender a esta cuestión empregan os sistemas topográficos.
A LENDA.
Para facilitar a comprensión dos mapas está a lenda, cadro incluído no mapa e que recolle os signos convencionais empregados e o seu significado.