APUNTAMENTOS
6. AS MIGRACIÓNS EXTERIORES
6.2. EVOLUCIÓN DAS MIGRACIÓNS EXTERIORES EN ESPAÑA
A evolución das migracións exteriores en España viuse condicionada por fluctuacións económicas (tanto no noso país como nos países de procedencia), pero tamén por episodios conxunturais (por exemplo, o confinamento provocado pola pandemia da COVID-19).

No período 2008-2021 pódense distinguir algunhas fases:
2008-2011 Inicio da Gran Recesión e crise
O inicio da crise de 2008 (forte crise económica que levou consigo o crecemento do paro e a inseguridade económica, especialmente para os máis desfavorecidos). As consecuencias foron:
- Redución da inmigración exterior.
- Aumento da emigración:
- Saída de inmigrantes estranxeiros, que agora buscan traballo e residencia noutro país con mellores expectativas de atopalo.
- Saída de españois, agora emigrantes, cara a outro país con maior oferta de emprego e mellores condicións laborais (salario, seguridade, etc.)
Nos anos 2009-2011 o número de entradas ao país e de saídas estivo case igualado, cun saldo migratorio próximo a cero.
2011- 2014 Fase aguda da crise en España
O número de entradas ao país e de saídas estaba igualado, polo que o saldo migratorio exterior era case cero. A inmigración descendeu (España deixou de ser atractiva en termos de fluxos migratorios) e iniciouse un período con saldo migratorio exterior negativo, que tivo o seu pico en 2013 cunha gran saída de emigrantes.
2014-2019 Recuperación e cambio de tendencia
A emigración comezou a reducirse e a chegada de estranxeiros aumentou de forma significativa debido á inestabilidade nalgúns países de orixe, superando as 700 000 persoas no ano 2019, aínda que sen alcanzar as cifras previas á crise. Durante este período, o saldo migratorio pasou a ser positivo.
2019-2020 Impacto da crise sanitaria da COVID-19
A pandemia provocou unha brusca caída na chegada de inmigrantes e tamén fixo diminuír a emigración. A pesar diso, o saldo migratorio seguiu sendo positivo.
2020- Situación tras a pandemia
Tanto as chegadas como as saídas foron aumentando progresivamente, aínda que o número de chegadas é moito maior.
O crecemento do número de estranxeiros en España nas últimas décadas foi espectacular. Segundo datos do INE, en 1998 residían en España 637 085 estranxeiros, o que supoñía un 1,60 % da poboación total do país. Dez anos despois, en 2008, a cifra ascendía a 5 268 762 estranxeiros, representando o 11,41 % da poboación total española. Os últimos datos de 2022 indican que en España vivían 47 475 420 persoas, das cales 5 542 932 eran estranxeiras, o que supón un 11,68 % do total.

En canto ao saldo migratorio exterior, obsérvase unha recuperación similar —tras a crise— a partir de 2016, coa volta a cifras positivas totais (máis chegadas que saídas), alcanzándose en 2022 o maior saldo positivo dos últimos 10 anos. (INE, 2022)

Como se pode observar na seguinte táboa, en 2022 o saldo migratorio dos estranxeiros co exterior creceu ata as 729 709 persoas (é dicir, houbo un gran número de entradas de persoas con nacionalidade estranxeira). Pola contra, o saldo migratorio dos españois co exterior foi lixeiramente negativo (-2704 persoas), o que significa que houbo un maior número de persoas con nacionalidade española que abandonaron o país en relación aos que entraron. (INE, 2022)

REFLEXIONA E INVESTIGA
-
Observando os gráficos estatísticos deste apartado, responde
-
¿En que fase ou fases entre 2008 e 2021 España foi un país emisor de emigrantes cara ao estranxeiro?
¿Cando se observa que España comezou a recibir inmigrantes de forma masiva?
-