6. AS MIGRACIÓNS EXTERIORES

6.1. AS CIFRAS DAS MIGRACIÓNS EXTERIORES

Segundo datos da Organización das Nacións Unidas (ONU), en 2020 había no mundo preto de 281 millóns de migrantes internacionais (un 78 % eran persoas en idade de traballar). Aínda que a cifra parece moi elevada, só supón o 3,6 % da poboación mundial. Isto significa, de forma xeral, que de cada 100 habitantes, 3,6 son migrantes internacionais.


Na táboa de datos obsérvase o importante crecemento no número de migrantes internacionais, que en 50 anos se multiplicou aproximadamente por 3,32. Porén, tendo en conta o crecemento da poboación, a porcentaxe de migrantes con respecto á poboación mundial só pasou do 2,3 % ao 3,6 %, o que constitúe unha minoría dentro da poboación total. En xeral, a maioría das persoas que migran non traspasa as fronteiras internacionais (é dicir, permanecen no seu país de nacemento). (Informe sobre as Migracións no Mundo, 2022).

Por outro lado, o número de persoas desprazadas dentro e fóra do seu país de orixe está a aumentar cada vez máis debido a diferentes motivos: conflitos bélicos, violencia, inestabilidade política ou económica, desastres relacionados co clima, etc. En 2022, había uns 117 millóns de persoas desprazadas no mundo (incluíndo refuxiados —35,3 millóns—, solicitantes de asilo —5,4 millóns—, desprazados internos —71,2 millóns— e outros con necesidade de protección internacional —5,2 millóns—). Ademais, o número de solicitantes de asilo aumentou un 30 % entre 2020 e 2022. (World Migration Report, 2024).

Atendendo á poboación de migrantes internacionais por rexións das Nacións Unidas, destaca Europa como principal destino. Isto pódese comprobar no seguinte gráfico, que mostra o número de migrantes internacionais que residen nas distintas rexións entre os anos 2005 e 2020.