5. CAUSAS DAS MIGRACIÓNS


O principal motivo da migración é a posibilidade de mellorar a calidade de vida para os migrantes e as súas familias, así como superar as desigualdades económicas, sociais e demográficas dos seus países ou lugares de orixe: fame, desemprego, conflitos bélicos, persecucións por motivos políticos, ideolóxicos ou relixiosos, ou cambios climáticos e catástrofes naturais. Tamén inflúe o feito de que os países máis desenvolvidos requiren man de obra que dificilmente poden cubrir con residentes locais.

A continuación, mencionanse e descríbense brevemente algunhas das razóns que motivan os movementos migratorios:

Mellorar a calidade de vida

As migracións teñen como causa principal a busca de mellores salarios e calidade no traballo.

Segundo a Organización Internacional do Traballo da ONU, algo máis de dous terzos dos migrantes internacionais en 2019 —e tamén en 2020— eran traballadores migrantes. É dicir, persoas en idade de traballar que se desprazan co obxectivo de ser empregadas e realizar unha actividade remunerada.

Defínese migrante internacional como «calquera persoa que cambia de país de residencia habitual». Exclúense desta definición os movementos «con fins de lecer, vacacións, visitas a amigos e familiares, negocios, tratamento médico ou peregrinación relixiosa» (DAES [1998], Recomendacións sobre Estatísticas das Migracións Internacionais, Revisión 1, párr. 32).

Para comprender as causas que levan os traballadores migrantes a cambiar de país, é importante coñecer como son os países de destino aos que se desprazan os inmigrantes.


No gráfico anterior apréciase que, en 2019, a gran maioría foi a:

  • Países de ingreso alto (que adoitan corresponderse con países desenvolvidos e ricos). A maior parte concéntrase nestes países.
  • Países de ingreso medio-alto (cun bo nivel de desenvolvemento e un nivel de riqueza algo máis baixo cós anteriores).

A conclusión que se pode extraer é que as persoas migrantes desprázanse para buscar emprego, mellorar as súas condicións laborais e, en xeral, a súa «calidade de vida». Os motivos económicos xogan, por tanto, un papel fundamental nas migracións.

A globalización

A chamada «globalización» é un proceso de liberalización comercial de bens e servizos baseado na redución ou, mesmo, na supresión de aranceis comerciais, acompañado da eliminación de obstáculos para o movemento de persoas, capitais, tecnoloxía, etc.

A globalización supuxo unha multiplicación das comunicacións baseada nos medios de transporte (cada vez máis avanzados) e nas telecomunicacións. Todo isto facilitou o movemento das persoas polo mundo e creou a percepción dun mundo menos dividido e máis integrado.

O cambio climático

O cambio climático —que fai referencia a cambios e variacións nos elementos do clima a medio-longo prazo debido a causas naturais e humanas— acentúa os problemas que afectan ás zonas en desenvolvemento, con economías agrícolas nas que xa son frecuentes desastres naturais (como as secas), que periodicamente reducen os ingresos. Do mesmo xeito, debido ao quecemento global, o ascenso das temperaturas fará aínda máis graves os fenómenos naturais, motivando a poboación a emigrar a outros lugares para refacer as súas vidas.

O cambio climático pode influír nos movementos migratorios en España de dúas formas:

  • Afectando as condicións de vida nos países de orixe da inmigración. Por exemplo, en países de África, América Latina e a zona dos Balcáns, que son espazos xeográficos desde os que adoitan chegar inmigrantes a España.
  • Aumentando os riscos de erosión e desertificación, especialmente en zonas con climas semiáridos, debido á elevación da temperatura mundial. Isto pode afectar especialmente ao sueste de España e a zonas centrais da depresión do Ebro, favorecendo a emigración cara a outras zonas de España ou do estranxeiro onde non se dean estas circunstancias.

REFLEXIONA

  1. Podemos mencionar algúns aspectos da globalización que fomentasen os movementos migratorios?
  2. Como influíu (e inflúe) a industrialización e o desenvolvemento tecnolóxico do sector secundario nos movementos migratorios?

Conceptos clave

  • Inmigración: Chegada de poboación a un territorio, procedente doutro, para establecerse alí. Pode deberse a diferentes causas, sendo a económica a máis frecuente, aínda que tamén pode estar motivada por razóns políticas. A persoa que migra denomínase inmigrante.
  • Migración: Desprazamento dunha persoa dun lugar a outro (xeralmente traspasando determinados límites ou fronteiras), implicando un cambio de lugar de residencia (de forma temporal ou definitiva).
  • Emigración: Saída da poboación desde o lugar de orixe ou residencia. A persoa que emigra denomínase emigrante. En España, exemplos de emigración serían o éxodo rural ou a emigración dos anos 60 e 70 do século XX cara a Europa (Francia, Alemaña, Suíza, etc.).