4. OS MOVEMENTOS MIGRATORIOS EN ESPAÑA.


Os movementos migratorios son aqueles desprazamentos da poboación que implican un cambio de lugar de residencia. Estes poden realizarse dentro dun país ou traspasar límites ou fronteiras.

As migracións poden ser voluntarias ou involuntarias, existindo múltiples causas que favorecen que estas se produzan (económicas, ambientais, sociais, etc.). Tamén existen distintos tipos de migracións (consultamos o glosario do tema para máis información). A migración irregular, que fai alusión ao «movemento de persoas que se produce á marxe das leis, das normas ou dos acordos internacionais que rexen a entrada ou a saída do país de orixe, de tránsito ou de destino.» (OIM, termos fundamentais sobre migración, 2024) queda fóra do ámbito de estudo deste tema.

A migración é un fenómeno de alcance mundial e afecta a un gran número de persoas (especialmente, nun mundo globalizado). Está presente na Axenda 2030, que a recoñece como un axente impulsor do desenvolvemento sustentable. A súa inclusión nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) supón un fito importante para unha gobernanza internacional da migración máis efectiva.

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2015, consiste nun conxunto de 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) que pretenden abordar as causas profundas da pobreza e as desigualdades, así como outros retos globais da sociedade como a mitigación do cambio climático, a contaminación e a degradación dos ecosistemas, e 169 Metas complementarias establecidas nun plan para acadar en 15 anos.

Ante o aumento dos fluxos migratorios no mundo, no ano 2000 a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) proclamou o 18 de decembro como o Día Internacional do Migrante, coa finalidade de impulsar o intercambio de experiencias e oportunidades de colaboración por parte dos países e rexións.

Ao longo dos seguintes apartados analizaremos o fenómeno migratorio, abordando —ademais dalgunhas das causas— o estudo das migracións exteriores, as migracións interiores e, finalmente, veremos as consecuencias que estes movementos teñen na configuración demográfica dun país. En particular, en España, os movementos migratorios desempeñaron un papel importante, tanto na configuración demográfica (distribución e estrutura), como na configuración económica e social.


REFLEXIONA

Antes de comezar, respondemos ás seguintes cuestións:

  • Que movementos migratorios se produciron na nosa familia?
  • Onde naceron e viviron os nosos avós?
  • Onde nacemos e onde vivimos actualmente?
  • Cales foron as causas deses cambios de residencia?