Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)
2. O tempo na historia.
|
O tempo xoga un papel fundamental dentro da historia, dado que conforma o marco cronolóxico que quere coñecer o historiador, ese pasado humano ao que se achega mediante as fontes históricas. As dimensións dese pasado son tan grandes que as persoas que se adican aos estudos de historia acordaron dividilo nas chamadas idades. Se ben esa división da historia presenta variedades en función das distintas escolas de historiadores, no noso entorno cultural acéptase a que podes ver na imaxe. Os puntos que marcan o paso dunha idade a outra adoitan ser feitos ou procesos de grande transcendencia, tal como a invención da escritura (fin da prehistoria), ou a revolución francesa (inicio da Idade contemporánea). Malia isto debemos ter presente que esta clasificación está feita polos historiadores para tentar organizar os estudos de historia, pero non é a historia en si; así, por exemplo un habitante de Roma, ao día seguinte da fin do Imperio, non era consciente de que pasara de ser “antigo” a ser “medieval.” Máis aínda, o propio concepto Idade Media está elaborado por historiadores que valoraban o mundo clásico e a recuperación do mesmo que ten lugar na Idade Moderna, polo que falaron de Idade Media para referirse aos mil anos que están entre eses dous períodos de esplendor, quedando relegada a ser unha época "menor." Esta visión da historia en períodos mellores ou peores ca outros pervive nos nosos días; non tes máis que escoitar o uso xornalístico do adxectivo medieval como sinónimo de salvaxe e desfasado.
|
|