Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)
| Sitio: | Aula Virtual IES Mendiño |
| Curso: | 2023/2024 XEOGRAFÍA E HISTORIA 1º ESO |
| Libro: | Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia) |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | xoves, 15 de xaneiro de 2026, 10:54 PM |
Descrición
Apuntamentos en formato web do tema 7, Espazo e tempo na historia.
1. Introdución. As fontes históricas.
|
A historia encárgase de estudar o pasado tomando ao ser humano como o obxectivo fundamental de coñecemento. Como ese pasado tamén é denominado historia, temos aquí un curioso trabalinguas no que unha mesma palabra se emprega para falar do tanto do obxecto de estudo como da disciplina que leva a cabo ese estudo. Afortunadamente para nós non teremos que pararnos neste tipo de cuestións que xeneraron e xeneran grandes debates entre os estudosos. Iremos ao esencial: a historia ocúpase do ser humano no tempo, atendendo ás múltiples dimensións: política, economía, sociedade, cultura… e empregando para iso as chamadas fontes históricas. Unha fonte histórica é calquera elemento que ofreza información sobre as actividades humanas no pasado. Pódense clasificar en función de distintos criterios: · Segundo a súa natureza: poden ser fontes escritas (libros, cartas, rexistros, contratos...), materiais (restos arqueolóxicos) ou orais (testemuñas de persoas relacionadas cun feito ou época histórica). · Segundo a súa orixe: poden ser primarias ou secundarias. As fontes primarias son as que proceden directamente do momento que se está a estudar (restos arqueolóxicos, documentos da época) e as secundarias son as que non proceden directamente do momento que se estuda, senón que son posteriores (obras de historiadores, interpretacións de arqueólogos sobre restos arqueolóxicos...) · Segundo os seus contidos: As fontes históricas poden ser políticas, económicas, sociais, culturais… En calquera caso, as fontes son a materia prima coa que traballa a persoa que se adica á historia, e para facelo debe contemplalas desde unha perspectiva crítica, buscando o seu grao de veracidade e empregando, para iso unha gran cantidade de disciplinas: arqueoloxía, epigrafía, antropoloxía...
|
![]() ![]() ![]() |
2. O tempo na historia.
|
O tempo xoga un papel fundamental dentro da historia, dado que conforma o marco cronolóxico que quere coñecer o historiador, ese pasado humano ao que se achega mediante as fontes históricas. As dimensións dese pasado son tan grandes que as persoas que se adican aos estudos de historia acordaron dividilo nas chamadas idades. Se ben esa división da historia presenta variedades en función das distintas escolas de historiadores, no noso entorno cultural acéptase a que podes ver na imaxe. Os puntos que marcan o paso dunha idade a outra adoitan ser feitos ou procesos de grande transcendencia, tal como a invención da escritura (fin da prehistoria), ou a revolución francesa (inicio da Idade contemporánea). Malia isto debemos ter presente que esta clasificación está feita polos historiadores para tentar organizar os estudos de historia, pero non é a historia en si; así, por exemplo un habitante de Roma, ao día seguinte da fin do Imperio, non era consciente de que pasara de ser “antigo” a ser “medieval.” Máis aínda, o propio concepto Idade Media está elaborado por historiadores que valoraban o mundo clásico e a recuperación do mesmo que ten lugar na Idade Moderna, polo que falaron de Idade Media para referirse aos mil anos que están entre eses dous períodos de esplendor, quedando relegada a ser unha época "menor." Esta visión da historia en períodos mellores ou peores ca outros pervive nos nosos días; non tes máis que escoitar o uso xornalístico do adxectivo medieval como sinónimo de salvaxe e desfasado.
|
|
2.1. Anos e séculos.
|
· Anos e séculos Pensa no ano e no século que naciches, verás como por un lado visualizas un número árabe (por exemplo 1950, aínda que seguramente non naciches neste ano...) e por outro un número romano (século XX ou XXI, aquí dificilmente haberá para ti máis opcións ca estas dúas por razóns obvias...). Este uso de números árabes para os anos e romanos para os séculos é básico cando nos movemos na historia. Ademais, debemos ter presente que, desde a nosa perspectiva occidental, sitúase o nacemento de Xesús de Nazaret como eixo que cambia o cómputo cronolóxico, falándose así de anos e séculos antes de Cristo (a. C.) e despois de Cristo (d. C. ou A. D.). Pero moito ollo, non existe o ano 0; isto é, pasamos do 1 a.C ao 1 d. C., co que o século I d. C comeza no ano 1 d. C e remata no 100 d. C, sendo o ano 101 d.C o primeiro ano do século II. Así sucede con todos os séculos.
Outras culturas contan o tempo doutro xeito. Os xudeus por exemplo sitúan a orixe do mundo en torno ao 3760 a. C, co que na actualidade estarían na década do 5770. O Islam marca emprega como eixo cronolóxico a fuxida do Profeta da Meca a Medina, no ano 622 (feito denominado Héxira), co que estarían na década do 1430. Pola súa banda, os chineses sitúan a orixe do seu calendario no emperador Huangdi, concretamente na súa coroación, que segundo a tradición foi no 2698 a. C, co que se atoparían na década do 4710. |
|
3. O espazo na historia.
|
Unha vez traballada a dimensión temporal da historia, centrarémonos na dimensión espacial, no escenario. Nas unidades adicadas á xeografía vimos bastantes mapas, e tamén observabamos como a cartografía distorsiona a realidade ao ter que empregar unha ou outra proxección xeográfica. Non hai máis que botar unha ollada aos mapamundis que adoitamos ver en calquera parte para que Europa apareza coma centro do mundo, algo irreal se falamos dun corpo esférico coma o xeoide que é o planeta Terra, no que calquera outra parte podería ocupar ese centro. Esta concepción de Europa coma eixo xeográfico do mundo acompáñase da consideración de Europa coma único motor civilizador da historia, dando lugar ao denominado eurocentrismo, que supón non soamente considerar a Europa centro do mundo e protagonista da historia, senón que vai acompañado da minusvaloración doutros espazos e doutras historias, como a africana, a asiática, a americana… que soamente se mencionan en relación con Europa. Pensa por exemplo cando falamos do “descubrimento” de América, que é algo que podemos dicir desde a perspectiva europea pero que pasa por alto o feito de que había pobos e civilizacións nativas que non necesitaban “descubrir” as terras nas que vivían. A raíz do eurocentrismo atópase no dominio político de boa parte do mundo por parte de Europa durante a Idade Moderna e parte da Contemporánea, e malia que ese dominio xa non existe, a identificación de Historia Universal con Historia de Europa segue a facerse. Aquí tes un interesante texto que ilustra o que acabamos de ver: |
A historia do mundo escribiuse case sempre desde un punto de vista situado en torno aos 45 graos de latitude norte. Guadalupi, G. e Shugaar, A. Latitud 0. Viajeros, exploradores
y aventureros alrededor de la línea del Ecuador.Ed. Destino (2006) |
4. Os protagonistas da historia.
|
A historia móvese no tempo e no espazo tendo como obxectivo o estudo do ser humano, tal e como viamos no inicio da unidade. Aínda así, durante moito tempo os estudos de historia centrábanse exclusivamente en grandes figuras coma reis, heroes militares, nobres… deixando de lado ao conxunto da poboación. E, mesmo cando se foi superando ese estudio focalizado soamente en grandes personaxes, persistiron grupos sociais que a historia marxinou, debido a que esa marxinación era algo común nas sociedades nas que vivían os historiadores. Pode apreciarse esta marxinación no caso das mulleres, tradicionalmente os estudos históricos non se centraban na historia das mulleres, que permaneceron afastadas dos obxectivos das obras de historia ata as derradeiras décadas do século XX, no contexto das reivindicacións do movemento feminista que consideraba necesario unha perspectiva histórica seria sobre a muller como base da loita pola igualdade de dereitos. Simone de Beauvoir, figura clave do feminismo do século XX dicía, a este respecto “non é a inferioridade das mulleres o que determinou a súa insignificancia histórica, senón a súa insignificancia histórica o que as condenou á inferioridade” poñendo de manifesto o papel dos estudos históricos coma lexitimadores de situacións sociais inxustas que sucedían no presente deses estudos. Por outra banda, a marxinación á que someteu a historia tradicionalmente a determinados grupos non soamente obedecía a razóns de xénero, senón que tamén funcionaba mediante parámetros etnocentristas. Deste xeito, a historia de colectividades minoritarias como a xitana simplemente non existía porque non se consideraba relevante, cando por exemplo en España hai testemuñas de presenza xitana xa no século XV. O mesmo sucedeu en países coma Estados Unidos coa poboación nativa americana ou coa poboación negra. É importante non esquecer estes erros da historia e tentar non perpetualos para que a historia nos sirva para coñecer e comprender elementos imprescindibles para lograr unha convivencia nun mundo cada vez máis intercultural e interconectado, pero con preocupantes repuntes de actitudes xenófobas e excluíntes. |
![]() ![]() |
5. Causas e consecuencias na historia.
|
A historia non pretende limitarse a describir as situacións humanas do pasado nun espazo xeográfico determinado, senón que aspira á comprensión, a entender por que as cousas sucederon dun ou doutro xeito. Xorde así a causalidade como elemento central da investigación histórica. A persoa adicada aos estudos de historia emprega as fontes non soamente para obter unha imaxe estática dun determinado momento histórico, senón para comprender o por que, as causas que motivan esas situacións. Parellamente, do mesmo xeito que se busca a causa dun feito ou proceso, aparece automaticamente a consecuencia; é dicir o que antes era causado por algo será á súa vez causa doutros elementos. Por exemplo, veremos que a caída do Imperio romano é causada, entre outros factores, polas invasións de pobos bárbaros; e á súa vez ese colapso do Imperio causa a fragmentación do poder político no Occidente europeo. Por suposto, o panorama complícase cando hai unha multicausalidade, isto é diversas causas que actúan conxuntamente e que soe ser común cando se estuda un fenómeno histórico. Para atender á complexidade da investigación histórica emprégase un método rigoroso que consta dos seguintes chanzos: 1.- Elaboración de hipóteses ou posibles explicacións a partir dos coñecementos previos sobre un proceso ou feito histórico. 2.- Busca de información, de fontes históricas de todo tipo. 3.- Análise crítica das fontes, coa finalidade de establecer en que medida son válidas para coñecer os trazos do feito ou proceso que se quere estudar. 4.- Elaboración de conclusións, que poden sintonizar ou non coas primeiras hipóteses. |
![]() |
6. Os teus primeiros pasos como historiador/a
|
A partir desta unidade comezaremos a traballar as etapas da historia que van desde a Prehistoria ata o final da Idade Antiga. Nada máis e nada menos que uns dous millóns de anos. Como primeiros pasos para non que non te perdas neste labirinto que é ás veces á historia, propoñémosche tres técnicas que che resultarán moi útiles cando te atopes diante de calquera tema de historia.
a.- Definir conceptos históricos.
|
b.- Comentar textos históricos.
c.- Analizar mapas históricos.
|






