4. A cultura romana

4.1. A arte

A arte romana foi moi rica, alcanzando unha ampla difusión ao estenderse por todos os recunchos do Imperio. Das distintas artes, a que alcanzou máis importancia con diferenza foi a arquitectura.

A ARQUITECTURA

As súas funcións eran diversas:
  • Tiña un carácter eminentemente práctico, dándolle máis importancia aos aspectos técnicos e funcionais cós meramente estéticos,
  • Tiñan tamén un carácter conmemorativo e simbólico, xa que era utilizada para resaltar a grandeza de Roma.
  • CARACTERÍSTICAS XERAIS

    Os romanos mesturaron elementos arquitectónicos gregos con técnicas etruscas, como o arco, a bóveda e a cúpula que lles permitiu cubrir espazos maiores.
    Empregaron o ladrillo cocido xunto con morteiro (mestura de area e cal con auga) o que conferiu unha grande solidez ás construcións.
    Decoraban os muros con pinturas ou mármores e cubrían os chans con mosaicos elaborados con pequenas pezas de cores chamadas teselas.

    PRINCIPAIS CONSTRUCIÓNS

    (ver o seguinte apartado de urbanismo)

    • Edificios públicos:
      • Templos e basílicas.
    • Edificios públicos para o ocio:
      • Termas, teatros, anfiteatros e circos.
    • Monumentos conmemorativos:
      • Arcos de triunfo e columnas conmemorativas.
    • Obras de enxeñería destinadas a facilitar as comunicacións e a prestación de servizos en todo o Imperio:
      • Calzadas romanas, pontes, acuedutos e murallas.

OUTRAS ARTES

A ESCULTURA

Ao igual que noutras facetas da cultura romana, estivo moi influenciada pola grega. É máis, moitas das esculturas gregas que coñecemos chegaron ata nós polas súas copias romanas, non as orixinais. Un exemplo é o famoso "Discóbolo de Mirón".
A innovación da escultura romana foi o retrato, tanto en bustos como en estatuas ecuestres, así como os relevos conmemorativos que evocaban as xestas dos emperadores. O material empregado foi a mármore e o bronce.

A PINTURA

Tiña unha función decorativa e unha representación realista.
Usaban a técnica do fresco e protexíana cunha capa de cera que avivaba as cores.

Arco e bóveda

Mosaico

Discóbolo

Estatua ecuestre

Detalle da Columna Traxana